Lugares de interese cinematográfico

Lugar de Interese Cinematográfico (LIC) é unha distinción que recoñece espazos dunha especial relevancia para o audiovisual peninsular, ben sexa polo seu valor fílmico, histórico ou simbólico. As Academias de cine e audiovisual da península son as encargadas de elixir, cunha periodicidade anual, o Lugar de Interese Cinematográfico do territorio ao que representan.

Andalucía | Deserto de Tabernas (Almería)

Desde os anos 60, este deserto ubicado en Almería ten sido escenario de miles de rodaxes cinematográficas e publicitarias, o que o levou a ser coñecido como o Hollywood europeo. O papel desta localización resulta fundamental na historia do cine, tanto nos lexendarios western de Sergio Leone como na pegada marcada con obras tan diferentes como Indiana Jones e a última cruzada (Steven Spielberg), Lawrence de Arabia (David Lean), Conan o bárbaro (John Milius), Cleopatra, Exodus ou máis recentemente con Doutor Who, Xogo de tronos e Estraña forma de vida (Pedro Almodóvar). Unha paisaxe árida pola que pasaron algúns dos máis coñecidos intérpretes como Clint Eastwood, Sean Connery, Harrison Ford, Arnold Schwarzenegger, Sophia Loren e un longo etcétera.

Aragón | Sos del Rey Católico (Zaragoza)

Sos del Rey Católico, unha localidade declarada Conxunto Histórico Artístico e Ben de Interese Cultural, grazas ao excelente estado de conservación do seu casco histórico medieval, foi a localización escollida por Berlanga para a rodaxe do filme La Vaquilla. O equipo do filme pasou o verán de 1985 en Sos rodando a película máis cara da historia do cine español ata o aquel momento. Estaba escrita polo propio director e Rafael Azcona e tratábase dun proxecto longamente ansiado polos seus creadores, que viñan loitando coa censura oficial desde os anos 60.

Os virtuosos planos secuencia, marca da casa do seu director, e as ambiciosas escenas cheas de figuración foron posibles grazas ao apoio e traballo de todos os habitantes da localidade e aos espectaculares decorados situados no alto da peña Feliciana, coroada pola impoñente torre da homenaxe do seu castelo do século XII.

Asturias | Llanes (Asturias)

Hai máis de 50 anos que o concello de Llanes é o escenario preferido en Asturias para directores e directoras. O elevado número de películas, curtametraxes, documentais, anuncios, vídeos musicais e series de televisión rodados na localidade fixo que o Concello creara a web llanesdecine.com na que se poñen en valor os numerosos escenarios naturais do concello. O itinerario cinematográfico, que non inclúe todas as filmacións realizadas no concello, permite visitar ata 25 lugares onde se rodaron máis de 42 secuencias de 18 longametraxes, 3 series de televisión e 1 curtametraxe.
Algúns dos proxectos máis coñecidos rodados en Llanes son as series Los jinetes del alba de Vicente Aranda, La señora de Lluís María Güell, Una gloria nacional de Jaime de Armiñán ou as longametraxes Remando ao vento de Gonzalo Suárez, El orfanato de Juan Antonio Bayona, El abuelo de José Luis Garci ou Alumbramiento, de Víctor Erice.

Cataluña | Colexiata de Sant Vicenç de Cardona (Barcelona)

A Colexiata de Sant Vicenç de Cardona forma parte do maxestoso conxunto monumental do castelo de Cardona, considerado unha das fortalezas medievais máis importantes de Cataluña. O edificio da colexiata data de mediados do século XI e é un dos exemplos máis emblemáticos da arquitectura románica catalá. Cunha ubicación privilexiada no alto dun outeiro, ofrece unha vista panorámica única da comarca do Bages.

A Colexiata foi a localización de numerosos filmes, como Chimes at Midnight de Orson Welles, L’Arciere di fuoco de Giorgio Ferroni, La Spada Normanna de Roberto Mauri, La Cripta de Cayetano del Real, Las derniers jours du monde de Arnaud Larrieu e Jean-Marie Larrieu, Love Me Not de Lluís Miñarro ou La catedral del mar de Jordi Frades.

Extremadura | Guadalupe e o Xeoparque de Villuerca-Ibores-Jara (Cáceres).

