Hai tres anos, Alba Prol e Raúl García, artífices de Mateórica Cine, decidiron poñer en marcha un proxecto como non fixeran nunca antes “onde nos implicaramos creativamente en todas as fases do proceso, que nos permitise tamén medrar como empresa para empezar a facer proxectos totalmente nosos”. Ese proxecto tomou forma en  percorrer catro das rutas de peregrinación con máis sona do mundo: o Pacific Crest Trail, unha das rutas máis duras dos Estados Unidos; o Camiño Inca a Machu Picchu; o Kumano Kodo, unha rede de camiños que conectan os santuarios de Kumano Sanzan en Xapón e o Camiño de Santiago.  Unha aventura arriscada que queda plasmada en O gran camiño.  Falamos con unha das artífices deste proxecto que percorre miles de quilómetros “para chegar ás persoas e ás historias que teñen detrás”. 

De onde xorde a idea de acometer un proxecto como O gran camiño?

Levamos dous anos e medio con este documental, o proxecto máis importante que fixemos ata o de agora en Meteórica Cine. Normalmente gravamos, editamos ou producimos proxectos para outras produtoras máis grandes, normalmente a TVG, pero decidimos embarcarnos nun traballo máis persoal sempre coa mirada posta no ámbito internacional. Encántanos viaxar ao estilo mochileiro e decidimos xuntar as nosas dúas grandes paixóns: o audiovisual e as viaxes. 

Fotograma de O Gran Camiño.

Temos entendido que a pandemia obrigou a modificar o esquema de traballo que tiñades previsto incialmente… 

Comezamos coa preprodución en xaneiro de 2019 e estivemos gravando de finais de setembro ata febreiro de 2020. En marzo interrompeunos a pandemia e comezamos a editar, pero a idea era rematar de gravar todo en abril, e pornos a editar ata outubro. Con todo o que pasou, a edición estendeuse ata finais de decembro e, finalmente, o proxecto convertiuse nunha serie, dado ao interese que suscitou na nosa distribuidora internacional e rematámolo en xaneiro de 2021.  

A partir dese momento inicia o circuíto de festivais, cunha acollida moi favorable en citas internacionais. Cal foi a selección ou premio que máis ilusión vos fixo?

Un dun festival de Viaxes en Turquía, porque foi o primeiro que puidemos recoller en persoa despois dun inverno de pandemia e restricións.

Sinceramente non agardabamos tan boa recepción: nestes primeiros meses de 2021 acadou doce premios e trinta loureiros en festivais de cine de todo o mundo. A distribuidora española Súper 8 ofreceunos distribuílo en cines e facer a estrea para España no Palacio da Prensa, en Madrid, algo que nunca pensamos que pasaría. Foi un proxecto concebido para canles temáticas de viaxes, se cadra coa posibilidade de chegar a algunha plataforma coa nosa distribuidora internacional, pero nunca pensamos que estaría nas salas de cine de toda España.

“Foi un proxecto concebido para canles temáticas de viaxes, nunca pensamos que estaría nas salas de cine de toda España”.

Alba Prol, Meteórica Cine.

Ao tempo que percorriades unha ruta determinada tiñades que estar pendientes das condicións de gravación. Como foi a planificación?

O Gran Camiño, no fondo, é un documental social ademais de ser de viaxes e aventura; cando fas documental social a túa “materia prima” son as persoas. Sempre levas unha preprodución feita, pero hai que ir aberto ao que poda chegar, saber deixarse levar, improvisar… e, ás veces, as cousas que xurdían de xeito espontáneo eran mellores que as que levabamos planeadas. 

O Gran Camiño. Meteórica Cine.

Se tiveras que elixir unha ruta particularmente esixente, cal sería?

O camiño Inca foi o máis duro polo mal de altura e porque non había ningunha posibilidade de apoio nin acceso por carretera; se tiñamos algún problema cunha cámara, tarxetas, baterías, ordenador… non había solución posible. Porén foi o máis gratificante cando finalmente todo saiu ben.

Son unha namorada de Sudamérica e sempre quixera ir ao Machu Picchu, pero chegar camiñando é unha pasada. Chegas dun xeito diferente, coñecendo a cultura dende dentro e tras pasar uns días moi especiais en conexión coa terra ao 100%. Ademais fomos en xaneiro, fuxindo da masificación que hai no verán, recoméndoo completamente.

“O camiño Inca foi o máis duro polo mal de altura e porque non había ningunha posibilidade de apoio nin acceso por carretera; se tiñamos algún problema non había solución posible”.

Alba Prol, Meteórica Cine.

Como foi o traballo co noso asociado Raúl García, que te acompaña como co-director, co-guionista e co-protagonista do documental? 

Traballar con Raúl é unha marabilla, é o mellor compañeiro. Coñecémonos gravando a serie web El Quid  e despois traballamos xuntos no programa Casamos! da TVG durante varias tempadas. Traballamos xuntos desde que nos e sempre tivemos moi boa sintonía. Os dous somos dun perfil multidisciplinar, gravamos, montamos, producimos… e complementámonos moi ben. Estamos centrados na nosa produtora e traballando xuntos, pero non nos pechamos a nada.

Tamén facemos proxectos cada un pola súa conta: el estivo dirixindo Cos pés na terra para Filmax, coido que foi o seu último proxecto antes do Gran Camiño, e eu estiven como redactora para Setemedia. Nestes momentos tennos absorbidos o proxecto de serie internacional de O Gran Camiño.  

Ala Prol e Raúl García, Meteórica Cine.

Ámbolos dous vivides en Santiago, onte tamén se atopa a sede da vosa produtora. Que sentistes ao chegar á vosa cidade como peregrinos?

A verdade é que se ve todo dende un punto de vista diferente. Para nós foi moi especial porque viñamos de estar confinados varios meses e saír facer o camiño, en plena natureza, sen case xente, foi espectacular e moi emotivo, despois duns meses moi duros e de moita incertidume; non sabiamos se iamos poder rematar o noso proxecto despois dun ano e pico dedicados a el. 

Que lle dirías ao público galego que vai ir ás salas de cinema ver O gran camiño
Que non se esperen só un documental de viaxes, porque vai de moito máis.  Que vaian averiguar de que vai.