VIII Premios Mestre Mateo

O Pazo da Cultura de Narón acolleu o 15 de abril a gran festa do audiovisual galego que cada ano se celebra con motivo da entrega dos Premios Mestre Mateo que outorga a Academia Galega do Audiovisual en recoñecemento aos profesionais e producións audiovisuais do país. Como vén sendo habitual, nesta oitava edición reuníronse autoridades institucionais, representantes da vida social e económica de Galicia e, principalmente, asociacións e profesionais do sector.

A velada comezou coa benvida do presentador Xosé Antón Touriñán, quen sinalou os motivos de celebración do audiovisual galego neste 2010, entre os que destacou o aniversario dos vintecinco anos da Televisión de Galicia. A noite estivo salpicada de alusións á actualidade galega en clave de humor, dende a crise económica ata o Xacobeo. O propio Touriñán ironizou sobre a súa fichaxe como conductor do evento e vinculouno ao precario contexto económico. Xosé Ramón Gayoso participou como copresentador da cerimonia, primeiro intervindo dun xeito virtual a través dunha gran pantalla e aportando a voz en off que deu continuidade á velada, e máis tarde xa coa súa presencia real no escenario. Este ano a gala foi dirixida por Andrés Mahía, coautor do guión xunto con Xosé Castro “Pato”, e foi retransmitida en Prime Time pola TVG. Repartíronse en total vintesete estuíñas, cada unha delas en representación dunha categoría dos Premios Mestre Mateo, ademais do Premio de Honra Fernando Rey.

 

Enlaces relacionados

Documentos