Oficina de Cooperación Audiovisual (ACO)

A Oficina de Cooperación Audiovisual (ACO) é unha rede profesional que ten como principal obxectivo potenciar o sector audiovisual galego, promovendo a cooperación con creadores, produtoras e institucións. Trátase de acompañar os proxectos ao longo de todo o proceso creativo, para o que se conta con diversas áreas de acción que cobren o desenvolvemento, o financiamento ou o deseño de estratexias de difusión. Xa está dispoñible a plataforma de asesoría audiovisual, unha ferramenta virtual que ofrece un repositorio de recursos para levar a cabo proxectos audiovisuais, consultoría fiscal, laboral e xurídica para socias e socios da AGA e asesoría profesional (dispoñible de balde, para calquera empresa ou persoa) para proxectos en fase de desenvolvemento e/ou difusión. Todas as persoas que traballan no sector poden crear un perfil nesta web, a partir do que poderán facer uso de todos estes servizos.

O equipo de asesoras e asesores, todos eles socios da AGA, está composto por profesionais de recoñecido prestixio en distintas áreas: Beli Martínez, Dani Froiz, Felipe Lage e Luisa Romeo en cinema (longametraxes e curtametraxes de ficción e non-ficción); Araceli Gonda, Pepe Coira, Puri Seixido e Sonia Méndez en Formatos televisivos (ficción unitaria ou seriada (incluíndo webseries), programas informativos, deportivos ou de entretemento); María Yáñez, Adolfo Ponte, Luz Castro e Alfonso Martínez en narrativas interactivas, transmedia e videoxogos (proxectos que implican interacción por parte de usuarios e usuarias); Belén Montero, Carme Nogueira, María Ruido e Xisela Franco en creación audiovisual contemporánea (obras experimentais, videocreacións e instalacións); e Andrea Franco, Víctor Paz Morandeira e José Manuel López en produción avanzada (proxectos na etapa previa á súa estrea, distribución ou comercialización).

Categoría: 2018