Así foi o 2021, contado polos seus protagonistas (I)

29 / 12 / 2021

Como corresponde a esta época do ano, toca mirar atrás e facer balance dun ano no que non acabamos de deixar atrás a Covid-19 e as súas sucesivas variantes, pero que tamén nos deu motivos de esperanza e, incluso, celebración. Repasamos como foi este 2021 a través das entrevistas ás e aos profesionais do sector audiovisual galego cos que tivemos a oportunidade de conversar sobre proxectos, rodaxes, estreas, investigacións, premios, festivais e efemérides.

Empezamos o ano falando co actor e director teatral Tito Asorey, director da gala dos XIX Premios Mestre Mateo. “Este ano, tan estraño e tan duro, agradecín a oportunidade que se me brindou de construír esta celebración do audiovisual galego”.

Lucía Veiga foi a encargada de presentar a gala, un encargo “emocionante” que encaixaba á perfección coa súa filosofía de traballo “o que máis me apetece é seguir comunicando e actuando e estou máis cómoda cando o traballo é en equipo”.

Conversamos con Manuel Cortés tamén co gallo da celebración dos Mestre Mateo da pandemia, xa el foi o encargado de escribir o guión da gala “Este ano, máis ca nunca, os premios débennos afianzar na idea do necesarios e necesarias que somos como sector”.

Xacio Baño regresou ao festival de Clermont Ferrand para presentar o seu traballo Augas Abisais “eu sempre digo que a peza fala dun descarte, dun rapaz que foi obrigado a ir a unha guerra”. Ese rapaz era un tío avó seu, que faleceu na fronte de Teruel nos derradeiros días da Guerra Civil con 17 anos.

O cineasta Gonzalo Suárez co-director do Festival de Cine Inclusivo de Vigo fixo balance da sexta edición do certame “temos a sorte de que suscitou moito interese desde a súa primeira edición, contando cun público asiduo e nesta edición non nos abandonou malia a situación sanitaria”.

Pablo Lamosa explicounos o seu traballo en Cormorán, un estudio que, baixo o slogan “Efectos visuais creados desde o Atlántico” ofrece os seus servizos de composición e VFX desde Bueu: “moita xente nin sequera sabe que en Galicia se fan efectos visuais, e xa é hora de demostrar que iso non é certo”.

Con motivo do 30 aniversario da EIS de Someso e o CGAI-Filmoteca de Galicia, falamos con cinco representantes das distintas xeracións que pasaron polas aulas da Escola e pola sala do CGAI: Carlos Amil e Olga Osorio, cineastas e docentes da EIS; José María Rodríguez Armada, Chema, proxeccionista do CGAI; Sara Horta, produtora e a realizadora e produtora de contidos dixitais Alicia Alonso.

José Luis Castro de Paz presentounos o proxecto de investigación Lugar y significación de las prácticas del Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas (IIEC) y la Escuela Oficial de Cinematografía (EOC) dentro del cine español del periodo franquista do que e co-autor xunto a Asier Aranzubía.

Conversamos con María Mera, anfitrioa dos coloquios #Diarioderodaxe cos que afondar nos procesos de traballo que conflúen na creación dunha obra audiovisual, un xeito distendido de “ter unha visión máis completa de cada longametraxe, e sobre todo, coñecer e disfrutar do noso cine”.

Faia Díaz, Inés Salvado, Paula Romero e Guillermo Fernández, ou o que é o mesmo, De Vacas, foron as encargadas de poñer música en directo á Gala dos XIX Mestre Mateo “os espectadores verán a De Vacas con toda a súa esencia; chea de humor, emoción, musicalidade e integradísmas na escena”.

Javier Quintela foi o encargado de deseñar o vestiario que a Lucía Veiga e os integrantes do grupo De Vacas luciron na gala dos Mestre Mateo “o noso estilo de deseño está moi inspirado en volumes e patróns clásicos, atemporais e femininos. Inspirámonos nos looks das actrices de Hollywood para darlle glamour a ‘pixamas e batas’ aportando riqueza de cores e texturas con estampados”.

Entrevistamos ao historiador Ramón Villares con motivo da súa presenza no IV Encuentro de Academias de Cine Ibéricas, onde pronunciou a conferencia inaugural El iberismo como idea y como proyecto: “as institucións culturais poden e deben aspirar a crear unha sociedade mellor, máis digna e segura”.

Conversamos con Andrea Villa durante o (S8) Mostra de Cinema Periférico, unha cita na que se encargou da xefatura de prensa e do desenvolvemento e presentación de contidos online “agradezo moito poder levar unha década traballando en cultura, porque iso permitiume poder desenvolver capacidades para afrontar a comunicación dende postos moi diversos”.

En xuño, Álvaro Pérez Becerra foi elixido por unanimidade novo presidente da Academia Galega do Audiovisual, cun obxectivo transversal “reivindicar a importancia do noso sector a través do entendemento entre todas e todos os que formamos parte del”.

O crítico, ex-director de A Cuarta Parede e programador Brais Romero foi xurado da V edición dos Premios María Luz Morales “Son uns galardóns que cumpren unha función moi interesante e necesaria: premiar a investigación sobre audiovisual non ligada a universidades ou centros de estudos”.

Categoría: Entrevistas / Novas
Etiquetas: