A Academia Galega do Audiovisual, en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), homenaxeará o vindeiro 14 de maio, a figura dun pioneiro do cinema galego, o produtor Victor Ruppén, cunha escolla das primeiras curtametraxes galegas rodadas en 35mm.

A Ilusión é perfecta é un ciclo de proxeccións que ten como obxectivo recuperar, reivindicar e lembrar persoas e obras que, por diversos motivos, xogaron un papel sobranceiro na historia do noso audiovisual. Nesta ocasión o ciclo está dedicado ao produtor, recentemente falecido. Nado na Coruña en 1940, compaxinou a súa profesión de arquitecto técnico con outras actividades empresariais e culturais relacionadas co cinema. Participou na creación da distribuidora Musidora Films e no campo da exhibición coa creación dos cines Valle Inclán da Coruña e Santiago e dos Alphaville en Madrid. Nos anos 70 deulle un pulo decisivo á produción de curtametraxes en formatos profesionais, co que contribuíu a fortalecer os inicios do audiovisual galego.

Fendetestas de Antonio Simón (1975), Illa de Carlos Aurelio López Piñeiro (1975), O Herdeiro de Miguel Gato (1976) e O pai de Migueliño de Miguel Castelo (1977) son algúns dos filmes producidos por Ruppén, e conforman esta homenaxe a unha figura chave no desenvolvemento do noso cine. Como recoñecemento a ese labor, foi merecedor do primeiro premio de honra que otorgou a Academia no ano 2002.

A sesión estará presentada pola investigadora galega Sara Donoso, quen este ano recibiu un accésit na cateogría de Ensaio escrito sobre audiovisual galego nos Premios Maria Luz Morales polo seu traballo Unha aproximación a mimosas (Oliver Laxe) desde a pintura, a paisaxe e a mística.


Martes 14 de maio

20:30h Fendetestas de Antonio Simón (1975)
Illa
de Carlos Aurelio López Piñeiro (1975)
O Herdeiro de Miguel Gato (1976)
O pai de Migueliño de Miguel Castelo (1977)