Ester G. Mera: “ O máis sinxelo e real é falar das túas experiencias e daquelo que te apaixoa”

27 / 07 / 2021

“Gústame o cinema, así que fago películas. Ás veces escribo sobre elas. Tamén fago fotos” así se define na súa web a nosa asociada Ester G. Mera. Se tivera que elixir “sen dúbida” quedaríase coa dirección, “é o que máis disfruto, dirixindo podo facer uso doutras das miñas paixóns, como poden ser a fotografía ou a escritura. Cando plantexo un proxecto inspírome moito en elementos visuais e tamén adoito ler sobre outras directoras para informarme sobre o seu método de traballo. Neste sentido, a dirección é indisociable da fotografía ou da crítica, pero tamén da música ou da pintura, no meu caso”.

Os proxectos que dirixes teñen en común un universo visual moi persoal e moi recoñecible. Cales consideras que son as túas fontes de inspiración? 

Aínda estou buscando o meu estilo en cada traballo que fago. Ao inicio rexeitaba a idea de falar dende o eu porque pensaba que era unha pulsión demasiado egocéntrica, pero co paso do tempo daste de conta de que o máis sinxelo e real é falar das túas experiencias e daquelo que te apaixoa. Sigo loitando contra min mesma. Sempre busco inspiración na música, nas imaxes e noutras películas. Ás veces unha escena quédase gravada na retina moito tempo e recupéroa en forma de historia. Outras veces é a frase dunha canción ou a fotografía dun libro. Teño moitos cadernos con debuxos e ideas bosquexadas que non sei se algún día cobrarán forma. Por agora ocupan un lugar no meu estante.

A túa filmografía está composta por formatos de curta duración como videoclips, fashion films e curtametraxes, cales consideras as vantaxes e inconvintes dese formato?

O videoclip e o fashionfilm son formatos que me permiten investigar e experimentar dunha maneira moito máis libre que a ficción. Gustaríame poder levar algo da miña experiencia con eles aos meus proxectos de curta e, nun futuro, de longa. Dalgún xeito, poder romper coas normas da ficción e aplicar a vangarda que atopo na música e na moda. As tres curtas que teño dirixido son diferentes entre si, en parte por querer probar e atopar a miña forma de narrar coa cámara. Por suposto hai similitudes temáticas e preocupacións compartidas nas tres, pero aínda queda camiño por percorrer. Un dos maiores inconvintes destes formatos é a súa pouca repercusión e a falta de financiación. Facer un videoclip é complicado, sempre faltan cartos e a súa novidade é caduca. Cunha película esto non pasa, son proxectos cos que te casas durante anos e o compromiso é maior. Ademais a xente ve con máis seriedade o ter feito unha peli que ter rodado un fashionfilm. Por suposto o meu obxectivo é dirixir longametraxes, pero non por iso deixar de lado estes outros formatos.

Imaxe de Génesis, curtametraxe dirixida por Ester G. Mera.

Tes en mente algún proxecto de longametraxe? 

É algo pendiente dende hai un tempo, atopar algúns meses, se cadra no estío, nos que porme a escribir sobre algo que me interese fondamente. Teño algunhas ideas na cabeza pero non quero pechar ningunha que non me apaixoe. Como comentaba, é un proceso longo e, se non o vives intensamente, corres o perigo de aburrirte antes de tempo. Fai falla moito esforzo e sacrificio. A miña intención e empezar a escribir este ano, en galego e contando con xente coa que veño traballando dende hai tempo.

“O videoclip e o fashionfilm son formatos que me permiten investigar e experimentar dunha maneira moito máis libre que a ficción”.

Ester G. Mera

Na cuarta edición dos premios María Luz Morales gañou un premio a mellor videoensaio sobre audiovisual internacional con Le temps (ne) detrouit (pas) tout, no que propón unha clasificación do cinema baseada na comparación de dous grupos de directores: Yasujiro Ozu, Andrei Tarkovski e Agnès Varda quen transmiten esperanza e seguridade cara o futuro e Michael Haneke, Lars von Trier e Gaspar Noé quen reflicten nihilismo, pesimismo e anguria. Os nomes destes cineastas aparecen cando lle preguntamos polos seus referentes. “Interésanme os cineastas como Asghar Farhadi, Edward Yang ou Almodóvar que tratan relacións humanas e problemas de familia. Por outra banda gústanme aqueles que son máis reflexivos e tratan dunha maneira máis persoal o paso do tempo como Yasujiro Ozu, Terrence Malick ou Óliver Laxe. E, sen dúbida, disfruto da intensidade e a potencia visual de Lars Von Trier, Wong Kar-Wai ou Gaspar Noé. Tamén quero mencionar mulleres cineastas que considero grandes referentes como Lynne Ramsay, Alice Rohrwacher, Claire Denis, Pilar Miró, Andrea Arnold ou Chantal Akerman. Se tivera que elixir películas, quédome con Blancanieves de Pablo Berger, Amour de Michael Haneke e El Sur de Victor Erice”. 

