Un xurado de 62 mozas e mozos participou na elección do Young Audience Award 2019 en Galicia

6 / 05 / 2019

  • A película Fight Girl (Bélxica/Holanda, 2019) dirixida por Johan Timmers, resultou a máis votada.
  • O evento foi organizado na Coruña pola Academia Galega do Audivisual co apoio do Concello da Coruña e a colaboración de Galipizza.

Un xurado de cinéfilos de toda Europa elixiu o filme Fight Girl como vencedor do Young Audience Award 2019, nun evento celebrado onte de xeito simultáneo en 55 cidades. A convocatoria foi un éxito en Coruña, cidade que albergaba por vez primeira as votacións, e que xunto con Barcelona, Madrid, Sevilla e Valencia constituíu a delegación máis numerosa dos 34 países participantes. O presidente da Academia, Carlos Ares deu a benvida aos asistentes antes da primeira proxección.

A Coruña foi tamén a sede que acolleu o xurado máis numeroso de todo o Estado, formado por 62 rapazas e rapaces de entre 12 e 14 anos, que asistiron a unha xornada de cinema en versión orixinal na que se proxectaron as tres películas finalistas: Los Bando (Suecia/ Noruega, 2019) de Christian Lo, Old Boys (Reino Unido/ Suecia, 2019) dirixida por Toby MacDonald e Fight Girl (Bélxica/ Holanda, 2019) dirixida por Johan Timmers. Despois de visionar e debater sobre os tres filmes e de emitir as súas votacións, o xurado recibiu a visita da actriz Isabel Naveira, membro da Directiva da Academia Galega do Audiovisual e de José Manuel Sande, Concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento do Concello da Coruña.

As votacións foron emitidas en directo desde a cidade alemá de Erfurt nunha emocionante cerimonia presentada pola actriz belga Ivana Noa, que contou coa presenza dos tres directores finalistas.

O Young Audience Award está organizado pola Academia Europea de Cine xunto a EFA Productions, co apoio de MDM e de Creative Europe MEDIA Sub-Programme. A súa celebración en Galicia foi posible grazas a Academia Galega do Audiovisual, co apoio do Concello de A Coruña e a colaboración de Galipizza.

 

 

Categoría: Novas
Etiquetas: