En pouco máis de catro anos Lois Patiño converteuse nun dos creadores audiovisuais máis destacados do cine galego. Un feito que se confirma coa selección dos seus traballos, cada vez con maior frecuencia, en festivais de recoñecido prestixio e de corte internacional, que nalgunhas ocasións veñen acompañadas dun premio. O último, apenas uns días atrás, o que lle outorgou o xurado do Ministerio de Cultura da sobresaínte mostra alemá Kurzfilmtage de Oberhausen. Patiño recibiu este galardón acompañado do seguinte fallo: “Premiamos a unha película cuxa narrativa se desenvolve apoiándose unicamente no poder das imaxes, revelando unha montaña profundamente afectada polos seres humanos. Cun traballo de cámara excepcional e unha tonalidade que roza o branco e negro, a película expón o contraste entre a poderosa natureza e a actividade humana sobre esta, representada por un estraño ballet de esquiadores. Unha montaña que está de loito, unha Montaña en sombra por Lois Patiño”.

Na Mostra de Cinema Periférico da Coruña os espectadores poderán volver visitar, redescubrir ou encontrarse por primeira vez, cunhas pezas divididas en dous programas. No primeiro poderán verse catro traballos: Paisaje – Duración (2010), En el movimiento del paisaje (2010), Na Vibración (2012) e a recén premiada Montaña en sombra (2012). Deste modo o público poderá notar a evolución dun estilo único no manexo da composición do encadre, a paixón polos procesos naturais como convite a unha reflexión introspectiva do ser humano e a admiración pola magnificencia das forzas xeolóxicas da Terra. Unhas formulacións estéticas cativadoras nas que a pintura se move.

No segundo programa, un encontro co cineasta, Patiño expoñerá os procesos creativos das súas películas e instalacións. Dende os aspectos da realización das obras, ata as liñas de pensamento que as avalan. Patiño falará tamén sobre os autores que influíron no desenvolvemento do seu traballo. Durante a sesión poderanse ver imaxes da súa propia obra e a dos seus referentes: Herzog ou Benning, Caspar David Friedrich ou William Turner, deixándose notar a influencia daqueles que o guiaron na súa formación en residencias no estranxeiro ou en talleres (Katherin Sieverding, Joan Jonas, Pedro Costa, Víctor Erice, José Luis Guerín ou Daniel Canogar).

Como parte da programación dedicada ao artista de Vigo, tamén se presentarán dous vídeo-instalacións. Unha aloxada na Fundación Novacaixagalicia, sede principal de La Mostra, e que é unha creación inédita que se estreará no contexto do festival co título “La muerte trabajando” (exposta do 5 ao 8 de xuño). Este proxecto parte do vínculo existente entre o rostro, a identidade, a memoria e a morte. A obra está formada por un conxunto de retratos gravados en vídeo onde observamos o rostro dunha persoa mirándose a si mesma no espello, recoñecéndose no seu rostro. En cada vídeo a persoa realiza a acción introspectiva de repasar diferentes momentos da súa vida. Deste modo, ao tempo que se identifica nos trazos do seu rostro, reconstrúe tamén a súa identidade a través da memoria. Estas imaxes mentais do tempo pasado traídas ao presente provocan un choque, e unha conciencia maior do paso do tempo. O proxecto busca centrar a súa atención e evocar esas imaxes escondidas do recordo.

A outra instalación estará exposta na Fundación Luis Seoane baixo o nome de “El cuerpo vacío”. O público poderá acceder a ela dende o arranque do festival o 5 de xuño ata mediados de mes. Esta instalación xira en torno á representación dun estado a medio camiño entre a vida e a morte. Formúlase como un espazo espectral onde o corpo se baleira de vida. Rostros de luz repítense, deforman e reverberan na escuridade da sala, envolvéndote na súa atmosfera. A videoinstalación está formada por varias láminas de metacrilato transparentes que quedan suspendidas no aire. Dun modo sutil estas láminas reteñen o feixe de luz do videoproyector que as atravesa. Ten tamén unha parte sonora, unha música de frecuencia moi baixa que reforza esta idea de limbo.

Con ancho espírito expedicionario, Patiño viaxa coa cámara, pero tamén coas súas películas e instalacións, que xa se puideron ver en centros de arte como o Centre Georges Pompidou (París), MAXXI (Roma), Haus der Kulturen der Welt (Berlín), Museo Reina Sofía (Madrid), Casa Encendida (Madrid); e en festivais como BAFICI (Arxentina), Festival de Oberhausen (Alemaña), Media City Film Festival (Canadá), Festival de Roma (Italia), Rencontres Internationales París/ Berlín/ Madrid, Jihlava Film Festival (República Checa), Festival Punto de Vista, Festival de Las Palmas, Festival de Huesca, e Documenta Madrid, así como agora no (S8) da Coruña.

