• A entidade celebra o 24 de novembro no Centro Ágora da Coruña un obradoiro de micronarrativas que culminará coa creación dun repositorio de GIFs de obras senlleiras da historia do audiovisual galego, partindo de obras gañadoras dos Premios Mestre Mateo e de películas clásicas conservadas no arquivo do CGAI – Filmoteca de Galicia

A Coruña, 5 de novembro de 2018.- A Academia Galega do Audiovisual celebra o vindeiro 24 de novembro, no Centro Ágora de A Coruña, o obradoiro de micronarrativas GIFATON. Novos formatos de difusión do patrimonio audiovisual galego, que culminará coa creación dun repositorio de GIFs de obras senlleiras da historia do noso audiovisual, partindo de obras gañadoras dos Premios Mestre Mateo e películas clásicas conservadas no arquivo do CGAI-Filmoteca de Galicia.

A comunicación en internet está cada vez máis encamiñada ao formato visual e, na actualidade, os GIFS animados constitúen, en si mesmos, un novo formato de comunicación.  A popularización do uso de smartphones, sitios de descarga e plataformas como GIPHY, teñen contribuido de xeito determinante á súa popularización, especialmente entre a xente nova, grazas ao seu fácil uso e o enorme catálogo de GIFs gratuítos que existen na actualidade. Millóns de GIFs son compartidos todos os días. O patrimonio audiovisual pertence a todas e todos e contén información esencial que forma parte da nosa historia e identidade cultural e os GIFs animados son unha maneira orixinal e novidosa de reivindicalo e compartilo.

Por iso, a Academia Galega do Audiovisual organiza esta innovadora proposta formativa, que permitirá que as persoas participantes se familiaricen co universo GIF dun xeito práctico, da man de María Yáñez e Brais Romero, ao tempo que axudará a visibilizar o patrimonio audiovisual galego, reivindicando o valor das imaxes de arquivo como parte integrante da nosa identidade. Para facelo, contarán con varias obras galardoadas con premios Mestre Mateo, como as longametraxes Trece badaladas, O lápis do carpinteiro, O ano da carracha, León y Olvido, Un franco 14 pesetas, O neno de barro, Os mortos van ás presas, Cela 211, 18 Comidas, Doentes, O Apóstolo, Somos xente honrada, O descoñecido, María (y los demás) ou Dhogs; as series Pratos combinados, As leis de Celavella, A vida por diante, Air Galicia, Padre Casares, Matalobos, Era Visto! ou Serramoura; e as series web Angélica y Roberta, Entre Pipas, El método sueco, Galicia Crime ou Peter Brandon.

Grazas á colaboración co CGAI, as persoas participantes do GIFATÓN terán tamén á súa disposición obras clásicas do arquivo da Filmoteca de Galicia, como Vigo e arredores (1926), Tintorería España (1927), Pontevedra, cuna de Colón (1927), Talleres Alonarti (1928), Galicia y Buenos Aires (1931), Porriño en Buenos Aires (1942), Un viaje por Galicia (1958) ou Castelao en Buenos Aires (1972).

Con todas elas poderán idear as súas propias creacións en formato GIF, que subirán inmediatamente ás plataformas online habilitadas pola Academia, dando forma ás diferentes narrativas e contribuíndo -así- á difusión do patrimonio audiovisual galego.

Academia Galega do Audiovisual organiza o Gifaton co apoio do Concello da Coruña e coa colaboracion do LAIC, o laboratorio Audiovisual de Coruña Dixital, e do CGAI-Filmoteca de Galicia. A inscrición ten un custo de 5 euros para o público xeral e é gratuíta para as persoas socias da Academia, enviando un correo a producion@academiagalegadoaudiovisual.gal entre o 5 de novembro e o 22 de novembro de 2018, indicando nome, apelidos, o motivo polo que se desexa asistir e se a persoa interesada é socia da AGA.

Ligazóns de interese: Dossier informativo | GIFS e Fotografías promocionais