Lúa Vermella, o mito e a paisaxe segundo Lois Patiño

30 / 10 / 2020

Sete meses despois da data prevista, chega ás salas de cine Lúa Vermella, a esperada segunda longametraxe do cineasta vigués Lois Patiño. A película inspírase na historia real do Rubio de Camelle, un buzo rescatador de cadáveres de náufragos perdidos baixo o mar da Costa da Morte. Está producida por por Zeitun Films, foi estreada na pasada Berlinale e premiada coa Biznaga de Prata á Mellor Película Española de Zonazine no pasado festival de Málaga.

Tres mulleres chegan a unha vila da costa galega buscando ao Rubio, un mariñeiro que desapareceu no mar. É un lugar onde o tempo semella terse detido e onde se escoitan voces que falan de pantasmas, de meigas, de monstros.

Despois de Costa da Morte, a túa ópera prima, como xorde Lúa Vermella?

Xorde como unha continuación, polo desexo de seguir afondando na identidade galega. Pero se Costa da Morte é un documental antropolóxico, que contempla a relación entre o home e a paisaxe desde o lado da realidade, Lúa Vermella penetra no imaxinario fantástico galego na súa relación coa morte e os mortos. É un filme sobre a relación entre mito e paisaxe. Que lendas poden xurdir desta terra onde se convive cun mar que é un cemiterio e que foi concibido durante séculos como a fin do mundo? Que mitos espertarán estes dous focos de misterio como son a morte e o mar? Estas son algunhas das interrogantes desde as que nacía a película.

Fotograma de Lúa Vermella. Zeitun Films.

A rodaxe realizouse en dous tempos, como foi o seu desenvolvemento?

Ao inicio a película non ía transcorrer na Costa da Morte, senón que planeaba rodar noutras zonas de Galicia e construír un espazo ficticio, que non se ubicara nun lugar concreto, pero o descubrimento da historia do Rubio de Camelle foi o que me atraeu de novo ata a Costa da Morte. É un lugar tan máxico e misterioso que semella unha fonte inesgotable de historias por contar. Xa só en Camelle ter dúas figuras tan lendarias como o Rubio ou o artista ermitaño Man, é unha proba elocuente de abondo.

A primeira parte da rodaxe preparámola antes de coñecer a historia do Rubio, e traballamos pola zona da Ribeira Sacra e Lemos. Alí gravamos sobre todo os planos de bosques, ríos, interiores de casas e tamén a presa de Belesar. Despois fixemos unha pausa dunhas dúas semanas, que foron moi enriquecedoras, porque nos permitiu reflexionar sobre a linguaxe da película e comprender mellor a película que estaba nacendo. Así, á segunda parte da rodaxe na Costa da Morte chegamos con máis confianza. A nivel de produción esta partición da rodaxe en dous complica e encarece un pouco, pero para películas onde se exploran novas linguaxes coido que moitas veces pode resultar un período de reflexión de vital importancia.

Lúa Vermella penetra no imaxinario fantástico galego na súa relación coa morte e os mortos..”

Los Patiño, director de Lúa Vermella
Fotograma de Lúa Vermella. Zeitun Films.

As persoas que aparecen na película son actores non profesionais. Cómo foi traballar con eles?

Sobre as persoas que aparecen na película temos, por unha banda, á figuración que na película é a xente da vila que queda paralizada e, por outra banda, ás meigas e ao Rubio. Os figurantes que aparecen en pantalla son a propia xente da Ribeira Sacra e da Costa da Morte. Buscabamos facer unha especie de álbum fotográfico que retratara á xente da zona. A película ten a vontade neste senso de reflectir unha realidade documental pero tinxíndoa con ese sustrato fantástico, levándoo por momentos ao xénero do terror. Tamén co Rubio seguimos nesta liña: el interprétase a si mesmo na película, pero rodeado polos seres que habitan o imaxinario galego: as meigas ou os espectros da Santa Compaña.