Guadalupe é un concello situado na provincia de Cáceres dentro do Xeoparque Mundial da Unesco Villuercas, Ibores, Jara. Un conxunto de interese cinematográfico polo seu patrimonio natural e polo conxunto do Real Mosteiro de Guadalupe, tamén declarado pola Unesco como Patrimonio da Humanidade.

O Real Mosteiro de Guadalupe, construído no século XIV, posúe un gran valor polos seus interiores e exteriores. Do mesmo xeito, o concello de Guadalupe tamén ten un gran interese en coidar e preservar a identidade das súas rúas. O Xeoparque Mundial da Unesco Villuercas-Ibores-Jara, onde está enclavado o mosteiro e o concello de Guadalupe, constitúen unha paisaxe única de interese cinematográfico.

Galicia | Aldea de Facós, Lobeira (Ourense).

Este enclave acolleu a rodaxe dunha obra senlleira na historia da cinematografía galega, O carro e o home, que naceu da unión de dous talentos: o etnógrafo Xaquín Lorenzo Xocas e o cineasta Antonio Román. A película está fortemente influenciada polo cinema soviético e sobre todo, polo traballo de Robert J. Flaherty, pioneiro e mestre dun cine etnográfico que O carro e o home puido emular ao reunir a capacidade cinematográfica de Román co fondo coñecemento -e acceso- que Xocas tiña do asunto a tratar: a vida do carro no rural galego. A filmación tivo lugar en 1940 na aldea de Facós (Ourense) cun equipo mínimo: o propio Xocas, Antonio Román, e Carlos Serrano de Osma como asistente de Román.

 O Carro e o home , xunto con Galicia de Carlos Velo, son os únicos filmes que se conservan dun conxunto de obras que, na Segunda República, apuntaban a un cinema galego de indubidable ambición artística e social, e das que, logo da Guerra Civil, apenas preservamos máis cá memoria.

Portugal | Tóbis Portuguesa (Lisboa)

Nas súas instalacións da Quinta das Conchas, en Lisboa, foi creado o primeiro estudio de cine sonoro en Portugal o 3 de xuño de 1932 e alí foron producidas algunhas das máis emblemáticas películas portuguesas das décadas dos 30, 40 e 50 do século XX, con actores inesquecibles como António Silva, Vasco Santana, Ribeirinho ou Beatriz Costa, sendo de salientar, por orde cronolóxica, as seguintes películas producidas pola Tóbis cuxos dereitos son propiedade súa (o chamado Catálogo Tóbis): “A Canção de Lisboa” (1933) de Cottinelli Telmo; “As Pupilas do Senhor Reitor” (1935), “Varanda dos Rouxinóis” (1939) e “Ala-Arriba” (1942), de Leitão de Barros; “João Ratão” (1940) de Jorge Brum do Canto; “O Costa do Castelo” (1943), “A Menina da Rádio” (1944), “O Leão da Estrela” (1945) e “O Grande Elias” (1950), todos de Artur Duarte, así como “Benilde ou a Virxe-Nai” (1970) de Manoel de Oliveira. A última película producida pola Tóbis foi “A Crónica dos Bons Malandros” (1984), dirixida por Fernando Lopes.
O conxunto de instalacións da Tóbis seguiu o deseño do Arquitecto Jacinto Bettencourt para o edificio do laboratorio, así como o dos servizos administrativos e o revelado das películas cinematográficas, e o deseño do Arquitecto Jorge Segurado para o estudio de gravación. Hoxe en día, estas instalacións son a sede do ICA – Instituto Portugués de Cinema e Audiovisual.

Valencia | L´Albufera (Valencia)

L’ Albufera é unha lagoa de auga doce situada a poucos quilómetros ao sur da cidade de Valencia. Trátase dun lugar naturalmente fermoso e valioso desde o punto de vista ecolóxico, declarado Parque Natural para protexer a súa rica biodiversidade.

O espazo posúe escenarios naturais, variedade de localizacións, accesibilidade, ao tempo que resulta unha atracción turística. Algúns dos filmes rodados neste extraordinario lugar son: Vivir dos Veces, da directora María Ripoll; El Lodo dirixido por Iñaki López Arrieta; El Embarcadero do creador Álex Pina e El Desentierro de Nacho Ruipérez.