 

CINE EXPANDIDO CON SELO GALEGO.

Outro talento en alza do cine de vangarda galego é o artista lucense Miguel Mariño. Neste caso co aliciente de ser un dos primeiros creadores audiovisuais da nosa comunidade que seguiu os pasos de artistas como Bruce McClure, Zoe Beloff, Guy Sherwin, Miwa Matreyek ou Magdalena Arau encamiñándose pola senda da performance cinematográfica. Parte da “culpa”, neste caso grata, é da sección Desbordamentos de cine expandido que dende as súas orixes programa o (S8) sendo unha das principais apostas da organización. Mariño presentará na 4ª Edición de La Mostra a súa sesión “Fomos ficando sós” que terá lugar no patio da Fundación Luis Seoane o próximo 08 de xuño a partir das 22:30hrs, precedendo á performance de Claudio Caldini.

Mariño describe a súa máis recente creación do seguinte xeito: Fomos ficando sós é unha viaxe ás profundidades da experiencia cinematográfica entendida como evento de encontro entre o suxeito e a creación da película que ten lugar en tempo real. Utilizando como simboloxía do contexto fílmico os versos do poeta Manuel Antonio “Fomos ficando sós / ou Mar ou barco e máis nós” a filme performance céntrase en facer consciente a audiencia da súa presenza na sala de proxección. A intervención manual nun loop de celuloide transparente, os instrumentos para alterar a proxección multipantalla e o tratamento do son óptico son os elementos que constrúen o ámbito inmersivo. Fomos ficando sós concíbese como unha travesía individual e colectiva que se interna nun “Mar” (nun Cine) onde forma e contido se asocian indisolublemente”.

Técnico superior de Produción Audiovisual titulado pola Escola de Imaxe e Son da Coruña, Miguel Mariño e autor e guionista de series de televisión como “Foto a foto”, “Lendas Vivas”, “Sexado”, “Historias do día a día”; e os documentais “Augardente” e “O nome de Nemo”, en 2007 dirixe a súa primeira curtametraxe Nemo, que foi galardoado co Premio Mestre Mateo á Mellor Obra Experimental. En 2009 dirixiu Alcaián, nominado aos premios do audiovisual galego na categoría Mellor Documental. En 2011 convértese en membro da comisión avaliadora de proxectos presentados ás axudas de desenvolvemento e promoción do talento audiovisual ofrecidas pola Xunta de Galicia.

Paralelamente inicia como creador audiovisual a colaboración con diferentes colectivos artísticos, participando en proxectos de live cinema e film performance. Tal é o caso do seu traballo con “Familia de idiotas no tiene TDT” con quen representa a performance “Deconstucine” no marco do festival Outonarte. En 2011 realizou o apartado audiovisual do espectáculo “Fume”, dirixido por Ángela Blanco, no que a creación e a manipulación de imaxes en directo foi un dos sinais de identidade. En 2012 “Fume” recibe o PREMIO do Instituto Nacional de la Juventud INJUVE á MEJOR PROPUESTA ESCÉNICA. O proxecto obtén tamén unha bolsa de residencia de investigación do Centro Coreográfico Galego (CCG). Durante 2011, 2012 e 2013 represéntase entre outros na 1ª Mostra de Danza de Galicia, o (S8) 2ª Mostra de Cinema Periférico da Coruña, o Festival SinSal Isla de San Simón, Espazo de Intervención Cultural Normal, Teatro Ensalle de Vigo, ata chegar ao Museo Reina Sofia de Madrid.                                                       

En 2012 leva a cabo diferentes espectáculos de live cinema. Participa na exposición “Poñer cóusalas en orde” e “Atardeceres no Gaias” co colectivo República Disco Apocalipso. En 2012, durante a residencia artística en Espazo de Intervención Cultural Normal da Coruña elabora a adaptación á filme performance do proxecto audiovisual La Brecha, dirixido por Marcos Nine, e estreado no (S8).

Actualmente imparte os talleres formativos de experimentación cinematográfica “Cine sin Cámara” e “Tecnoperformance: movimiento, luz y vídeo” no Centro Ágora da Coruña.