Ester G. Mera. Fotografía: Aigi Boga

Como xurdiu a idea da que parte o videoensaio?

Trátase do meu traballo de fin de grao, un videoensaio e un ensaio escrito de sesenta páxinas que funcionaban como pezas complementarias. Nace do meu interese pola obra de Deleuze, en concreto A imaxe-movemento e A imaxe-tempo e a filmografía dalgúns dos meus directores e directoras predilectas. Son unha persoa moi heteroxénea á hora de ver cine e quería atopar unha conexión entre cineastas agrupados segundo o meu criterio. Por unha banda, o grupo “da transformación”, aqueles que realizan historias dende a esperanza e a seguridade de cara ao futuro que virá e, por outra, o grupo “da destrución”; desconfían dunha mellora substancial, reflectindo o seu pesimismo e anguria nas súas películas. Dividindo o tempo en tres etapas (infancia, morte e apocalipse) escollín exemplos fílmicos de cada un e concluín revelando outros exemplos que poñían en dúbida o meu discurso. O traballo tomoume un ano de investigación e visionados, pero o resultado foi persoalmente moi satisfactorio. 

Como foi ese proceso de traballo?

Lin moito, moitísimo. Perdinme entre os libros de Deleuze e a bibliografía que un dos meus tutores, Castro de Paz, me ía recomendando. Non tiña claro de que quería falar pero si que o formato tería que ser un híbrido entre a escritura e o video. Escollín aos cineastas que por entón máis me apaixoaban e tomei notas das súas filmografías enteiras.

Despois xa comecei a ver similitudes e diferenzas entre uns e outros e comezou o proceso de edición. Xunto coa escrita, foi a parte máis longa. Fixen e refixen varias veces, de feito ata tiven que volver empezar porque estaba trazando un camiño que non me levaba a ningures. A montaxe é quizáis o proceso que máis desfruto porque é onde se esculpe a peza, xa sexa un ensaio, unha curta ou un fashionfilm. Ás veces o material que sae de cámara non é tan impresionante, pero co traballo de montaxe adquire unha nova dimensión que moitas veces salva a peza. É unha labor moi delicada, leva moito tempo, e sinto que ás veces non se valora o traballo ou queda á sombra do dos demáis.

Como asociada da Academia, que función che parece que deben ter os premios María Luz Morales?

Gustaríame que os Premios serviran para dar a coñecer o traballo de investigadoras e investigadores que non sempre acadan o recoñecemento público que se merecen. As obras premiadas cada ano teñen un gran valor divulgativo que pon en valor o noso idioma, cultura e arquivo audiovisual. 

Que iniciativa che gustaría que levase a cabo a Academia no futuro?

Encantaríame que adquirira unha maior responsabilidade coa xuventude. É moi complicado emprender desde cero no mundo audiovisual e moitas veces sentímonos desamparados ante tal situación. Hai que dar paso ás xeracións máis novas, en especial as mulleres, para renovar as formas e temas de interese, e descubrir novas maneiras de abordar o cine e o audiovisual en xeral. Se non abrimos as portas aos novos talentos, as oportunidades de cambio e mellora pérdense. Moita xente ao meu redor emprega as redes sociais como altofalante. Non obstante, en Instagram somos só un número de tantos e a difusión é relativa; o que hoxe é novidade mañá xa non. Se a difusión fora oficial, por canles clásicos e consagrados como a Academia as obras perdurarían máis no tempo e espallaríanse máis no espazo.

“Hai que dar paso ás xeracións máis novas, en especial as mulleres, para renovar as formas e temas de interese, e descubrir novas maneiras de abordar o cine e o audiovisual en xeral”.

Ester G.Mera

Podes compartir algunha anécdota profesional que lembres dun xeito especial?

De volta a Galicia atopei no tren a Zarauza, Melania Cruz e Morris. Tiven a sorte de poder falar con eles grazas á crítica de Ons que escribira uns días antes en A Cuarta Parede. Foi moi bonito estar con eles un pouco e compartir impresións sobre a película.

Podes adiantarnos en que estás a traballar nestes momentos? 
Agora mesmo estou traballando de axudante de dirección para publicidade, videoclips e ficción. Como realizadora estou preparando un videoclip para un artista de música electrónica, Hadren, e buscando marcas coas que colaborar nun fashion film cunha equipa moi dedicada e talentosa. Por outra parte estou a distribuir a miña primeira curta, Génesis, escribindo un ensaio sobre cinema e muller para Galicia21 e crítica audiovisual en A Cuarta Parede. Agardo que me sobre tempo para comezar co guion da longametraxe. A verdade é que non sei ficar queda!

Categoría: Entrevistas / Novas
Etiquetas: