Paula Cons achéganos a historia do naufraxio do Santa Isabel na súa primeira longametraxe de ficción.

23 / 07 / 2020

A nosa asociada Paula Cons dirixe e escribe A illa das mentiras, unha coprodución de Agallas Films, Historias del Tío Luis, Aleph Cine e Take 2000. Protagonizada por Nerea Barros, Victoria Teijeiro, Ana Oca, Darío Grandinetti e Aitor Luna, estréase este 24 de xullo. Falamos con ela con motivo desta estrea.

Pregunta: A estrea de A illa das mentiras estaba prevista para o pasado mes de maio, finalmente estrearase o 24 de xullo en Filmin. Estando a rodaxe orientada á pantalla grande, que pode gañar e perder a fita en dispositivos?

Paula Cons: Gaña a visibilidade que lle quitou o coronavirus, chegar a moitos fogares. E que ademais, as salas e as plataformas son complementarias, non excluíntes. Ademais Filmin é unha plataforma exquisita.

P: Verémola en cines este ano?

PC: Se o coronavirus nos deixa, desde logo. A idea é estrear en cines, cando menos en Galicia. Barallamos agora mesmo o 3 de outubro como data de estrea.

“Chegou o momento de facer complementarias as salas e as plataformas”

P: A Covid-19 está condicionando moito as estreas en salas e os ritmos de produción e distribución en todo o mundo. Estamos ante un punto de inflexión en canto ás regras de distribución e exhibición de cinema?

PC: A min danme moito medo os agoreiros que semella queren rematar coas salas. Iso non pode pasar, sería unha traxedia. Pero seica chegou o momento de explorar todas as posibilidades de sinerxia e facer complementarias e dobremente fortes polo tanto, ás salas e ás plataformas, facendo campañas conxuntas, retroalimentándose as unhas ás outras.

©Filmax

“Viña de facer un documental moi exhaustivo e tiña moita necesidade de deixar voar a imaxinación.”

P: A illa das mentiras é a túa primeira longametraxe non documental como directora, que hai do teu espírito documentalista nesta película?

PC: Está no punto de partida: un feito real e uns protagonistas reais. E está na recreación do mundo, das roupas, do etnográfico, que me pareceu importantísmo, que conta moito máis que as palabras e os diálogos.

P: Ese feito real de partida, o naufraxio do Santa Isabel fronte a Sálvora, non era moi coñecido ata o de agora. Cales foron os elementos que te motivaron a facer unha ficción no canto dun documental sobre o afundimento?

PC: Tiña moitas ganas de escribir a miña propia longametraxe e esta historia gustounos a min e oa meu socio Juan de Dios, así que decidimos tirar do fío. Viña de facer un documental moi exhaustivo e tiña moita necesidade de deixar voar a imaxinación. Ademais o que me parecía sen dúbida ningunha máis interesante eran elas tres, nun documental non ía poder traballar na súa psicoloxía, nas súas emocións como cunha película.

P: Cres que sería unha historia máis coñecida se, no canto delas tres, fosen os homes da illa os rescatadores?

PC: Sempre me preguntan isto e empezo a pensar que se tanto se repite a pregunta, a resposta claramente debe ser SI. Desde logo o paternalismo co que foron tratadas inicialmente non tería existido, e despois a alegría coa que lixaron o seu nome eu creo que non se tería producido. Nin ese baquetealas dun lado para outro.

© Filmax

“Se as rescatadoras fosen homes, o paternalismo co que foron tratadas inicialmente non tería existido.”

P: As rodaxes en illas son especialmente complicadas a nivel de produción por loxística, climatoloxía, comunicacións… por que era tan importante rodar en Sálvora?

PC: Agardo que unha vez se vexa a película non quede dúbida de que había que rodar alí. Esa beleza agresiva, imponente, brutal, con esas pedras, bolos, que se sosteñen de xeito imposible, esa vexetación que non medra por mor do vento, o mar por todas partes, e esa aldea que semella do farwest coas casas todas iguais unhas fronte a outras.

P: Cal destacarías como o elemento máis poderoso da película?

PC: As actuacións e a fotografía.

©Filmax

P: Para rematar, que retos afronta a película e cales son os teus desexos para ela?

PC: A pobriña xa leva sufrido un pouco pero creo que agora só vai ter boas noticias. Acaban de confirmar a selección para a sección oficial do Festival de Shanghai, e estaremos noutros Festivais moi queridos por nós, e agardo que a comunidade de Filmin e os espectadores a queiran. E ao longo do mundo, pois xa se está vendendo moi ben, no Leste de Europa, China…

Etiquetas: Entrevistas