Álvaro Pérez Becerra, novo presidente da Academia Galega do Audiovisual

7 / 06 / 2021

Trátase do presidente máis novo das oito academias de cine e audiovisuais que existen na península.

Está acompañado na vicepresidencia polo guionista e produtor Pepe Coira e a actriz e cineasta Sonia Méndez

Álvaro Pérez Becerra (A Coruña, 1989) foi elixido por unanimidade novo presidente da Academia Galega do Audiovisual, na asemblea xeral ordinaria e electoral celebrada o pasado 4 de xuño. Está acompañado na vicepresidencia polo guionista e produtor Pepe Coira e a actriz e cineasta Sonia Méndez. Unha nova etapa na que repite a anterior xunta directiva: Carmen Méndez na tesoureiría; Saamira Ganay na secretaría; Óscar Cruz, Susana Veira e Xavi Font nas vogalías, cargo que tamén asume a presidenta saínte Ana Míguez, e Fernando Alfonsín, que entra no equipo en substitución da actriz Isabel Naveira. 

Convértese así no presidente máis novo das oito academias de cine e audiovisuais que existen na península. Un dos seus desexos para o mandato é que “moitas rapazas e rapaces que agora rematan de estudar e pensan na posibilidade de dedicarse a isto non vexan tan lonxe ese obxectivo. Como sector temos tamén o reto de buscar as fórmulas para incorporar talento novo constantemente”.

O novo presidente asume o cargo con vontade continuísta “o grupo de persoas que participamos da directiva nestes últimos anos pensamos que podiamos ser útiles dous anos máis. Son eu presidente como podía selo calquera dos meus compañeiros e compañeiras”. Sintetiza as metas desta nova etapa cun obxectivo transversal “reivindicar a importancia do noso sector a través do entendemento entre todas e todos os que formamos parte del. A partir de aí, daremos continuidade a proxectos xa coñecidos, presentaremos algúns outros nos que levamos traballando algún tempo, e xurdirán moitos máis. Hai algo que tamén identifica a esta directiva -e ao equipo da Academia-, que é o movemento constante: reunímonos todos os meses e decidimos cousas todas as semanas”.

Álvaro Pérez Becerra. Novo presidente da Academia Galega do Audiovisual

Un dos primeiros retos da nova presidencia vai ser a celebración do vixésimo aniversario dos premios Mestre Mateo en 2022  “gustaríame que a celebración tivera algo de agradecemento, outro tanto de reinvindicación, para ser conscientes da importancia de ter chegado ata aquí, e moito de futuro, porque soará a tópico, pero estou convencido de que o mellor non chegou aínda”.  O produtor coruñés, que tiña doce anos a primeira vez que se celebraron os premios, reivindica o traballo das persoas que contribuíron a conformar o sector audiovisual galego tal e como o coñecemos hoxe en día “se hoxe traballo nisto é grazas a todas e a todos os que fixeron tantas cousas durante todos estes anos”.

Uns premios cos que está familiarizado como gañador e finalista en diversas edicións, e tamén como produtor executivo das dúas últimas galas, unha experiencia que considera que lembrará sempre. “ A relevancia dos Mestre Mateo no noso sector é enorme, aquí e fóra de aquí. Participar da organización nestes dous últimos anos, aprendendo do equipo da Academia e das e dos profesionais que fan posible a gala foi unha experiencia marabillosa”. 

Unha celebración que, en 2021, resultou condicionada polas restriccións impostas pola crise sanitaria da Covid-19, unha crise que tamén afectou seriamente ao sector audiovisual que representa a Academia “nun momento de moitas dificultades que cada profesional do audiovisual en Galicia teña o apoio da Academia é o mellor que podemos darnos. Ese apoio concrétase en moitas cousas, e a cuestión da difusión e a promoción é fundamental. Seremos máis grandes canta máis xente saiba o que facemos”.

Fotografías de AGA/ Sabela Eiriz

Categoría: Entrevistas / Novas
Etiquetas: