María Mera “Galicia podería convertirse nunha das maiores potencias audiovisuais se sabemos aproveitar este momento”

22 / 03 / 2021

A actriz e presentadora María Mera será a anfitrioa de #Diarioderodaxe, catro coloquios cos equipos das longametraxes finalistas nos XIX Mestre Mateo, unha novidade da presente edición que nace cun evidente afán divulgador, afondando nos procesos de traballo que conflúen na creación dunha obra audiovisual, contados polos membros dos seus equipos técnicos e artísticos.

Celebraranse do 25 ao 28 de marzo, poderán ser seguidas en directo polo público asistente á II Semana do Cinema Galego no Teatro Colón da Coruña e estarán tamén dispoñibles por streaming na canle de YouTube da Academia.

A pesar de ser coñecida principalmente polo seu traballo como actriz (protagoniza O sabor das margaridas, a primeira serie integramente en galego emitida por Netflix) María Mera estudiou xornalismo e tamén traballou como presentadora. “Son licenciada en xornalismo e estudei tamén arte dramática. Tiven a sorte de traballar en ambos, e nos dous me sinto moi cómoda, con cada un disfruto de maneira diferente”.

Ilusionada con #Diarioderodaxe “vai ser un pracer presentalo e disfrutalo de cerca, posto que de seguro aprenderei moito do que compartan os meus compañeiros de profesión” pensa que as conversas que xurdan destes coloquios van ser de moito interese para os espectadores “sobre todo por coñecer momentos do día a día dunha rodaxe que os espectadores descoñecen, mesmo anécdotas tanto na parte artística como na técnica”. Un xeito distendido de “ter unha visión máis completa de cada longametraxe, e sobre todo, coñecer e disfrutar do noso cine”.

Integrantes dos equipos técnicos e artísticos das catro longametraxes finalistas na XIX edición dos Mestre Mateo falarán sobre o día a día e as anécdotas das rodaxes de cada unha das películas; a gañadora darase a coñecer o día 10 de abril na Gala de entrega de premios, que terá lugar no Teatro Colón da Coruña e será retransmitida pola TVG.

[ #Diarioderodaxe axudará a] “ter unha visión máis completa de cada longametraxe, e sobre todo, coñecer e disfrutar do noso cine”

María Mera, presentadora de #Diarioderodaxe

Hai once anos que María Mera asistiu por vez primeira a unha Gala dos premios “cando estaba rodando a serie Matalobos, que foi nomeada tantas veces pola Academia e levou varios Mestre Mateo”. Desde entón, a súa presencia foi habitual na alfombra vermella: finalista en 2017 polo seu papel en Dalia a modista e membro do elenco de series como O faro, O sabor das Margaridas, TAC ou El final del camino

Lembra especialmente esa edición da que foi finalista na categoría de mellor actriz protagonista, “xa non só polo nomeamento, que sempre fai moítisima ilusión que os compañeiros recoñezan o teu traballo, senon polo momento que supuxo para min rodar esa serie… acababa de ser nai, rodei a serie aos cinco meses de dar a luz, levando a miña pequena á rodaxe, compaxinando coa lactancia materna, foi un cambio enorme para min a nivel persoal e profesional, houbo un antes e un despois no meu sentir como persoa e iso tamén se reflexa no traballo, para ben. Houbo momentos difíciles que só vivín eu, e tamén momentos fermosísimos, cun equipazo que me arroupou, e que fixo que a conciliación fose do máis normal e natural”.

“Sempre fai moítisima ilusión que os compañeiros recoñezan o teu traballo”

María Mera, presentadora de #Diarioderodaxe

Preguntada pola función dos Mestre Mateo, considera que son importantes nun momento como o que estamos a vivir, como sociedade e como sector; “primeiro, defender a cultura audiovisual galega en todos os sentidos para ter un sector digno para todas e todos. Segundo, resaltar o éxito do audiovisual galego dentro e fóra das nosas fronteiras; Galicia podería convertirse nunha das maiores potencias audiovisuais se sabemos aproveitar este momento. E por último premiar o talento e o esforzo do pasado, do presente e sobre todo do futuro do noso audiovisual”.

#Diarioderodaxe está organizada en colaboración co Concello da Coruña, Deputación da Coruña e Teatro Colón.

Etiquetas: