O (S8) xa vai pola súa cuarta edición, consolidándose como unha cita única dentro do noso país, xa non só pola súa aposta estética (e ética), senón como modelo de supervivencia baseado no entusiasmo e o rigor. Empezando unha nova e necesaria vía de exploración das vangardas, mundiais pasadas e presentes, este ano a Mostra dedica unha edición especial a Arxentina, grazas á feliz e esperada confluencia que é a continuación e ampliación dunha das obras máis epifánicas e especiais que o Super 8 viu xamais: a de Claudio Caldini, quen dende os anos 70 puxo en práctica unha visión absolutamente persoal e arrebatadora do cine.

Anos despois, unha nova xeración continua os seus pasos con parecido afán de descubrimento e personalidade propia: Pablo Mazzolo, Pablo Marín e Sergio Subero. Ademais desta ponte, a programación da Mostra tende outros á cinematografía arxentina: dende unha exploración da historia oculta das súas vangardas (con obras de autores como Narcisa Hirsch ou Jorge Honik), ata unha viaxe polo legado do cine afeccionado dos films preservados pola colección ARCA (Arquivo Rexional de Cine Afeccionado).

Para pechar este círculo, o CGAI volve participar como unha das súas sedes levando ao seu programa parte da programación do (S8). Fernando Martín Peña e Fabio Manes (Espazo de Recuperación e Conservación do Cine Nacional Arxentino) traen unha mostra breve pero significativa que abre con pezas recuperadas de cine mudo, pasando polo cine da idade de ouro nos anos 50, para pechar recordando a unha figura crave como é Leonardo Favio coa súa ópera prima Crónica de un niño solo considerada como a mellor película da historia do cine arxentino.

 

A pedra angular do outro cine arxentino: Claudio Caldini

Cunha obra cinematográfica que se desprega ao longo de corenta anos como unha constelación misteriosa e incandescente, a figura de Claudio Caldini é, para moitos, a peza central no desenvolvemento diso outro cine en Arxentina, cuxas orixes se remontan ata a década dos anos trinta. Mentor e promotor das novas xeracións de cineastas de vangarda, este artista caracterízase por despregar un amplo abano técnico de instrumentos cinematográficos. Os espectadores do (S8) poderán acceder a tres programas do traballo deste cineasta de culto. O primeiro deles é unha proxección en serie de títulos como Ventana (1975), Baltazar (1975), Aspiraciones (1976), Vadi-Samvadi (1981), ou Gamelan (1981), entre outros. O segundo, ponte entre a proxección convencional e a performance, dará a oportunidade ao público de coñecer un novo tipo de exhibición en cine. Por un lado unha proxección de Super 8 multicanles que se traduce nun tríptico en paralelo, e por outro, un pase en Super 8 multicanles en forma de tríptico en serie (o mesmo filme continuo en tres proxectores sucesivos).

O terceiro dos programas xa responde ao cine expandido. A retrospectiva sobre Claudio Caldini alcanzará o seu zénit en forma de desbordamento coa posta en práctica dunha performance no patio da Fundación Luis Seoane na que chegará a utilizar ata 5 proxectores de forma simultánea e realizará accións como tintar o filtro de cores coa máquina en marcha. Ao mesmo tempo, o cineasta opera simultáneamente un sintetizador analóxico e fitas magnéticas con secuencias musicais xerando unha sonorización espontánea.

 

A historia oculta do cine de vangarda en Arxentina.

Baixo o título “Antología Fantasma: cine experimental argentino” Pablo Marín reúne nun programa inédito, deseñado especificamente para o (S8), no que busca as claves do cine invisible relacionado coa vangarda do país trasandino e que é o verdadeiro motor dunha nova xeración de cineastas. Esta selección de películas, que se proxectarán no seu formato orixinal, abrangue dende a década dos trinta ata os anos oitenta, recollendo as pistas máis lúcidas e cegadoras dun percorrido parcialmente oculto e episódico. Unha antoloxía que transcende o espellismo do representativo para concentrarse nun puñado de films e cineastas tan rigorosos como despreocupados, tan prolíficos como ocasionais e, ao mesmo tempo, o suficientemente “históricos”, como para sacudir o terreo do contemporáneo. Dun e outro lado do Atlántico. Neste contexto o (S8) proxectará títulos de autores como Horacio Coppola, Narcisa Hirsch, Horacio Vallereggio, o propio Claudio Caldini e Jorge Honik e Laura Abel.

O comisario deste programa, Pablo Marín, é docente, cineasta, editor e creador de ‘La Región Central’, blog dedicado ao cine experimental. Foi curador de mostras de cine. Máximo coñecedor da obra de Claudio Caldini. É tradutor ao castelán de textos sobre o cine. As súas películas foron exhibidas en festivais como o de Oberhausen, Rotterdam, Londres, o Museo de Cine de Austria, Anthology Film Archives, Millennium Film Workshop, Pacific Film Archive, BAFICI e Museo de Arte Latinoamericana de Bos Aires, entre outros.

 

Súper 8 contemporáneo: Territorios Afines.

Parte da obra de Pablo Marín poderá verse dentro da sección Super 8 Contemporáneo nun programa que leva por título: “Territorios Afines: Pablo Mazzolo, Sergio Subero y Pablo Marín”. Subero foi curador en 2004 do ciclo de cine e video do Museo de Arte Moderna de Bos Aires (MAMBA). Actualmente é curador independente e traballa en COBRA libros. O seu traballo exhibiuse en Anthology Film Archives (Nova York), TIE (Colorado e Museo de Arte Latinoamericana de Bos Aires), BAFICI, Festival Internacional de Cine de Mar do Prata e en diversas cidades de Europa, Asia e América. Pola súa banda, Mazzolo realizou varias curtametraxes en diferentes formatos fílmicos como Diego la Silla (2001), Hoy (2006), El Quilpo Sueña Cataratas (2012), Oaxaca Tohoku (2012), que participaron en festivais como Rotterdam, Londres, Chicago, BAFICI e Hamburgo.

A selección reúne os títulos máis destacados destes tres novos cineastas arxentinos, que fixeron do soporte fílmico tanto a súa ferramenta coma o seu territorio.

A comisaria deste programa é Magdalena Arau, que xa nos visitou na pasada edición coa performance “Archivo Expandido”, anteriormente estreada en BAFICI. Arau graduouse como comunicadora audiovisual na Universidade Nacional de La Plata onde hoxe en día é docente. Participou en proxectos de teatro e cine como axudante de dirección, guionista e actriz. Como realizadora interésase pola recuperación de materiais de arquivo. Entre as súas curtametraxes figuran Álbum familiar (2006), Diario (2007) e Insomnio (2009). Actualmente está a traballar en proxectos que involucran a experiencia teatral no dispositivo cinematográfico. O seu traballo explora a importancia da imaxe, o son e os medios de comunicación como materia viva, e a súa organización no contexto dunha experiencia escénica.

Tamén comisariado por Magdalena Arau, o Programa ARCA: Cine Doméstico y Aficionado (dentro da sección Super 8 Contemporáneo) xorde da vontade de incluír, no marco dun foco nacional arxentino, a enorme paisaxe composta tanto polas películas afeccionadas como polas imaxes domésticas, fillas dunha práctica cinematográfica que os formatos de paso reducido moldearon durante os seus anos de circulación. Dende películas sen ningunha ambición, que testemuñan a intimidade e que quedaron orfas polo seu propio afán invisible (sen títulos, sen nomes, sen nada máis que dicir), ata pezas máis orquestradas, cunha vontade ficcional deliberada. Curtametraxes que nacen querendo ser cine, e que xorden da experimentación co dispositivo e coas formas de narrar e de construír a posta en escena, apoiándose na intuición. Curtametraxes que non foron proxectadas en anos, cedidos xenerosamente e con grande ilusión polos seus realizadores para esta ocasión. Este programa tamén ten a vontade de dalo nova vida a estas películas.

 

Espacio Filmoteca. Do cine mudo arxentino á Idade de Ouro, os anos 50, e unha homenaxe ao recentemente desaparecido Leonardo Favio.

Dentro da sección Arquivos Históricos, Fernando Martín Peña e Fabio Manes presentan un ciclo de cine coas películas máis representativas da historia da cinematografía arxentina. Estes dous grandes amantes do cine son os creadores do programa Filmoteca (Televisión Pública Argentina) que ten como obxectivo difundir e preservar o cine. Martín Pena é o responsable da área de cine do Museo de Arte Latinoamericano de Buenos Aires (MALBA) e foi director de BAFICI durante tres edicións. Xunto a Manes é responsable do ciclo BAZOFI, unha resposta ao xigantesco festival bonaerense, no que estrean películas inéditas provenientes do seu amplo arquivo, experimentos novos e nalgúns casos composicións “freak”. Fabio Manes, en activo na televisión arxentina dende os anos 90, é documentalista, guionista, cineasta e realizador de curtos humorísticos, compañeiro de batallas de Martín Peña en grandes proxectos como o da Filmoteca de Buenos Aires, da que son artífices xunto a Octavio Fabiano, e que se alza como unha das cinematecas privadas máis importantes de Latinoamérica (o seu arquivo contén o maior número de películas de todo o país e en todos os formatos: 35 mm, 16 mm, pathé e 8 mm).

Dende a década dos 80 emprenden a misión de apoiar e difundir un cine que cada vez ten menos lugar nas salas comerciais. Como coleccionista cinéfilo, Fabio Manes describe dúas categorías desta condición “O canuto, que ten as películas para velas el só, e que sente pracer por mostrar o que ten na súa casa”. Facendo gala de pertencer ao coleccionista do segundo tipo, o “amable e xeneroso”, no seu Espacio Filmoteca presentarán ao público da Coruña tres sesións nas que viaxarán dende a segunda década do século XX con títulos míticos do cine mudo arxentino, pasando pola Idade de Ouro coa obra de Lucas Demare, para deterse nunha homenaxe ao gran Leonardo Favio recentemente desaparecido, a través da que é considerada pola crítica como a película arxentina máis relevante da historia da filmografía do país: Crónica de un niño solo (1965).