A Academia Galega do Audiovisual traballa xa no asesoramento de todas aquelas persoas ou entidades que queiran gravar na Coruña, colaborando co Concello na xestión e na centralización das solicitudes de rodaxe. Xa están dispoñibles na Sede Electrónica do Concello a Guía de Rodaxe e os formularios de solicitude de permisos para gravacións sinxelas ou normais na cidade. A creación dun formulario simplificado para rodaxes con equipo de ata 10 persoas e que non impliquen reservas de espazo ou estacionamento ten a fin de axilizar os trámites para proxectos académicos ou de pequenas dimensións.

A Guía de Rodaxe recolle toda a información necesaria para solicitar unha autorización de gravación -documentación que cumpre axuntar, normativa, taxas, prazos, etc.-, así como información sobre as normas que hai que ter en conta durante a rodaxe, tanto no tocante a reservas de espacio como a ruídos, conservación patrimonial, normativa ambiental, etc.

A presentación das solicitudes de permisos poderá facerse por tres vías:

  • A través da Academia Galega do Audiovisual, que asesorará e centralizará as solicitudes
  • A través da Sede Electrónica da web do Concello
  • As persoas físicas poden facelo, tamén, de maneira presencial, nas oficinas de Rexistro do Concello, presentando os formularios dispoñibles para a súa descarga na Sede Electrónica debidamente cumprimentados.

As persoas interesadas poden solicitar máis información por teléfono (981 227 701 | 981 208 393 | 633 245 639) ou por correo-e.