A Academia Galega do Audiovisual aprobou na súa última Asamblea Xeral Ordinaria un Decálogo de Igualdade de Xénero que recolle os seus compromisos a prol da igualdade efectiva entre homes e mulleres. É o seguinte:

1.- Comprometémonos a que nos contidos, audiovisuais ou de calquera outro formato, que elabore, edite, impulse ou produza a AGA, a imaxe do home e da muller non alimente o imaxinario sexista ou machista, fuxindo de estereotipos e de roles de xénero hexemónicos.

2.- Comprometémonos a prestixiar o traballo das mulleres, non deixando máis de dúas edicións sen nomear unha muller como Premio de Honra. Igualmente, faremos un estudo de campo para que algún dos catro premios que outorga á AGA leve o nome dunha muller relevante na historia do noso audiovisual.

3.- Comprometémonos a incluír a perspectiva de xénero en todos os informes, estudos e análises que elaboremos.

4.- Comprometémonos a deseñar protocolos axeitados para dar resposta ás situacións de acoso no eido audiovisual.

5.- Comprometémonos a que todas as nosas comunicacións, informes e producións estean expresadas en linguaxe non sexista.

6.- Comprometémonos a impulsar e a elaborar informes e estudos que analicen a situación laboral da muller no audiovisual con perspectiva de xénero, así como a imaxe e os roles que como creadores e creadoras proxectamos de homes e mulleres.

7.- Comprometémonos a que a composición das Xuntas Directivas cumplan coa representación mínima e máxima de 40/60 nos termos da Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

8.- Comprometémonos a que todos os equipos das galas dos Premios Mestre Mateo cumpran coas ratios de 40/60 da Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes. Para que esta medida non afonde da división sexual do traballo que tan acreditada está no noso sector, deberán aplicarse sempre na dirección dos equipos e tanto no eido creativo (dirección, guión, dirección de arte, equipo artístico, dirección musical), coma no técnico.

9.- Comprometémonos a que todas as comisións, xurados de premios, equipos de asesoramento, etc, que no exercicio das nosas competencias impulse a AGA, cumpran coa representación mínima e máxima 40/60 nos termos da Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

10.- Comprometémonos a conformar una Comisión de Igualdade que impulse e faga un seguemento do cumprimento desta e outras accións a prol da igualdade.

Podedes descargar o decálogo, aquí.

A imaxe que ilustra o texto é de Yasmine Gateau.