Aberto o prazo de presentación de traballos para os VII María Luz Morales

11 / 11 / 2022

A Academia Galega do Audiovisual e as catro deputacións galegas convocan os VII Premios María Luz Morales de Ensaio e Videoensaio sobre o Audiovisual para premiar a excelencia na investigación científica no ámbito audiovisual.

Os premios constan de catro categorías: Mellor ensaio escrito sobre audiovisual galego, Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional, Mellor videoensaio sobre audiovisual galego e Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional. O traballo gañador en cada unha delas recibirá un trofeo conmemorativo e 1.200 euros.

As persoas interesadas en participar poden presentar os seus ensaios escritos e/ou os seus videoensaios sobre temática galega ou internacional dende hoxe, 11 de novembro de 2022, ata o 5 de marzo de 2023 a través do correo inscricions@academiagalegadoaudiovisual.gal.

Os premios,  que contan co apoio das Deputacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, naceron en 2017 para estimular a produción de ensaio e videoensaio en lingua galega e para reivindicar a figura da escritora e xornalista María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona 1980). Especializada na crítica de cine e de teatro, dirixiu o xornal La Vanguardia durante a Guerra Civil, sendo a primeira muller na historia de España en ser directora dun diario estatal. Foi activista feminista, republicana e galeguista represaliada polo franquismo, e autora dunha extensa obra literaria. Considerada unha referencia da incorporación da muller a actividade xornalística e intelectual na España do século XX, mantívose en activo ata os 91 anos de idade.

Bases VII edición | Cláusulas de protección de datos

Etiquetas: