• Sara Varela, Eire García, Pepe Coira e Xurxo González son os gañadores da terceira edición dos Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual, nunha edición na que tamén se recoñeceu con candanseu accésit o traballo de Irene Basanta, Denisse Lozano, Sara Donoso e Antón Varela
  • Os premios están organizados pola Academia Galega do Audiovisual en colaboración coas catro deputacións provinciais
  • O xurado estivo formado pola artista e docente Carme Nogueira, a investigadora Isabel Sempere e a xornalista Montse Dopico

A Academia Galega do Audiovisual celebrou o mércores 3 de abril no Centro Cultural Marcos Valcárcel pertencente á Deputación da Ourense, a entrega de premios da terceira edición dos premios María Luz Morales, que promoven a investigación científica no ámbito audiovisual, destacando cun galardón e 1.200 euros dous videoensaios e dous ensaios escritos, nunha iniciativa pioneira que conta coa participación das catro deputacións. Unha edición na que todas as categorías experimentaron un incremento de participación, acadando unha cifra récord de 36 traballos presentados.

O acto de entrega contou coa participación de Carme Nogueira, quen asistiu en representación do xurado, Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, Eduardo Vidal, deputado de cultura da Deputación de Lugo e Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual.

Sara Varela (1994) gañou o premio ao mellor Videoensaio sobre o Audiovisual Galego con B Positivos, unha peza que analiza empregando o Test de Bechdel todas as películas recollidas no catálogo Films from Galicia, estreadas en salas en Galicia dende o 2013 ata o 2018, e aquelas finalistas e gañadoras dos Mestre Mateo dende o 2002. O xurado destacou a pertinencia do tema e o rigor e a calidade técnica no uso do material audiovisual.

Eire García (1991) quen en 2018 obtivo un accésit na categoría de Videoensaio sobre o Audiovisual Internacional, venceu nesta ocasión co seu traballo Propaganda de guerra, no que reflexiona sobre a representación da cultura da violación na historia do cine considerando o seu protagonismo na configuración dos imaxinarios colectivos. No acto, no que non puido estar presente, salientouse a relevancia social do tema elixido e o seu estudio de xeito orixinal e sen tabúes.

Pepe Coira (1963) resultou gañador na categoría de mellor Ensaio Escrito sobre o Audiovisual Galego con Argumentos de películas, un traballo que parte do libro homónimo editado en Vigo en 1931 e que pasou desapercibido para a historiografía do cine galego e español. O xurado definiuno como unha “descoberta” que se atopa a medio camiño entre o ensaio/investigación e a ficción. 

Xurxo González (1973) foi o gañador da categoría mellor Ensaio Escrito sobre Audiovisual Internacional co seu traballo O palco dum povo: Oliveira 2.0, que afonda nun proxecto irrealizado do cineasta Manoel de Oliveira. O investigador non puido asistir á entrega de premios, na que se destacou que o seu traballo abre unha nova perspectiva sobre a importancia do arquivo dixital e a súa relectura.

O xurado desta terceira edición quixo recoñecer con catro accésit o labor doutras tres investigadoras e máis dun investigador galegos:

Irene Basanta (1995) foi premiada dentro da categoría de Videoensaio sobre o Audiovisual Galego polo seu traballo Nós, as desenfocadas, do que o xurado destacou a necesidade de seguir debatendo sobre a pregunta que plantexa, seguindo os métodos de parte da crítica feminista, sobre o papel da muller no cinema galego.

Denisse Lozano (1991) gañadora nas dúas edicións anteriores cos seus traballos de Videoensaio sobre o Audiovisual Internacional, recibiu un accésit na mesma categoría por Series Diferentes, onde analiza a evolución das series de ficción. A vilalbesa, que non estivo presente no acto, mergullouse a través desta peza no enorme cambio na estética, personaxes, tramas e incluso medios que se deu coa chegada de internet. As integrantes do xurado destacaron o orixinal no seu plantexamento que relaciona cambios na sociedade cos cambios nas series.

Sara Donoso (1989) recibiu un accésit na categoría de Ensaio Escrito sobre o Audiovisual Galego polo seu ensaio Unha aproximación a mimosas (Oliver Laxe) desde a pintura, a paisaxe e a mística, no que investiga a pegada paisaxística e a presenza dunha estética ligada ao pictórico na filmografía de Oliver Laxe. O xurado destacou que a investigadora amosa una interesante relación entre a historia do arte e o cinema.

Antón Varela (1992) foi premiado polo seu traballo Dialéctida da suplantación: imaxe, espectador e ultracorpos dentro da categoría de Ensaio Escrito sobre Audiovisual Internacional, no estudia as adaptacións cinematográficas que xurdiron da novela Ladróns de corpos de Jack Finney (1953), do que o xurado destacou a orixinalidade do enfoque e o tratamento profundo e ben documentado da temática.

Os premios naceron en 2017 para estimular a produción de ensaio e videoensaio en lingua galega e para reivindicar a figura d a escritora e xornalista María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona 1980). Especializada na crítica de cine e de teatro, dirixiu o xornal La Vanguardia durante a Guerra Civil, sendo a primeira muller na historia de España en ser directora dun diario estatal. Foi activista feminista, republicana e galeguista represaliada polo franquismo, e autora dunha extensa obra literaria. Considerada unha referencia da incorporación da muller a actividade xornalística e intelectual na España do século XX, mantívose en activo ata os 91 anos de idade.