Jorge Saavedra: “Esta profesión é unha aprendizaxe constante tremendamente divertida”

14 / 07 / 2022

O director Jorge Saavedra é un director de ficción que ten estado a cargo dalgunhas das series máis populares emitidas recentemente: Padre Casares, Serramoura, Matalobos ou Néboa. “Penso que fun moi afortunado nestes anos porque, practicamente, non parei de traballar e de aprender e agardo que siga así.” Charlamos sobre o que foi o seu percurrido profesional ata hoxe e desvelamos os seus próximos proxectos.

Contas cunha traxectoria de referencia dentro do sector audiovisual, que balance fas dela?

Pois, sobre todo, agradecer a confianza por parte das persoas e empresas que me ofreceron os meus primeiros proxectos. Carlos Portela inicialmente, que me propuxo para miña primeira serie como director e Voz Audiovisual, empresa para a que traballei moitos anos en diversas series. A través de varios proxectos de diferente temática, target, estilo e xénero vas adquirindo experiencias diferentes e, sobre todo, multitude de ferramentas para enfrontarte a todo tipo de situacións que resolver. Ademais, polo camiño coñeces a moitos profesionais que te enriquecen tanto a nivel laboral como persoal. Esta profesión é unha aprendizaxe constante tremendamente divertida.

Jorge Saavedra na rodaxe de Fuerza de Paz

Se tiveses que quedarte con só tres proxectos nos que traballaches, cales serían e por que?

O primeiro sería a curtametraxe Sin plomo (2006). Foi a primeira vez que traballei nun proxecto coidado ao detalle. Traballamos moitos meses no guión para que non se nos escapara nada e a rodaxe foi exactamente o mesmo. Puxemos moito coidado no cásting e na preprodución, porque o orzamento era moi pequeno, pero queriamos un acabado o máis profesional posible. Quedamos moi contentos co resultado e a curta funcionou moi ben.

O seguinte sería a serie Matalobos (2009-2013), a primeira na que participei. E foi un disfrute absoluto por moitos motivos. Principalmente polo arriscado da proposta, tanto a nivel argumental e temático como o do estilo visual. Todo o mundo estaba moi comprometido coa serie e lembro que, a partir da segunda ou terceira tempada, a xente nova que chegaba á serie sentía que entraba nun proxecto cun aura moi especial que incluso intimidaba. Pero foi moi divertida a todos os niveis.

E o terceiro a serie Fuerza de Paz (2021). Esta é a primeira que fixen fora de Galicia, pero desde o primeiro momento sentinme arroupadísimo. A historia tamén é arriscada pero tiven moita liberdade formal e un reparto e equipo excelentes. Ademais a creadora, Aurora Guerra, é unha persoa cun trato moi cercano e é enormemente xenerosa. Dá moita marxe ao elenco e está moi pendiente na rodaxe de que se respecte a historia pero, ao mesmo tempo, sintes que tes liberdade para contar as cousas do xeito que creas mellor e as túas ideas son defendidas. Foi unha gozada de proxecto.

Como valoras a evolución do sector desde os teus inicios ata o día de hoxe?

Penso que nos últimos anos houbo unha explosión na ficción para televisión. Antes había moi poucos clientes posibles, as televisións autonómicas, nacionais e as privadas, pero non había moitos proxectos aos que acceder.

Agora mesmo todo iso segue estando aí, aínda que en moita menor medida, pero a apertura apareceu grazas ás plataformas. Realmente está a ser complicado atopar equipo técnico porque hai moitísimas producións ao tempo e todo o mundo está ocupado ou coa axenda apretada case todo o ano. O futuro agora mesmo pinta moi ben porque a xente segue a consumir ficción televisiva de todo tipo. Agardo que non canse. Aínda que o que si vexo é que o cine está sufrindo máis, pero entendo que os hábitos de consumo nestes tempos tiren máis cara a comodidade da casa e o poder ver o que queiras cando che apetece. Ten que haber de todo e para todos. Eu consumo tanto cine tradicional como series e agardo que siga así por moito tempo.

“O futuro agora mesmo pinta moi ben porque a xente segue a consumir ficción televisiva de todo tipo. Agardo que non canse.”

Jorge Saavedra, director

Contas cunha axencia de representación artística, algo habitual en intérpretes, pero, se cadra, menos en directoras e directores. Podes explicarnos como é o traballo con ela?   