As meigas eran as únicas que tiñan experiencia previa no teatro. Carmen leva varios anos nunha compañía e Pilar tamén no teatro amateur. Para Ana si que era a primeira experiencia. Polo que me contan vivírono como unha una aventura única, e é certo que as rodaxes son sempre momentos dunha intensidade moi forte que xeran moitas lembranzas. Hai moitas persoas traballando concentradas nun mesmo obxectivo e hai un compoñente de aventura que as fai moi bonitas. Coido que foi unha experiencia memorable para todos.

“a película ten a vontade de reflectir unha realidade documental pero tinxíndoa con ese substrato fantástico, levándoo por momentos ao xénero do terror.”

Los Patiño, director de Lúa Vermella

Podes contarnos como foi o traballo na sala de montaxe?

Lúa Vermella é unha película un tanto singular en canto á orde das fases de produción dunha película. Normalmente partes do guión, despois fílmalo e finalmente edítalo. Pero aquí o noso guión era moi esquemático cando realizamos a rodaxe. Tiñamos moi clara a linguaxe da película e o ton, así como unha pequena estrutura de relato, pero non había un guión propiamente dito, non había diálogos escritos, senón que eu creara un platexamento onde as voces dos personaxes serían monólogos interiores. Desta maneira durante a rodaxe podiamos concentrarnos na imaxe dos espazos, corpos e rostros, e foi na fase de montaxe cando, mentres editabamos, ía escribindo os diálogos.

A fase de edición dividiuse en dúas partes porque era un proceso moi esixente. Tiñamos moito material pero de imaxes moi abertas. Digamos que tiñamos moitos cadros ao estilo de Hopper, onde ves figuras ensimesmadas que por si mesmas poden evocar unha infinidade de relatos ao espectador, e esa idea interesábame moito. Pero á vez tiñamos que contar a nosa historia, é dicir, dentro de todo ese abanico de relatos que evocaban as imaxes, quedarnos con un e contextualizar a imaxe dentro desa historia. Tiñamos que dotar dun sentido concreto ás imaxes, e aí é onde os diálogos serven de guía. Por iso montaxe e guión avanzaron da man.

O son realizado por Juan Carlos Blancas resulta fundamental para crear a atmosfera da película. Que importancia ten a atmosfera sonora nun filme cunha proposta visual tan poderosa?

A atmosfera sonora é moi importante sempre, pero en propostas onde o relato narrativo é máis mínimo convértese en algo fundamental. Nesta película tratábase de novo de oscilar entre o retrato máis documental e o conto de terror. Nunhas fases queriamos deixar sons limpos onde a natureza respirara: o mar, o vento, as árbores… Pero noutros momentos a realidade volvíase turbia e aí traballabamos con sonoridades densas, de moitas capas sonoras, onde os sons da natureza ían volvéndose abstractos ao mesturarse con música electrónica atmosférica. Juan Carlos Blancas era a persoa óptima para esta liña de traballo. Ademáis de deseñador sonoro é músico e estas fusións sonoras entre natureza e musicalidade atmosférica, gózaas moito.

Outro elemento que destacaría dentro da atmósfera sonora son as propias voces que escoitamos. Máis alá do contido do que din queriamos que foran un ingrediente sonoro que aportara a súa emotividade. Fixemos aquí un casting de voces e fomos gravando a moita xente para dar coa sonoridade óptima que buscábamos: voces moi fráxiles e febles, normalmente, ou cavernosas pero case bisbando. A idea era continuar coa atmósfera pausada e espectral: voces no límite entre o ser e o non ser, a piques de desaparecer.

“Tiñamos que dotar dun sentido concreto ás imaxes, e aí e onde os diálogos serven de guía. Por iso montaxe e guión avanzaron da man.”

Lois Patiño, director de Lúa Vermella.

Lúa Vermella chega ás salas para continuar coa exploración da identidade galega que o cineasta iniciaba na súa primeira longametraxe, Costa da Morte. A costa e a morte ás que fai referencia o título seguen moi presentes no relato, esta vez desde un punto de vista fantástico e lendario.

Tráiler de Lúa Vermella. Zeitun Films.
Categoría: Entrevistas / Novas
Etiquetas: Entrevistas