Tes menos de 31 anos ou levas máis de 6 meses sen traballar? Se te atopas nesta situación, envíanos o formulario para darte de alta na Academia e obtén un 30% de desconto na túa cota!

A Academia ten desenvolvido nestes anos de existencia, principalmente os  PREMIOS MESTRE MATEO, así como outras moitas actividades relacionadas co audiovisual que serven como instrumento para promover, difundir e por en valor o audiovisual galego en xeral e os traballos dos técnicos, actores e produtores galegos en particular.  Quédanos moito camiño por percorrer e moitos obxectivos por acadar.

Consideramos que a masa critica da Academia Galega do Audiovisual segue a ser pequena e temos o convencemento de que todo resultaría máis satisfactorio cantas máis persoas estivesemos involucradas neste proxecto común. Por todo isto animámoste a que entres a formar parte da Academia, que poidas exercer o voto nos Premios Mestre Mateo, participar nas asembleas, recibir información do sector e invitacións para as estreas, e gozar dalgunhas vantaxes como descontos en diversas tendas e empresas de servizos. Podes participar e implicarte na consolidación da Academia Galega do Audiovisual tan só facéndote socio/a.

A Academia é e quere ser a casa de todos: unha institución que nos represente a todos os profesionais do sector audiovisual – actores, guionistas, produtores, eléctricos, directores, músicos, decoradores, montadores…-, todos sen excepción. Porque o noso é un sector moi diverso -e con intereses en moitos casos encontrados-, pero no que todos compartimos un obxectivo común: que o audiovisual medre en Galicia e que poidamos ter voz propia ante o mundo.

Coa túa achega económica e a túa participación, contribuirás a que a Academia sexa cada día máis útil para o sector audiovisual; a que os premios sexan máis xustos e representativos; a que poidamos seguir difundindo o audiovisual que se fai en Galicia; a que a nosa voz sexa máis forte ante os distintos interlocutores… Cantos máis sexamos mellor poderemos defender a nosa profesión e o noso sector.

Faite soci@!