Lugares comúns para a educación e o audiovisual

Lugares comúns para a educación e o audiovisual nace como un espazo para favorecer o diálogo entre o audiovisual e outras disciplinas, que facilite a posta en marcha de iniciativas transformadoras.

Atravesamos unha etapa de cambios no modelo educativo. As novas tecnoloxías forman xa parte activa dos procesos de ensino-aprendizaxe en numerosos centros. Neste escenario, o papel do sector audiovisual dista de ser o desexado, xa que se atopa inmerso nun panorama con múltiples posibilidades metodolóxicas, no que, non obstante, resulta complicado detectar os retos que estas plantexan na educación.

Moitas empresas do sector albergan a tecnoloxía e os coñecementos para ofrecer solucións aos retos que se plantexan neste contexto, pero descoñecen as necesidades reais de contidos.

Establecer lugares comúns nos que valorar o papel que xogan os distintos axentes (produtoras, docentes, profesionais do sector audiovisual) é complexo a priori; por iso as xornadas parten do diálogo e a reflexión, procuran a identificación de problemas e de posibles solucións, así como a construción de sinerxias.

Lugares comúns para a educación e o audiovisual quere establecer un diálogo para poder transmitir coñecementos e experiencias que podan ser de aplicación e utilidade á hora de materializar novos proxectos.

Data e lugar de celebración
19 de Outubro 2018 no Centro Cívico Cidade Vella de A Coruña.

Educación 3.0 e audiovisual en colaboración con AGAPI

10:45 CHEGADA DE ASISTENTES E BENVIDA

11:00-11:45 INNOVACIÓN AUDIOVISUAL COMO SOLUCIÓN DOCENTE
Relatorios a cargo de produtoras audiovisuais que realizan contidos educativos empregando novos formatos, con posibles aplicacións nos centros de ensino.

Interveñen:
José Antonio Velo, de Astragalo Studio unha produtora cunha ampla traxectoria en publicidade, TV, postproducción, marketing e deseño 2D e 3D (presentación de 15 minutos)

Mercedes Marcos, de Asubío Media empresa especializada en creación de contidos para canles de YouTube, destinados a público infantil e xuvenil (presentación de 15 minutos)

Quenda de preguntas de 15 minutos

11:45-12:30 O VIDEOXOGO COMO FERRAMENTA EDUCATIVA
Relatorios sobre as posibilidades didácticas dos videoxogos e sobre as experiencias xurdidas a partir da súa incoporación nas aulas.

Interveñen:
Luz Castro fundadora de Imaxin Software, unha das empresas tecnolóxicas máis veteranas de Galicia, experta en gamificación e desenvolvemento de videoxogos (presentación de 15 minutos)

Presentación de Silvia López, Doutora en Pedagoxía coa tese Análise descriptiva e interpretativa do deseño e contido dos videoxogos elaborados en Galicia e socia fundadora de DIMElab, spin-off do Grupo de Investigación Stellae da USC (presentación de 15 minutos)

Quenda de preguntas de 15 minutos

(Pausa)

12:45-13:30 AS TIC AO SERVIZO DA EDUCACIÓN. NECESIDADES DOCENTES
Dúas iniciativas galegas que traballan impulsando e visibilizando a integración das TIC no currículum educativo, presentando tendencias e casos de éxito.

Interveñen:
María José Arrojo presenta as conclusións de Proyecta, unha iniciativa da Fundación Amancio Ortega e da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre para impulsar experiencias educativas que aúnan aprendizaxe, creación e tecnoloxía (presentación de 15 minutos)

Fernando Moreno, coordinador TIC do centro, presentará o proxecto Ponte dos Brozos, unha das iniciativas pioneiras de alfabetización TIC levadas a cabo na nosa comunidade, financiada polo Concello de Arteixo a través de Arteixo Innovación (presentación de 15 minutos)

Quenda de preguntas de 15 minutos e pausa para xantar.

XORNADA DE TARDE
II Encontro de docentes de audiovisual

De 17:00 a 20:00 horas

Retomamos as conclusións do primeiro encontro entre docentes de primaria, secundaria e bacharelato implicados no ensino e promoción da cultura audiovisual en Galicia, celebrado o pasado 27 de abril. O ‘II Encontro de docentes de audiovisual’ poñerá en común as conclusións dos grupos de traballo, desenvolvendo estratexias, metodoloxías e ferramentas que apoien a súa labor actual.

O encontro, exclusivo para docentes e socias e socios da Academia Galega do Audiovisual, constituirá un diálogo aberto entre os asistentes, no que se darán a coñecer as achegas dos tres grupos de traballo (Repositorio de traballos, Cultura Audiovisual I e II e Audiovisual como Ferramenta Transversal) xurdidos do primeiro encontro.

Dirixida a: Docentes participantes nos grupos de traballo xurdidos no encontro do 27 de abril.

As xornadas están dirixidas principalmente a docentes e traballadores do sector audiovisual, pero tamén presentan interese para estudantes, profesionais e calquera persoa interesada nas posibilidades educativas do medio audiovisual.

A inscrición como asistente para a xornada “Educación 3.0 e audiovisual” é gratuíta, enviando un correo dende o 24 de setembro ata o 17 de outubro a producion@academiagalegadoaudiovisual.gal indicando nome, apelidos e o motivo polo que se desexa asistir.

A inscrición como ouvinte para o “II Encontro de docentes de audiovisual” está aberta soamente ás socias e socios da Academia Galega do Audiovisual, é gratuíta enviando un correo a producion@academiagalegadoaudiovisual.gal indicando nome, apelidos e o motivo polo que se desexa asistir.

Categoría: 2018