A Academia Galega do Audiovisual quere expresar a súa gran satisfacción pola aprobación, por unanimidade da Comisión de Cultura do Congreso dos Deputados, do Informe da Subcomisión para a elaboración do Estatuto do Artista.

Agradecemos a actitude e o gran traballo de todos os grupos políticos, así como das deputadas e dos deputados que participaron na Subcomisión. É un asunto fundamental, porque afecta a un gran número de traballadoras e traballadores e tamén pola importancia simbólica da Cultura.

Agradecemos, tamén, que se lle dese voz ás traballadoras e traballadores do audiovisual galego e da cultura galega, a través dunha intervención do presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares, o día 4 de Outubro de 2017.

O documento aprobado insta a que o Goberno do Estado aprobe unha serie de medidas entre as que se encontra unha nova fórmula fiscal, laboral e de cotizacións que sexa axeitada ás actividades artísticas e que teña en conta a grande intermitencia do noso traballo, permitíndonos acceder a xubilacións e prestacións dignas por enfermidade, maternidade, paternidade ou desemprego. Tamén está entre as nosas demandas que haxa unha igualdade real entre os salarios de homes e mulleres.

Instamos aos diferentes grupos políticos a que sigan traballando conxuntamente, como ata agora, nun asunto que cremos fundamental.

Debemos coidar entre todas e todos da cultura, porque a cultura é liberdade.