En 2015 Xacio Baño recibía o Premio Canal+ mención do xurado en Clermont-Ferrand, un dos festivais e mercados de curtametraxes máis importantes do mundo por Ser e voltar, un retrato dos seus avós que navega na fronteira entre a ficción e o documental. Seis anos máis tarde regresa ao festival francés con Augas Abisais, un traballo experimental no que volvemos atopar á avoa e, desta vez ela é a que retrata a un tío seu, Casto Balsa, un soldado de 17 anos que faleceu na fronte de Teruel nos derradeiros días da Guerra Civil.

A historia dunha vida á que chegou por casualidade “un día xogando a Indiana Jones no faiado da casa dos meus bisavós apareceron estas cartas entre numerosos recibos da contribución, xornais vellos e papeis sen importancia.  Ao recolectar as cartas e todos os documentos relacionados con Casto, sentín que aí había unha película que atrapar”.
Conversamos co noso asociado sobre a súa última proposta, que pasou polo Festival de Xixón, o Sheffield Doc/Fest e Aguilar de Campoo antes de aterrar en Clermont-Ferrand e na que asume a produción executiva xunto con Tamara Canosa. 

Foto: Roberto González

Foi difícil separar a visión creativa da visión como produtor?

Sempre é complexo convivir con esas dúas vertentes á hora de facer un filme, pero sempre trato de telas ben presentes dende o principio de todo: escribir pensando no que se pode producir ou en solucións de guión que alivian a produción. Todas as miñas curtas son autoproducidas, así que xa tiña unha bagaxe neste senso.

Despois hai decisións que si que custaron moito coma se a carta miña dende o presente tiña que ser parte da obra. Por un lado, coma produtor, tiña claro que a peza sen esa carta do cineasta funcionaba máis empaquetada, ademais de durar oito minutos menos que sempre é bo para a distribución do filme. Pero o lado cineasta sinte que esa parte tamén lle dá sentido a por que se rescata esta historia hoxe, oitenta anos despois, e podemos sentir o contraste de dúas formas/estéticas fílmicas tan opostas no filme.

Pero foi unha peza que tivo a axuda do ICAA, da AGADIC e tamén do Concello de Xove, o que fixo que puideramos ter tempo para crear no set e facer unha especie de residencia artística na casa dos meus bisavós.

Chama a atención o tráiler da curta, feito con descartes da montaxe final. Por que decidiches facelo así?

Foi un impulso que a día de hoxe non sei se foi para ben.  Eu sempre digo que a peza fala dun descarte, dun rapaz que foi obrigado a ir a unha guerra e, como non era un rapaz especialmente bravo nin decidido, metérono cunha mula a carretar metralla para a primeira liña de fogo (a zona máis perigosa). Un máis. Outro soldado anónimo.  

E quería facer unha peza con este descarte. Así entendín que os descartes da montaxe final tiñan a mesma natureza que o soldado. Ademais, como a proposta é tan diferente e distinta, non quería amosar nada do dispositivo no tráiler.

Seguirei xogando e investigando sobre como abordar formalmente a palabra escrita.

Xacio Baño. Director de Augas Abisais.

A película conta con varios planos narrativos: un deles funciona como un diario do protagonista, un recurso que xa aparece en Eco (2014). Nesta ocasión son as cartas que escribe, primeiro desde o cuartel e despois desde a fronte, cartas que deixan albiscar a inocencia dun recluta de 17 anos e nas que se aprecia a evolución do seu estado de ánimo. Como foi o traballo co material epistolar?

Esas cartas leváronme ás mesmas sensacións que Eco: de estar sentindo unha historia que tiña o necesario para ser contada. Quedei abraiado polo peso da historia, do trazo, da caligrafía, das imaxes da propaganda que inundan as misivas…  Foi un tempo de profundizar sobre a importancia das cartas na Guerra Civil, as historias que se atopan nelas, diarios de operacións para saber onde puido morrer, etc. Un tempo para entender máis profundamente a Guerra Civil,  pero tamén para decatarme de que a nosa peza non podía ser unha lección de historia, senón unha historia máis, con todas esas zonas borrosas e sen definir.

