IV Foro da Industria Galega do Audiovisual – FIGA

 

O Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA) consolídase na súa cuarta edición como un espazo estratéxico de encontro, formación e impulso para o sector audiovisual galego. FIGA evoluciona cara a un formato máis especializado e práctico, orientado á capacitación profesional.

A edición de 2026 celebrarase na cidade da Coruña durante seis xornadas nos meses de outubro e novembro, reforzando o papel da provincia como punto de referencia do ecosistema audiovisual galego.

O programa estrutúrase arredor de tres eixos fundamentais —distribución, deseño de audiencias e promoción/comunicación— seleccionados por seren tres ámbitos clave e interdependentes no ciclo de vida dunha obra audiovisual. A elección destas tres “patas” responde á necesidade de ofrecer unha visión integral do percorrido dun proxecto, desde a súa finalización ata a súa chegada efectiva ao público.

O prazo de inscrición estará aberto do 15 de setembro ao 15 de outubro, a través da web da Academia Galega do Audiovisual.

Onde terá lugar FIGA? Todas as actividades serán na Facultade de Ciencias da Comunicación do Campus de Elviña da Universidade da Coruña.

Xornada 1 – Comunicación e promoción

Imparte Piti Alonso

Datas: 23 e 24 de outubro

Onde: Facultade de Ciencias da Comunicación. Campus da Universidade da Coruña

Xefe de prensa, especialista en publicity, relacións públicas e xestión de talento

Piti Alonso é xefe de prensa e especialista en publicity, relacións públicas e comunicación audiovisual, cunha traxectoria de máis de dúas décadas ligada ao cine e ao audiovisual español. En 2000 fundou, xunto a David Sánchez, DYP Comunicación, axencia desde a que traballa na comunicación e promoción de películas, series e proxectos culturais, así como na organización de prensa de festivais e grandes acontecementos da industria.

Ao longo da súa carreira participou na promoción de títulos como Lucía y el sexo, Crimen ferpecto, Balada triste de trompeta, Yo, también, Padre no hay más que uno 5 ou El secreto del orfebre, entre moitos outros. A súa experiencia abrangue tamén a xestión de talento, alfombras vermellas, photocalls e atención aos medios, especialmente vinculada aos grandes eventos do cine español. DYP forma parte da Oficina de Prensa e Relacións Públicas do Festival de Málaga e da organización de prensa dos Premios Goya, onde traballa na coordinación de medios, talento e alfombra vermella. Desde 2025 é ademais responsable de Butaca Preferente, a sección de cine de El Despertador de Radio Nacional de España.

AULA MAXISTRAL · ABERTA AO PÚBLICO

Venres 23 de outubro · 17.00 – 18.00 h
Facultade de Ciencias da Comunicación. Campus de Elviña da Universidade da Coruña

A xornada de comunicación e promoción abrirase cun aula maxistral gratuíta e aberta ao público, na que se abordarán as claves para deseñar unha estratexia de comunicación eficaz para un proxecto audiovisual e achegalo aos seus públicos.

Unha sesión pensada para coñecer ferramentas, estratexias e casos prácticos da man dunha profesional especializada no ámbito da comunicación e a promoción audiovisual.

Non é necesaria inscrición previa. Entrada libre ata completar capacidade.

TALLER · FORMACIÓN PROFESIONAL

Sábado 24 de outubro · 10.00 – 14.00 h
Facultade de Ciencias da Comunicación. Campus de Elviña da Universidade da Coruña

A programación continuará o sábado cun taller práctico dirixido a profesionais do sector audiovisual, pensado para afondar nos contidos da masterclass e traballar de maneira máis específica sobre as necesidades e retos da comunicación e promoción dun proxecto.

As prazas son limitadas a 20 persoas, polo que será necesaria a inscrición previa a través do formulario habilitado nesta páxina.

