Nación de Margarita Ledo, a loita obreira desde a perspectiva das mulleres

4 / 11 / 2020

Falar de Margarita Ledo é falar dunha referente, unha figura indispensable para entender a cultura galega actual na súa definición máis ampla. Docente, escritora, cineasta, Catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela, membro de número da Real Academia Galega, primeira muller a quen se lle concede o premio Otero Pedrayo, Premio Nacional da Cultura Galega en 2008… a listaxe dos seus logros e recoñecementos é extensa. Volve poñerse detrás das cámaras para dirixir Nación, a súa cuarta longametraxe, que se estrea no Festival de Cine de Sevilla e que conta a loita das operarias da fábrica Pontesa.

Un documental que reivindica a loita obreira desde o punto de vista das mulleres, tendo en conta as implicacións que supuxo a súa incorporación á forza de traballo, en tempos convulsos para o sector fabril.

Por que decides contar a historia das operarias de Pontesa?

Por unha frase nun vídeo doméstico. Unha antiga operaria da Pontesa diríxese a todas as mulleres: “Nunca traballedes gratis, por favor. A la mierda!” Din con ela en Alxán, a aldea onde vive. Chámase Nieves Lusquiños e converteuse no fío da película. Por outra banda, Pontesa, que se instala na ría de Vigo en 1958 e pecha, de maneira traumática, en 2001, é unha mostra do paso do capital produtivo á corrupción e á especulación. Aínda non demos saído de aí, non si?

Fotograma de Nación. NOS Productora Cinematográfica Galega.

A incorporación das mulleres á fábrica outórgalles unha maior autonomía e independencia económica e, en moitos casos, a vinculación laboral con Pontesa dura décadas. Para estas persoas o peche debeu de ser durísimo…

E outórgalles autoestima. Os longos anos como asalariadas son anos nos que o corpo se pon en movemento: namoran, organízanse, fan festas, xogan partidos de fútbol en solidariedade coas traballadoras de Regojo, recoñécense con dereitos, enteiras. Por iso seguen, aínda hoxe, en xuízo. Por iso entraron coa súa equipaxe propia na película, como pasadoras da súa experiencia para o corpo das actrices, por exemplo.

As intérpretes da túa longametraxe son mulleres de perfís moi diversos, como foi o traballo con elas?

Fomos observándonos, deixando agromar ese recendo colectivo que latexa en todo o filme e que abeira nos espazos onde as cousas aconteceron. E na actuación, tanto das actrices coma das que non o son, cara si mesmas, cara min, cara a obra como ese lugar que as acolle e as expresa. Comezamos, precisamente, polas secuencias performativas para decatarnos de que estabamos a facer unha película. É un entrenzado de afectos, de sororidade, de botar o resto.

“Fomos observándonos, deixando agromar ese recendo colectivo que latexa en todo o filme e que abeira nos espazos onde as cousas aconteceron”

Margarita Ledo, directora de Nación

Unha delas é a poeta Eva Veiga. Ti mesma tamén tes publicada obra poética. Que importancia tivo a visión poética á hora de abordar a rodaxe?

Non podería facer o filme sen Eva, a esfinxe que abre o filme para apagar a escuridade; ou sen os versos de Rafa Lobelle; sen unha poética que desafía os lindes da representación, que fai corpo con cada material, coa autogravación das conserveiras, coa voz-salouco das do téxtil, coas pequenas factorías que seguen fabricando, con fragmentos de memoria que se proxectan no devir, con esa estrela filante que atravesa o ceo negro, a pantalla, para que poidamos luír no desexo e rematar cos medos.

Fotograma de Nación. NOS Productora Cinematográfica Galega.

Traballastes cun equipo moi pequeno, podes contarnos como foi a rodaxe e de que maneira o equipo condicionou o resultado que se ve en pantalla?

O pequeno equipo funciona como un dispositivo que aquece cada toma, con persoas que están preparadas para as mudanzas que decote fago, que activan o sexto sentido cando as dificultades campean. É un equipo que respira coa película e todo isto vai parar á pantalla. Son tamén esa estrela filante, que por ser efémera, vaite afacendo a agardares polo instante. Que é cando alguén di: boa! pagou a pena! E dámoslle unha aperta a quen lle cadre estar á nosa beira.

“O pequeno equipo funciona como un dispositivo que aquece cada toma, con persoas que están preparadas para as mudanzas que decote fago, que activan o sexto sentido cando as dificultades campean.”

Margarita Ledo, directora de Nación.

Como foi o traballo cos materiais de arquivo?

Para min os arquivos son un material de estima. Úsoos como o vestixio de algo que pasou; mais tamén como síntoma, como indicio de algo que se agacha. Isto lévame cara a aquelo que nunca se mostrou, a entrar na intimidade dos arquivos persoais, a conmoverme coa pose, cun obxecto, coa pegada que deixan as condicións nas que esa determinada imaxe se realizou. E todo iso resoa no encontro con outras imaxes.

Fixestes algún visionado coas antigas operarias?

Non, non. Irán vela o 20 de novembro ao Principal de Pontevedra. O único material que traballei canda elas foron arquivos dos anos oitenta e noventa que rexistran as batallas na rúa en defensa dos postos de traballo.

Onde poderemos ver Nación proximamente? Tedes prevista a estrea en Galicia?

Despois de Sevilla Nación vai estar en Márgenes, o Festival de Cine Independente de Madrid. A primeira exhibición en Galiza será en Cineuropa e a seguido en Pontevedra e en Lugo, no cadro de programas institucionais. E a estrea quereríamos facela axiña, talvez a fins de xaneiro… a xente quere ver e ten dereito a se ver en Nación.

Tráiler de Nación. Nos Productora Cinematográfica Galega.
Categoría: Entrevistas / Novas
Etiquetas: Entrevistas