O vindeiro 7 de marzo daranse a coñecer as gañadoras e gañadores en cada unha das vintencico cateogorías dos XVIII Premios Mestre Mateo. A actriz Patricia Vázquez será a anfitrioa dunha Gala na que a música, o circo e a danza estarán moi presentes para celebrar a maioría de idade dos premios do audiovisual galego. 

Mercedes Suárez, será a encargada das coreografías que se poderán ver sobre o escenario do Pazo da Ópera da Coruña, unha proposta que incluirá algunha que outra sorpresa e coa que Chedes, como é popularmente coñecida, só desexa que o público “disfrute coa danza”. A ex-directora do Centro Coreográfico Galego é unha figura de referencia dentro das artes escénicas na nosa comunidade: despois de formarse en París, Bruxelas e Madrid, regresou a Galicia en 1982 para fundar Druída, que dirixiu durante vinte anos. 

A parte musical correrá a cargo da Orquesta Gaos e o coro Minigaos, dúas institucións de referencia no eido da música clásica na cidade da Coruña, que se encargarán do acompañamento musical do espectáculo. Fernando Briones é o director artístico e musical da orquestra e coro, que contan como socio de honra co Mestre Cristóbal Halffter. Fundada en 2009, en 2015 incorpora un novo proxecto: os Minigaos, dous coros infantís cos que inculcan aos máis cativos a paixón pola música e o canto coral.

Luis Avilés, director da Gala, completa a súa proposta artística con circo, a cargo do colectivo compostelán Pistacatro Productora de Soños, unha iniciativa que, desde o 2006 crea, produce e distribúe espectáculos de Novo Circo e Cabaré.

A Gala poderá seguirse en directo a partir das 22:00 horas pola televisión de Galicia e as redes sociais da Academia. Patricia Vázquez será a anfitrioa dunha noite na que se fará un repaso ao mellor da produción audiovisual galega. A XVIII edición dos Premios Mestre Mateo parte como unha das máis igualadas dos últimos anos, con tres producións acaparando o maior número de candidaturas: a serie Hierro, que suma un total de 16, seguida polas longametraxes Quen a ferro mata con 15 e O que arde con 12. A unha certa distancia sitúanse a longametraxe Eroski Paraíso, con 7, e serie A estiba con 6. O sábado coñeceremos as gañadoras.