COMO REALIZO A INSCRICIÓN

Xornada 2 – Análise e Desenvolvemento de Audiencias

Imparte Álvaro Vega, Ana González Neira e Natalia Quintas Froufe

Datas: 30 e 31 de outubro

Onde: Facultade de Ciencias da Comunicación. Campus de Elviña da Universidade da Coruña

Fundador e CEO de DobleSentido. Especialista en marketing, comunicación e audiencias

Álvaro Vega é especialista en marketing, comunicación, consultoría e audiencias para as industrias creativas e culturais. Ao longo da súa carreira foi responsable da promoción de máis de 125 películas, desde grandes producións ata cine independente e óperas primas, con cineastas como David Lynch, Gus Van Sant, Martin Scorsese, Sofia Coppola, Wong Kar-wai, Jane Campion ou Carlos Saura. Participou tamén en dúas candidaturas españolas aos Óscar.

Foi director de Marketing e xefe de prensa de Vértigo Films entre 2007 e 2012 e actualmente é CEO de DobleSentido, axencia desde a que traballa con produtores, distribuidores, axentes de vendas, festivais e programas de formación. Nos últimos dez anos impartiu formacións e asesorías en máis de 20 países, especializándose en estratexia, promoción e conexión entre os proxectos audiovisuais e as súas audiencias.

 

 

 

Ana González-Neira é profesora titular da Facultade de Comunicación da Universidade da Coruña. A súa actividade docente e investigadora céntrase no estudo das novas audiencias televisivas e na historia dos medios de comunicación. Participou en diversos proxectos de investigación de ámbito estatal e internacional e é autora de numerosos artigos científicos e capítulos de libros relacionados con estas áreas de estudo. Así mesmo, desenvolveu estadías como profesora visitante na Universidade Nacional Autónoma de México, na Sapienza Università di Roma e na Università del Sacro Cuore de Milán.

 

 

 

Natalia Quintas-Froufe é profesora titular da Facultade de Comunicación da Universidade da Coruña. A súa actividade docente e investigadora céntrase no estudo da participación das audiencias no novo ecosistema mediático e na adaptación das estratexias publicitarias ás transformacións deste contexto. É coordinadora, xunto con Ana González-Neira, das obras Estudios de la audiencia. De la tradición a la innovación (2021, Gedisa) e La participación de la audiencia en la televisión: de la audiencia activa a la social (2015, Asociación para la Investigación de Medios de Comunicación).

MICROCREDENCIAL EN ANÁLISE E DESENVOLVEMENTO DE AUDIENCIAS

Venres 30 de outubro · 16.30 – 20.30 h

Sábado 31 de outubro · 10.00 – 14.00 h

Onde: Facultade de Ciencias da Comunicación. Campus de Elviña da Universidade da Coruña

O eixo de Desenvolvemento de Audiencias do IV FIGA desenvolverase en colaboración coa Universidade da Coruña (UDC) a través dunha microcredencial universitaria, unha formación especializada orientada a achegar ferramentas e coñecementos para comprender, identificar e conectar cos públicos dos proxectos audiovisuais.

A inscrición, a diferenza das actividades de Comunicación e Distribución, realizarase directamente a través da Universidade da Coruña.

COMO MATRICULARSE

Para participar nesta formación é necesario formalizar a matrícula na UDC a través da súa plataforma de matrícula.

COMO REALIZO A INSCRICIÓN

Xornada 3 – Distribución

Imparte Lara P. Camiña

Datas: 13 e 14 de novembro

Onde: Facultade de Ciencias da Comunicación. Campus de Elviña da Universidade da Coruña

Distribuidora, produtora e cofundadora de Bteam Pictures

Lara Pérez Camiña é distribuidora, produtora e actual presidenta de ADICINE (Asociación de distribuidores independentes cinematográficos), cunha ampla experiencia no ámbito do cine independente e de autor. Licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade Ramon Llull, iniciou a súa carreira en Nova York e posteriormente traballou no departamento de Comunicación de Notro Films, onde participou en máis de 30 estreas e colaborou con cineastas como Fernando Meirelles, Rodrigo García ou Martin Scorsese.

