GIFATON. Novos formatos de difusión do patrimonio audiovisual galego

DATA E LUGAR:
Sábado 24 de novembro de 10h a 20h
Centro Ágora. Lugar da Gramela, 17. A Coruña.

PRAZAS:
Hai 12 prazas dispoñibles. A admisión realizarase por orde de chegada das inscricións.

PRAZO:
O prazo de recepción de inscricións estará aberto dende o 5 de novembro ata o 22 de novembro de 2018.

PREZOS:
Público xeral: 5€
Socias e socios da Academia Galega do Audiovisual: GratuítoA comunicación en internet está cada vez máis encamiñada ao formato visual e, na actualidade, os GIFS animados constitúen, en si mesmos, un novo formato de comunicación.  A popularización do uso de smartphones, sitios de descarga e plataformas como GIPHY, teñen contribuido de xeito determinante á súa popularización, especialmente entre a xente nova, grazas ao seu fácil uso e o enorme catálogo de GIFs gratuítos que existen na actualidade. Millóns de GIFs son compartidos todos os días.

O patrimonio audiovisual pertence a todas e todos e contén información esencial que forma parte da nosa historia e identidade cultural e os GIFs animados son unha maneira orixinal e novidosa de reivindicalo e compartilo.

GIFATON. Novos formatos de difusión do patrimonio audiovisual galego é un proxecto formativo que culminará coa creación dun repositorio de GIFs de obras senlleiras da historia do noso audiovisual, partindo de obras gañadoras dos Premios Mestre Mateo en diversas categorías e películas clásicas conservadas no arquivo do CGAI-Filmoteca de Galicia.

Esta actividade, dirixida a calquera persoa que desexe familiarizarse co universo GIF, mediante sinxelas técnicas de composición e principios básicos de animación, contribuirá á formación dos profesionais e as persoas interesadas nas actividades do sector audiovisual ao tempo que axudará a visibilizar o patrimonio audiovisual galego, reivindicando o valor das imaxes de arquivo como parte integrante da nosa identidade.

 

ORGANIZA a Academia Galega do Audiovisual, co apoio do Concello de A Coruña , coa colaboración do CGAI – Filmoteca de Galicia e do LAIC, Laboratorio Audiovisual de Coruña Dixital.

10:00h: Benvida e Presentación.

10:15h:  MICRONARRATIVAS NA REDE. Sesión formativa a cargo de María Yáñez sobre a linguaxe dos GIFs, a súa historia, os seus usos, etc. Ademais, serán postas en común diferentes liñas de traballo e propostas narrativas para ser levadas á práctica durante a xornada no proceso de creación de GIFs.

12:00h: Formación de equipos de traballo.

12:15h:  OBRADOIRO PRÁCTICO. Sesión formativa a cargo de Brais Romero sobre o uso de software específico para a edición de video e creación de GIFs.

13:00h: Os grupos comezarán a traballar cos materiais audiovisuais proporcionados pola organización. Á vez que os GIFs sexan creados, estes serán subidos ás plataformas online habilitadas pola Academia, dando forma ás diferentes narrativas.

14:00h: Realizarase unha pausa para xantar. Esta comida correrá a cargo da organización.

15:00h: A xornada continuará coa mesma dinámica.

19:00h: Visionado conxunto das creacións feitas polos alumnos.

19:30h: Clausura.

*A organización facilitará a cada participante o equipo informático e o software necesario para o desenvolvemento da actividade.

A Academia poñerá á disposición dos participantes as seguintes obras, todas elas galardoadas cun premio Mestre Mateo,  para seren utilizadas durante a xornada na creacións dos GIFs.

LONGAMETRAXES
Trece badaladas
O lápis do carpinteiro
O ano da carracha
León y Olvido
Un franco 14 pesetas
O neno de barro
Os mortos van ás presas
Cela 211
18 Comidas
Doentes
O Apóstolo
Somos xente honrada
O descoñecido
María (y los demás)

SERIES DE TV
Pratos combinados
As leis de Celavella
A vida por diante
Air Galicia
Padre Casares
Matalobos
Era Visto!
Serramoura

 

 

SERIES WEB
Angélica y Roberta
Entre Pipas
El método sueco
Galicia Crime
Peter Brandon

Grazas á colaboración co CGAI, os participantes do GIFATÓN terán tamén á súa disposición as seguintes obras, pertencentes ao arquivo da Filmoteca,  para seren utilizadas na creacións dos GIFs

ARQUIVOS CGAI – Filmoteca de Galicia

Vigo e arredores (1926)
Tintorería España (1927)
Pontevedra, cuna de Colón (1927)
Talleres Alonarti (1928)
Galicia y Buenos Aires (1931)
Porriño en Buenos Aires (1942)
Un viaje por Galicia (1958)
Castelao en Buenos Aires (1972)

BRAIS ROMERO

Director da revista A Cuarta Parede, crítico de cinema e investigador audiovisual. I Premio María Luz Morales da Academia Galega do Audiovisual na categoría de ‘Mellor videoensaio sobre audiovisual galego’ por ‘Films from Galicia (?)’ e dúas veces accésit na categoría de ‘Mellor ensaio escrito sobre audiovisual galego’, traballa a cotío no campo do videoensaio con traballos como ‘Galicia filmada desde fóra’ ou ‘Un filme galego de emigración’. Ten traballado como monitor para a Asociación de Altas Capacidades de Galicia, así como formador para o Centro Autonómico de Formación e Innovación. Na actualidade está a traballar na súa tese de doutoramento sobre a lingua galega na ficción galega dos últimos anos

MARÍA YÁÑEZ

Xornalista, investigadora e produtora de contidos dixitais, cunha traxectoria de máis de quince anos en cine, televisión e internet, sobre todo explorando as interseccións entre estes medios. É especialista en narrativas interactivas e transmedia, en contido web e en distribución e promoción audiovisual en internet. Traballa de xeito independente como docente de novas narrativas dixitais e documental interactivo, e tamén deseñando e executando estratexias de contidos dixitais e comunicación online para distintos proxectos relacionados co audiovisual

A solicitude de inscrición realizarase enviando un correo electrónico ao enderezo producion@academiagalegadoaudiovisual.gal indicando:
– Nome e apelidos.
– Teléfono de contacto.
– Motivo polo que se desexa asistir ao obradoiro.
– Indicar se a persoa interesada está asociada á Academia Galega do Audiovisual. Unha vez confirmada a reserva de praza por parte da organización, o solicitante terá un prazo de 2 días para efectuar o pagamento da matrícula mediante ingreso bancario no número de conta: ES21 1491 0001 2430 0010 3850 indicando como concepto: “(Nome, Apelidos) Obradoiro GIFATON”. O xustificante bancario de pagamento da matrícula deberá ser enviado ao mail inidicado anteriormente.

Categoría: 2018 / Formación