Interésame moito a palabra escrita que vibra oitenta anos despois de ser escrita, en contraposición coa palabra dixital, efémera e no aire. Seguirei xogando e investigando sobre como abordar formalmente a palabra escrita.

Tiña claro que o seu relato oral era unha das fontes clave para atopar a peza e para contrastar cos documentos-cartas. Quería tempo entre as conversas para deixar espazo a que houbera modificacións no relato, na memoria.

Xacio Baño, director de Augas Abisais.
Foto: Roberto González

Outro dos planos narrativos é o testemuño da avoa, que regresa á filmografía de Xacio Baño despois da multipremiada Ser e voltar (2014). Podes explicarnos como foron esas conversas?

A miña avoa ten o don das contacontos. Sabe transmitir e levar a emoción ao narrado. Ten a pausa, as expresións, os xiros e os xestos innatos no seu ser. 

Tiña claro que o seu relato oral era unha das fontes clave para atopar a peza e para contrastar cos documentos-cartas. Gravamos tres conversas en audio no transcurso de dous anos. Quería tempo entre as conversas para deixar espazo a que houbera modificacións no relato, na memoria. 

As tres veces que me contou a historia, as tres rematou chorando. Conta o relato dun heroe, coas súas esaxeracións, xiros e peripecias. Ela non leu nin as cartas nin chegou a coñecelo, porque naceu despois de que el morrera. Pero todos os vínculos familiares lévanlle á emoción no que conta.

Tamén se fai evidente a túa presenza como director, na correspondencia que mantés cando viaxas a Teruel para investigar sobre ese antepasado. Foi difícil mesturar os tres puntos de vista na montaxe final? 

Non foi doado atopar o equilibro en certas zonas do relato. Queriamos contar máis do que a peza pedía, así que tivemos un traballo de podar e quitar. Descartamos material que gravamos en Teruel na viaxe á zona onde estivo o soldado, tamén dos interiores do cuartel de San Fernando de Lugo (un lugar do que saímos con planos fermosísimos das ruínas). Eran fermosos, pero a peza non os aceptou como propios.

Pero diso vai todo isto: de traballar e ter a paciencia para atopar o mellor filme posible, e o tempo é clave en todo isto.  

Foto: Roberto González

Resulta salientable a montaxe de son de David Machado e Javier Pato, que contribúe a acentuar o magnetismo das imaxes. Como foi o traballo con eles? 

É a primeira vez que traballo con eles, coa Panificadora, e a verdade é que desfrutei moito de todo o proceso e creo que eles tamén. A proposta dálle moita importancia ao son para conseguir que o espectador/a entre no soño, na proposta do filme. Todo o traballo de graves, de levar o son ao fondo mariño, a un lugar máis inmersivo e uterino. Tamén quero destacar as composicións musicais de Xavi Bértolo que fixo un traballo que ás veces confúndese co deseño de son, e que por iso coido que non se acaba de apreciar todo o bo traballo que creou.

En que outros lugares se poderá ver Augas Abisais proximamente? Tedes prevista data de estrea en Galicia?

Hai varios festivais confirmados, pero non se pode anunciar aínda nada.  Agardo que viaxe moito, e que se poida ver en todos os países posibles. Pero o que máis desexo é podela ver en pantalla grande, nun cinema, para poder sentir a proposta en todo o seu esplendor. Aínda non tiven a oportunidade de vela en grande, con bo son, e en total escuridade. Creo que a peza vai gañar moito nunha sala de cinema convencional. 

Sobre a estrea en Galicia aínda non a temos pechada. Iamos facer un pase no concello de Xove este Nadal, onde foi filmada a obra, pero a COVID fixo que se suspendera o evento.