Como dicía antes, o mercado abriuse moito, pero é imposible chegar a todo. No meu caso, optei pola opción de representante para tentar chegar a máis propostas de proxectos, sobre todo por parte de empresas que non coñezo cou non me coñecen. Aínda que todo é moi relativo, porque a raíz dun traballo que fas vaiche saíndo outro e vanse encadeando, pero xa houbo algunhas propostas nestes anos que non me terían saído a min só. Un representante ten contacto con moitas empresas e proxectos e están ao tanto de todo o que se vai producir proximamente. É moita información que normalmente non che chega. A raíz diso, pode que o teu repre te propoña para un traballo ou que sexan os demáis os que están buscando a alguén e pode que ti lles encaixes. Non está de máis. Ademáis xestiónanche os contratos e as condicións de cada traballo, que sempre é unha parte delicada á hora de aceptar un proxecto.

Moitas das series nas que traballaches está co-dirixidas xunto con outros compañeiros. Como se organiza o fluxo de traballo?

Normalmente unha serietrabállase en equipo entre dous ou máis directores. Un adoita comezar o proxecto e marcar o estilo e os que teñen capítulos posteriores deben intentar mantelo, na medida do posible, para que a serie manteña a súa entidade. Aínda así e dependendo do formato da serie, hai varias maneiras de dividirse o traballo. Nunha serie longa pode que se repartan os episodios de dous en dous, ou como nas dúas últimas nas que traballei, un director fai os primeiros catro episodios e o outro os catro últimos. Este modelo estouno a desfrutar moito porque, se che tocan os últimos tes moito tempo de preparación e vas coas cousas moi faladas, o equipo está adaptado á serie e o reparto case vai só. É moi cómodo cando chegas porque vas dereito ao que queres, e aproveitas o tempo a tope para facer o que preparaches e, incluso, para probar algunha idea improvisada.

Jorge Saavedra, director

Hai algunha persoa coa que che guste especialmente co-dirixir?

Nestes anos traballei con moitos compañeiros dos que aprendín moito como son Jorge Coira, Miguel Conde e Óscar Pedraza. Enormes directores que levan xa moitos anos e proxectos ás costas, con maneiras de traballar moi diferentes pero que aportan moitísimo aos compañeiros, o reparto e o equipo en xeral.

Nos dous últimos anos traballei con Mar Olid e con Ana Vázquez, moi similares en enerxía e experiencia, pero que non poden ter sido máis xenerosas comigo e tratáronme con moitísimo cariño desde o primeiro momento, deixándome o terreo moi preparado para a miña entrada nas series que compartimos.

Ao longo da túa carreira recibiches varios Premios Mestre Mateo, ben a título individual, ben para proxectos nos que traballaches. Que significan para ti os premios e en particular, os Mestre Mateo?

Ao longo dos anos cada vez me importan menos os premios e xa non lles fago moito caso. Valoro moito máis os traballos en si, e refírome en xeral ao traballo de todo o mundo. Ao final os premios, aínda que sempre é boito que te recoñezan, parécenme inxustos porque o contar unha historia e chegar con ela ao espectador non debería de ser unha competición e, ademais, non penso que haxa unha maneira de valorar se un proxecto é mellor que oturo. Sempre me fixeron gracia os Óscar porque podía poñerle cara á xente que normalmente está detrás das cámaras e se lles ve emocionados cando os los reciben. Pero máis alá deso, penso que o importante é a ilusión polo teu traballo.

“Cada vez me importan menos os premios e xa non lles fago moito caso. Valoro moito máis os traballos en si, e refírome en xeral ao traballo de todo o mundo.”

Jorge Saavedra, director

Seguro que nestes anos de traballo abundan as anécdotas. Poderías compartir algunha connosco?

Bueno, cando rodas ficción todos os días pasa algo, pero penso que hai unha que me fai especial gracia e foi cando fixemos un programa para a Garda Civil de Tráfico e cortamos a N-VI na entrada da Coruña, a petición da propia Garda Civil. Montamos un rebumbio enorme e os propios gardas civís que viñeron cortar o tráfico non o crían e viánse sufrir cada minuto que pasamos alí. Menos mal que tardamos pouco, porque o atasco que se formou foi noticia ao día seguinte.

Podes contarnos en que proxectos estás a traballar nestes momentos?

Pois este ano agardamos que se estreee Fuerza de Paz, unha serie de Alea Media para TVE que rodamos o ano pasado. É un thriller ambientado en Guinea Ecuatorial cunha misión de paz dos Cascos Azules españoles. E agora mesmo estou rematando a rodaxe de Escándalo: retrato de una obsesión, tamén de Alea Media para Mediaset, que coido que tamén hai intención de estreala este ano.

Que che gusta facer cando non estás a traballar?

Pois teño varios hobbies, pero sobre todo ver mioto cine e series, ler novela e cómics, xogar a xogos de mesa modernos de variadas temáticas e estratexias e, cando podo, algún xogo de Playstation. E vou ao ximnasio e a pádel, que tamén hai que moverse.

Categoría: Entrevistas
Etiquetas: