Colaboración coa revista A Cuarta Parede

13 / 07 / 2022

A Academia Galega do Audiovisual inicia unha colaboración con A Cuarta Parede, grazas á cal se poderán ler e visionar os ensaios e videoensaios gañadores dos Premios María Luz Morales na revista de crítica cinematográfica. Para o presidente da Academia, Álvaro Pérez Becerra “é importante non esquecer nunca o traballo de investigación que, ao redor do audiovisual, realizan moitos profesionais en Galicia. Temos desde a Academia a misión de contribuír a documentar todo ese coñecemento, e por suposto, a divulgalo. Que mellor, para isto, que contar cunha das publicacións que máis ten feito para dar a coñecer o traballo no audiovisual en Galicia, en especial o menos visible, como é A Cuarta Parede.”

Trofeos da VI edición dos María Luz Morales

Jesús Silva Vilas, director da revista dixital, considera que “o principal obxectivo desta colaboración e contribuír a dar maior visibilidade aos traballos premiados nos María Luz Morales mediante a publicación e difusión dos ensaios gañadores na revista, así como promover o propio certame entre os nosos lectores e colaboradores. Para A Cuarta Parede tamén é unha oportunidade extraordinaria para atraer novos talentos e presentarse como un espazo disposto a acoller este tipo de traballos” sen perder de vista un obxectivo a longo prazo “seguir expandindo o panorama da crítica cinematográfica en galego e normalizando o uso da nosa lingua no eido da investigación cultural.”

“É importante non esquecer nunca o traballo de investigación que, ao redor do audiovisual, realizan moitos profesionais en Galicia.”

Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia

Para o director da publicación, os Premios María Luz Morales constitúen unha iniciativa “única no país” ao promover “a creación de ensaios cinematográficos en galego fóra do ámbito estritamente académico, e que ao longo dos últimos seis anos motivou a produción de pezas escritas e audiovisuais de gran calidade e interese, pero que aínda precisa chegar a máis xente e asentar o seu prestixio para aproveitar verdadeiramente o seu potencial.” 

Nas sucesivas edicións dos premios, moitas persoas vinculadas á revista foron gañadoras ou formaron parte do xurado, en palabras de Silva Vilas “unha sinerxía natural, que facía evidente a necesidade dunha colaboración máis directa entre a revista e a Academia. Porén, é imprescindible que o círculo da crítica en Galicia se abra a novas voces e perfís que axuden a diversificar e enriquecer o corpus da investigación cinematográfica en galego a través de formatos e miradas diversas.”

“É imprescindible que o círculo da crítica en Galicia se abra a novas voces e perfís que axuden a diversificar e enriquecer o corpus da investigación cinematográfica en galego a través de formatos e miradas diversas.”

Jesús Silva Vilas, director de A Cuarta Parede

A Cuarta Parede foi distinguida co X Premio José Sellier, un galardón que concede a Academia para recoñecer iniciativas salientables do sector audiovisual, como recorda o presidente da institución: “a óptica dunha revista especializada, cunha traxectoria que a fixo merecedora dun premio tan importante e querido na Academia como é o Sellier, o pasado ano, será un complemento de moito interese para dar a coñecer os traballos que participan nos Premios María Luz Morales.”

Etiquetas: