Na asemblea ordinaria e electoral celebrada o 4 de xuño de 2021 foi elixida por unanimidade unha nova xunta directiva que rexerá a vida da Academia nos vindeiros dous anos. O produtor Álvaro Pérez Becerra ostentará a presidencia, acompañado no equipo directivo por Ana Míguez, Carmen Méndez, Fernando Alfonsín, Óscar Cruz, Pepe Coira, Saamira Ganay, Sonia Méndez, Susana Veira e Xavi Font.

Presidencia:
Álvaro Pérez Becerra
, produtor. Traballa, desde o 2010, en proxectos de audiovisual e artes escénicas a través das produtoras Ainé Producións e Undodez, da man do actor e cómico Xosé A. Touriñán. Como director de produción participa en diferentes formatos de ficción e entretemento para televisión, que compaxina coa produción de espectáculos de artes escénicas e coa produción audiovisual para publicidade desde a axencia Metronoventa. Tamén coordina o traballo de produción de Medio Limón, a produtora de Marta Hazas e Javier Veiga.

Vicepresidencia:
Pepe Coira, guionista e produtor executivo. Director de desenvolvemento en Voz Audiovisual, Filmax Galicia e, desde o ano 2010, Portocabo. Foi director do CGAI de 1990 a 1997.

Sonia Méndez, directora e actriz. Gañadora de catro Premios Mestre Mateo: dous á Mellor Serie Web e dous á Mellor Curtametraxe. Dirixe dende 2014 o Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay.

Vogalías:
Ana Míguez
, formada na EIS é na actualidade a directora de produción de Portocabo. Na súa traxectoria profesional, que abrangue máis de 20 anos de experiencia, destacan produccións de cine e televisión en Galicia e no resto do Estado.

Carmen Méndez, actriz de cine, teatro e televisión, dúas veces finalista dos Premios Mestre Mateo. Traballou en series moi populares como “Serramoura” e “Auga seca” e recentemente nas longametraxes “María Solinha” e “Tres”.

Fernando Alfonsín, técnico de imaxe dixital, colorista e editor con máis de vinte anos de experiencia dedicado á postproducción. Algúns dos seus proxectos máis recentes son “Cuñados”, “Ons” , “Hierro” ou “3 Caminos”.

Óscar Cruz, guionista con experiencia en televisión, radio, cine e contidos dixitais. Catro veces gañador do Mestre Mateo a Mellor Serie Web. Fundador do colectivo audiovisual Porco Bravú.

Saamira Ganay, actriz. Coñecida pola súa participación en series de televisión como “Acacias 38”, “Matalobos”, “Pazo de Familia” ou “Serramoura”.

Susana Veira, maquilladora e asesora de imaxe con máis de 20 anos de experiencia en proxectos audiovisuais, traballando en proxectos como “Fariña”, “La piel que habito” ou “El desorden que dejas”.

Xavi Font, especialista en composición de música para cine, televisión e publicidade. Gañador de varios Premios Mestre Mateo como músico e produtor executivo das longametraxes “O que arde” e “Ons”.