A Academia Galega do Audiovisual busca Lugares comúns para o sector educativo e o audiovisual

24 / 09 / 2018

  • Sumamos forzas coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) nunha xornada que se celebrará o 19 de outubro na Coruña e que achegará ás persoas asistentes coñecementos e experiencias de éxito na innovación audiovisual como solución docente

A Coruña, 24 de setembro de 2018.- A Academia Galega do Audiovisual celebra o vindeiro 19 de outubro, no Centro Cívico Cidade Vella de A Coruña, a xornada Lugares comúns para a educación e o audiovisual, que abordará a etapa de cambios que vivimos no eido educativo e valorará o papel que xogan os distintos axentes -produtoras, docentes, profesionais do sector audiovisual- co obxectivo de favorecer o diálogo, transmitir coñecementos e experiencias que poidan ser de aplicación e de utilidade á hora de materializar novos proxectos e facilitar, así, a posta en marcha de iniciativas transformadoras.

As xornada comezarán cunha sesión de mañá, organizada pola Academia Galega do Audivisual en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) baixo o título Educación 3.0 e audiovisual, que parte do compromiso de posicionar ao sector audiovisual como un aliado á hora de xerar contidos educativos e procesos metodolóxicos anovadores. Os relatorios están dirixidos principalmente a docentes e traballadores do sector audiovisual, pero tamén presentan interese para estudantes, profesionais e calquera persoa interesada nas posibilidades educativas do medio audiovisual.

Abrirán a xornada José Antonio Velo -da produtora cunha ampla traxectoria en publicidade, TV, postproducción, marketing e deseño 2D e 3D Astragalo Studio- e Mercedes Marcos -da empresa especializada en creación de contidos para canles de YouTube destinados a público infantil e xuvenil Asubío Media- falando sobre a innovación audiovisual como solución docente, ao empregar novos formatos para desenvolver contidos educativos.

De seguido, Luz Castro -fundadora dunha das empresas tecnolóxicas máis veteranas de Galicia, Imaxin Software, e experta en gamificación e desenvolvemento de videoxogos- e Silvia López, doutora en Pedagoxía coa tese Análise descriptiva e interpretativa do deseño e contido dos videoxogos elaborados en Galicia e socia fundadora de DIMElab, spin-off do Grupo de Investigación Stellae da USC- debullarán as posibilidades didácticas dos videoxogos e exporán algunhas das experiencias xurdidas a partir da súa incoporación nas aulas.

Finalmente, María José Arrojo presentará as conclusións de Proyecta -unha iniciativa da Fundación Amancio Ortega e da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre para impulsar experiencias educativas que aúnan aprendizaxe, creación e tecnoloxía- e Fernando Moreno -coordinador TIC do centro- exporá o proxecto Ponte dos Brozos, unha das iniciativas pioneiras de alfabetización TIC levadas a cabo na nosa comunidade, financiada polo Concello de Arteixo. As persoas asistentes coñecerán así, de primeira man, dúas iniciativas galegas que traballan impulsando e visibilizando a integración das TIC no currículum educativo, presentando tendencias e casos de éxito.

Despois de xantar, a sesión de tarde celebraremos o II encontro de docentes de audiovisual que retomará as conclusións da primeira xuntanza entre docentes de primaria, secundaria e bacharelato implicados no ensino e promoción da cultura audiovisual en Galicia, celebrado o pasado 27 de abril, para por en común as conclusións dos grupos de traballo -Repositorio de traballos, Cultura Audiovisual I e II e Audiovisual como Ferramenta Transversal- e abordar a posibilidade de desenvolver estratexias, metodoloxías e ferramentas que apoien o seu labor.

A inscrición é gratuíta, enviando un correo a producion@academiagalegadoaudiovisual.gal antes do 17 de outubro indicando nome, apelidos e o motivo polo que se desexa asistir. Porén, dende a Academia Galega do Audiovisual advírtese que a sesión de tarde é exclusiva para docentes e socios/as da AGA.

Descarga o dossier informativo

Categoría: Novas
Etiquetas: