Esta película do recentemente falecido director e guionista de Rábade acadou o Gran Premio do Festival Mundial de Cine para a Xuventude de Cannes no ano 1964

O guionista e produtor Pepe Coira presentará e coordinará o coloquio da nova sesión do ciclo de proxeccións A ilusión é perfecta, que terá lugar o martes 11 de decembro a partir das 20h30

Mércores, 14 de novembro de 2018.- A Academia Galega do Audiovisual (AGA) e o CGAI-Filmoteca de Galicia proxectarán a primeira  e única longametraxe do cineasta galego recentemente falecido Horacio Valcárcel, Miguelín, coa que acadou o Gran Premio do Festival Mundial de Cine para a Xuventude de Cannes no ano 1964 e que tamén foi exhibida no Moma de Nova Iorque ao ano seguinte. Será o martes 11 de decembro, ás 20h30, dentro do ciclo de proxeccións A Ilusión é perfecta, que ten como obxectivo recuperar, reivindicar e lembrar persoas e obras que, por diversos motivos, xogaron un papel destacado na historia do noso audiovisual. A entrada será libre ata completar o aforo.

O guionista e produtor Pepe Coira, nacido tamén en Rábade como o propio Valcárcel, será o encargado de presentar esta sesión especial na que poderemos desfrutar e redescubrir o filme Miguelín, realizado a partir do personaxe creado por Joaquin Aguirre Bellver e que tivo unha exhibición moi escasa, despois da súa estrea.

Horacio Valcárcel naceu en Rábade no 1932, estudou dirección na EOC e foi colaborador habitual dos directores Antonio Mercero e José Luis Garci, para os que asinaría os guións de series de televisión como Verano Azul, Turno de oficio, Farmacia de Guardia ou Historias del otro lado, e das longametraxes Ninette, El abuelo, You’re the one ou Canción de Cuna, traballos polos que foi candidato aos premios Goya ao mellor guión.

A ilusión é perfecta

O 2 de setembro de 1896 o Teatro Circo Emilia Pardo Bazán da Coruña acollía a primeira proxección de cinema en Galicia. Os xornais da época describían así ese instante excepcional: “Fotografía en movemento representando escenas da vida real. A ilusión é perfecta, sendo o espectáculo digno de verse”. A partires deste momento, considerado o inicio da historia do cinema en Galicia, moitos foron os homes e mulleres que participaron co seu traballo e contribuiron coas súas obras ao desenvolvemento da nosa cultura audiovisual. A Academia Galega do Audiovisual e o CGAI recuperan, agora, a expresión “A ilusión é perfecta” para difundir e poñer en valor o noso patrimonio audiovisual.