En 2013 fundou Bteam Pictures, desde onde participou na distribución de títulos como La novia, Una mujer fantástica, Otra ronda, Sirât, Los domingos, Cinco lobitos ou 20.000 especies de abejas. Como produtora asociada e executiva, traballou tamén en películas como Entre dos aguas, Las niñas, La maternal, Segundo premio ou Ciudad sin sueño. A súa experiencia abrangue así todo o percorrido dunha película, desde a produción e a estratexia de distribución ata o seu encontro cos públicos.

O terceiro eixo do FIGA estará centrado na distribución audiovisual, un dos momentos decisivos no percorrido dunha obra: como definir unha estratexia, identificar as mellores vías de circulación e conseguir que un proxecto atope o seu público.

A proposta articúlase tamén en dúas sesións complementarias: unha masterclass aberta ao público e un taller práctico para profesionais, con prazas limitadas.

AULA MAXISTRAL · ABERTA AO PÚBLICO

Venres 13 de novembro · 17.00–18.00 h
Facultade de Ciencias da Comunicación do Campus de Elviña da Universidade da Coruña

A xornada de distribución comezará cun aula maxistral gratuíta e aberta ao público na que se achegarán as principais claves para deseñar a estratexia de distribución dunha obra audiovisual.

Non é necesaria inscrición previa. Entrada libre ata completar capacidade.

TALLER · FORMACIÓN PROFESIONAL

Sábado 14 de novembro
Facultade de Ciencias da Comunicación do Campus de Elviña da Universidade da Coruña

O programa completarase cun taller práctico dirixido a profesionais do audiovisual, no que se poderá profundar nas cuestións abordadas na masterclass e traballar sobre as diferentes posibilidades e estratexias de distribución dunha obra.

O taller contará con 20 prazas, polo que será necesaria a inscrición previa.

COMO REALIZO A INSCRICIÓN

INSCRICIÓN E RESERVA DE PRAZA

Os talleres profesionais de Comunicación e Distribución e a microcredencial de Análise e Desenvolvemento de Audiencias contan con 20 prazas cada un e requiren inscrición previa.

Para reservar a praza para os talleres de Comunicación e Distribución será necesario:

  1. Cubrir o formulario de inscrición correspondente ao taller.
  2. Realizar un ingreso de 100 € en concepto de reserva na conta bancaria ES24 1491 0001 2220 9713 0021 – TRÍODOS BANK. 
  3. Achegar o xustificante de pagamento ao correo electrónico info@academiagalega.gal.
  4. O importe da reserva será devolto integramente unha vez comprobada a asistencia ao taller. O pagamento funciona, polo tanto, exclusivamente como garantía da praza.

Importante: a reserva debe realizarse para cada taller de maneira independente. As prazas asignaranse por orde de inscrición ata completar as 20 dispoñibles.

Para reservar a praza para a microcredencial de Análise e Desenvolvemento de Audiencias será necesario:

  1. Formalizar a matrícula na UDC a través da súa plataforma de matrícula.

PREGUNTAS E RESPOSTAS

  • Que é o FIGA?

O Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA) é unha espazo de encontro, formación e impulso para o sector audiovisual galego. Nesta cuarta edición, o programa céntrase en tres ámbitos clave para o percorrido dunha obra audiovisual: comunicación e promoción, desenvolvemento de audiencias e distribución. Esta iniciativa está impulsada pola Academia Galega do Audiovisual co apoio do Concello da Coruña, a área de cultura da Deputación da Coruña e a colaboración da Universidade da Coruña.

  • Cando e onde se celebra o FIGA?

A cuarta edición do FIGA terá lugar na cidade da Coruña durante os meses de outubro e novembro, con seis xornadas de formación na Facultade de Ciencias da Comunicación no Campus Elviña da Universidade da Coruña.

  • A quen está dirixido o FIGA?

O programa combina actividades abertas ao público con formacións específicas dirixidas a estudiantes e profesionais do sector audiovisual. As aulas maxistrais son abertas ao público, mentres que os talleres profesionais contan con prazas limitadas e requiren inscrición previa.

