A AGA colabora coas ‘Mesas interxeracionais do audiovisual galego’ de Curtocircuito

20 / 09 / 2018

A Academia Galega do Audiovisual (AGA) colabora coas Mesas interxeracionais do audiovisual galego: xornadas construtivas para destruír tópicos, mitos e prexuízos do noso sector que se celebrarán os próximos 4 e 5 de outubro dentro do Festival Internacional de Cine – Curtocircuíto. Trátase dun conxunto de relatorios e debates que buscan atopar puntos en común entre os diferentes profesionais e os seus xeitos de traballar e de facer e nos que tamén participan a Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia (CREA), a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), o Clúster Audiovisual Galego (CLAG) e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI).

Nun sector audiovisual cada vez máis diverso, hoxe en día podemos atopar xeracións ben diferenciadas que representan distintos momentos políticos e estéticos do noso audiovisual: desde os anos 80 até 2018. As catro xeracións en activo do sector audiovisual galego xuntaranse nestas mesas para tratar de comprender mellor a natureza, heteroxeneidade e potencial do sector ubicándoos en catro grandes grupos: “Dende a videocreación ata a produción industrial dos 2000” (nados arredor dos anos 60), “A Xeración EIS e outras fornadas de renovación” (nados arredor dos anos 70), “Novo Cinema Galego e outras francotiradoras” (nados arredor do 1980) e “Fillas da crise: novos modelos contra a austeridade” (nados arredor dos anos 90).

Deste xeito, o crítico de cine Brais Romero, a docente Beli Martínez, o director Jorge Coira e o guionista e produtor Antón Reixa porán sobre a mesa o que consideran os seus éxitos e fracasos e os dos seus coetáneos en ‘A túa xeración: acertos e erros’. A análise dos paradigmas establecidos previamente será o punto de partida para ‘Que herdas?’debate que protagonizarán a directora de fotografía Lucía C. Pan, a actriz e directora Sonia Méndez, o eléctrico e iluminador David Melero, e o actor Antonio Durán “Morris”. En ‘Como produces?’ Silvia FuentesFelipe LagePancho Casal e Alfonso Blanco analizarán a creación cinematográfica a través da súa labor como produtores; e os cineastas Adrián Canoura e Oliver Laxe, a directora e montadora Sandra Sánchez, e a docente e investigadora Margarita Ledo protagonizarán o relatorio ‘A creación en clave xeracional’. Para rematar, os cineastas Anxos Fazáns e Xacio Baño e as produtoras Mamen Quintas e Dolores Ben serán os responsables de pechar estas xornadas en ‘Xuntos ou revoltos? Retos de futuro’.

Os debates, que contarán coa moderación da actriz Nieves Rodríguez, a xornalista María Yáñez, o guionista Pepe Coira e os docentes Manolo González e Xaime Fandiño, serán de acceso gratuíto ata completar a capacidade do Auditorio do Edificio ABANCA de Santiago de Compostela. Para asistir é necesario cursar a inscrición previamente a través desta ligazón.

PROGRAMA:

XOVES 4

10h00 | Apertura

11h00 | ‘A túa xeración: acertos e erros’

  • Modera: Nieves Rodríguez, actriz
  • Intervirán: Brais Romero, Beli MartínezJorge CoiraAntón Reixa.

12h00 | Pausa para café

12h30 | ‘Que herdas?’

  • Modera: Manolo González, docente
  • Intervirán: Lucía C. PanSonia MéndezDavid MeleroAntonio Durán “Morris”.

13h30 | Vermú

 

VENRES 5

10h00 | ‘Como produces?’

  • Modera: Xaime Fandiño, docente
  • Intervirán: Silvia Fuentes, Felipe Lage, Pancho Casal, Alfonso Blanco.

11h00 | ‘A creación en clave xeracional’

  • Modera: Pepe Coira, guionista
  • Intervirán: Adrián CanouraOliver LaxeSandra SánchezMargarita Ledo.

12h00 | Pausa para café

12h30 | ‘Xuntos ou revoltos? Retos de futuro’

  • Modera: María Yáñez, xornalista
  • Intervirán: Anxos Fazáns, Xacio BañoMamen QuintasDolores Ben.

13h30 | Vermú

Categoría: Novas
Etiquetas: