Xoves de Comadres chega esta semana a un dos festivais e mercados de curtametraxes máis importantes do mundo, o Palm Springs Short Film Festival, unha cita que califica para os premios Óscar, BAFTA, BIFA e Goya. Premiada no Festival de Málaga, no de Cans, na Semana Internacional Cine Autor Lugo e no Festival Internacional de Cine Inclusivo de Vigo, no seu palmarés tamén atopamos o Mestre Mateo á Mellor curtametraxe de imaxe real na XIX edición dos premios. Falamos con Noemí Chantada sobre este traballo e repasamos a súa traxectoria.

Recolliches o premio á nunha Gala marcada polas restricións impostas pola pandemia, que sentiches ao subir ao escenario do Teatro Colón?

Foi moi emocionante.  Xoves de Comadres é unha historia moi persoal, moi íntima, case unha terapia… non esperabamos ter un percorrido como o que está a ter e gañar o que está a gañar, así que recibir un Mestre na casa é case un broche de ouro. Só me quedou pena de que non puidera estar alí todo o equipo, de que nos coincidira neste ano. Por outra banda, e por mor diso, recibín unhas mensaxes preciosas que me tiveron chorando ata o día seguinte… unha tolemia.

Noemí Chantada no photocall dos XIX Mestre Mateo. Foto: María Meseguer

É a terceira curtametaxe que dirixes, e a primeira de ficción, por que te decides a contar a historia?

Foi por facer unha homenaxe, pequena e á miña maneira, ás coidadoras, e á miña nai que o foi durante case toda a sua vida. É un traballo durísimo, pouco recoñecido, ás veces voluntario, e moitas por “designio familiar”: por ser a filla, a muller, a nora… e que, aínda con todas esas, eu sempre vin facer cunha capacidade de resiliencia e cun agarimo que dan moito a pensar. Nun tempo no que todo vai tan rápido e moitas relacións non pasan da pantalla do teléfono, elas representan unha revolución da tenrura da que eu quero aprender.

Como atopaches ás protagonistas Noelia Castro e Aurora Maestre?

Coñecíaas de traballos anteriores: a Aurora lembrábaa de Rías Baixas onde eu era becaria, hai xa unha pila de anos, e a Noelia pola sua labor na compañía de teatro A Panadaría que admiro moitísimo. Fixemos algunha proba previa e ao xuntalas vías a química: alí estaban Aurora e Mari

Fotograma de Xoves de Comadres.

A película ten un ton moi documental, de que xeito pensas que conseguiches plasmar con tanta naturalidade a relación entre as dúas mulleres?

A miña intención inicial era facer un documental, pero na investigación sentín que, cos tempos que manexaba, entrar na casa dunha persoa con inicios de alzheimer e que comeza a ser coidada ía ser moi perxudicial, un elefante nunha cacharrería, así que pasei todas as miñas notas, as lembranzas de acompañar á miña nai algunha vez e as cousas que ela me contaba ao papel. A partir de aí as actrices fixeron a maxia, rimos moito na rodaxe porque houbo bastante improvisación, e tamén nos emocionamos porque hai moita verdade.

“Rimos moito na rodaxe [de Xoves de Comadres ] porque houbo bastante improvisación, e tamén nos emocionamos porque hai moita verdade”.

Noemí Chantada, cineasta.

Titulada en Imaxe pola EISV, despois de traballar como directora de foto e cámara, decide fundar en 2017 Islandia Producciones, xunto a Óscar Pardo. “Óscar e mais eu levabamos moitos anos na profesión e no 2017 nos animamos a voar sos. Polo de agora estamos contentos co resultado, a verdade: moito traballo e o moito que aprendemos, tres curtas que nos representan, novos proxectos, un feixe de premios cos que non contabamos e compañeiros que se converten en amizades”.

Destacan algúns proxectos con forte compromiso social: a trata, os dereitos das persoas trans, a soidade das persoas maiores …. De onde nace esa vocación?

Montamos Islandia cunha premisa: facer todo tipo de traballos, pero aforrar un chisco de cada un para poder levar adiante proxectos que nos movan, que nos enchan de ilusión… En realidade, levamos a cabo audiovisuais de máis tipos, pero estes que nomeas teñen un plus, sentímolos moi nosos. 

A muller invisible, outra das curtametaxes que dirixiu está dispoñible en Fiestra, a plataforma web posta en marcha pola Academia Galega do Audiovisual para promover a utilización de audiovisual galego como recurso para a educación en valores nos centros de ensino. Ante a pregunta, como asociada da Academia, de que opinión lle merece un proxecto como Fiestra a resposta é tallante “Encantoume! É moi necesario: a información entra mais fácil se é a partir da emoción, e niso hai obras que poden axudar moitísimo a calar contidos”.

Cal consideras que debería ser o papel do audiovisual dentro do currículum educativo?

Somos unha xeración, e as seguintes xa non che conto, cunha ampla cultura audiovisual de nacemento. Isto debe usarse a discreción, é unha ferramenta moi útil. 

Fotograma de A muller invisible.

A muller invisible, conta unha historia moi dura de prostitución desde un punto de vista intimista e moi respectuoso. Como conseguiches que a protagonista accedese a ser filmada?

Pasei moito tempo facendo a investigación para este traballo e coñecín a moitas mulleres en situación de prostitución. Como esperaba, ningunha quería ser filmada de fronte, tiñan medo de ser recoñecidas despois nas suas casas, polas súas familias. Eu tiña claro que o traballo só tiña sentido se non escondiamos a ninguén, porque elas non deberían avergoñarse de nada, son mulleres moi valentes, sometidas a unha trata social que as abocou á situación na que se atopan, e que agora as xulga por iso mesmo, é o cinismo no que se moven ou nos movemos. O caso é que neste tempo coñecín a Luisa e ela sente e pensa igual que eu sobre este tema. Tivo unha xenerosidade brutal e decidiu saltar á piscina conmigo. Estoulle moi moi agradecida. 

“Eu tiña claro que o traballo  [A muller invisible ]  só tiña sentido se non escondiamos a ninguén, porque elas non deberían avergoñarse de nada, son mulleres moi valentes, sometidas a unha trata social que as abocou á situación na que se atopan”.

Noemí Chantada, cineasta.

A curta tamén axuda a normalizar a imaxe de moitas mulleres prostitutas, sen caer no estigma nin na condescendencia. Tiñas claro como querías contar a historia antes de empezar a rodala?

Cando a historia empezou a rondarme na cabeza, non. Imaxino que, como case todo o mundo, tiña instalados unha serie de clichés máis relacionados coa noite, unha especie de femmes fatales. Para abordar o tema achegueime a Médicos do Mundo, que teñen unha área de acompañamento á muller en situación de prostitución, e colaborei durante dous anos como voluntaria en pisos, clubes, na rúa… aí é cando empecei a escoitar historias de vida moito máis parecidas á realidade de calquera, mesmo á miña, do que eu puidera ter imaxinado. Así que me dei conta de que quizáis eso era o único que había que facer: imaxinar menos e escoitar mais. 

Nas proxeccións ás que asistiches con A muller invisible houbo algunha reacción que che chamase a atención especialmente?

A verdade é que houbo reaccións de todo tipo, déronse debates mesmo acendidos, e ese é o punto, esa, sen dúbida, é a proxección que paga a pena, porque fará que alguén marche á casa dándolle unha volta na cabeza. Eu cruzo os dedos para que así sexa.