  • Podo asistir a unha aula maxistral sen participar no taller?

Si. As aulas maxistrais de Comunicación e Distribución son abertas ao público, gratuítas e non precisan inscrición previa. Podes asistir aínda que non participes no taller posterior.

  • Se quero participar no taller, tamén podo asistir á aula maxistral?

Si, e é recomendable. A aula maxistral introduce os principais conceptos e ferramentas que posteriormente se traballarán de maneira máis práctica no taller.

  • Se quero participar en varios talleres, teño que inscribirme en cada un?

Si. A reserva de praza debe realizarse para cada taller de maneira independente. Cada taller conta con 20 prazas e as prazas asignaranse por orde de inscrición.

  • Por que teño que pagar 100 € se o taller é de balde?

O importe de 100 € funciona exclusivamente como garantía da praza. A cantidade será devolta integramente unha vez comprobada a asistencia ao taller.

Para reservar a praza é necesario cubrir o formulario correspondente, realizar o ingreso de 100 € e enviar o xustificante de pagamento ao correo indicado na convocatoria.

  • Os 100 € son o prezo do taller?

Non. Trátase dun depósito de garantía que se devolve integramente tras a asistencia ao taller. Os 100 € non son unha matrícula nin o custo da formación.

  • Teño que pagar para asistir ás aulas maxistrais?

Non. As aulas maxistrais de Comunicación e Distribución son gratuítas e abertas ao público, sen necesidade de inscrición previa. A entrada é libre ata completar aforo.

  • Que é a microcredencial de Análise e Desenvolvemento de Audiencias no sector audiovisual?

É unha formación especializada da Universidade da Coruña (UDC) que achega ferramentas e coñecementos para comprender, identificar e conectar cos públicos dos proxectos audiovisuais.

  • Para que serve a microcredencial?

A microcredencial permite acreditar a realización dunha formación universitaria especializada en desenvolvemento de audiencias, dentro do programa do FIGA e en colaboración coa Universidade da Coruña.

  • Teño que ser alumno/a da UDC para participar na microcredencial?

Non. Pode participar calquera persoa, sexa estudante da UDC ou externa á Universidade. A formación está especialmente dirixida a profesionais do sector audiovisual e non é necesario ter ningunha vinculación previa coa UDC.

  • Como me inscribo na microcredencial se non son alumno/a da UDC?

A inscrición na microcredencial realízase directamente a través da Universidade da Coruña, e non a través do formulario xeral do FIGA. Para formalizar a matrícula, debes acceder á plataforma da UDC a través da seguinte ligazón e seleccionar a opción de «ACCESO ON-LINE OTROS ESTUDIANTES». A continuación, deberás crear un usuario na web da Universidade da Coruña e seguir o proceso de preinscrición e matrícula indicado para esta formación.

Podes acceder ás instruccións de matrícula nesta ligazón. 

  • As inscricións para o FIGA están abertas?

Si. O prazo xeral de inscrición está aberto do 15 de setembro ao 15 de outubro.

  • Onde me inscribo?

Depende da actividade:

Taller de Comunicación: a través do formulario habilitado na web do FIGA da Academia Galega do Audiovisual.

Microcredencial de Ana Desenvolvemento de Audiencias: directamente a través da Universidade da Coruña. Podes acceder a través da ligazón da web de FIGA.

Taller de Distribución: a través do formulario habilitado na web do FIGA da Academia Galega do Audiovisual.

Aulas maxistrais: non é necesaria inscrición previa; a entrada é libre ata completar capacidade.

  • Cantas prazas hai nos talleres?

Os talleres profesionais de Comunicación e Distribución contan con 20 prazas cada un.

  • Como se asignan as prazas?

As prazas asignaranse por orde de inscrición, ata completar as 20 dispoñibles en cada taller.

  • Podo asistir só a unha parte do taller?

A reserva de praza está vinculada á participación no taller completo. Para que o importe de 100 € sexa devolto, é necesario que quede comprobada a asistencia á totalidade do taller.

EDICIÓNS ANTERIORES