II Congreso Galego do Audiovisual

No ano 1993 celebrárase en Santiago de Compostela o I Congreso Galego Audiovisual. O obxectivo daquel congreso era claro: reunirse para advertir da importancia do audiovisual, da necesidade de atendelo como algo máis ca unha vistosa manifestación cultural. Nese momento xa existía unha televisión pública galega malia que non asumira o seu papel de motor da produción independente. Apareceran xa na Xunta de Galicia os primeiros organismos especializados no fomento e a formación audiovisual, pero era máis a vontade ca os medios para traballar. Asomaran os primeiros empresarios decididos a facer do audiovisual un sector produtivo. O que non había era o menor contacto entre estas forzas e as forzas económicas. Non se consideraba o audiovisual como un espazo de traballo, como unha industria de futuro.

As conclusións daquel congreso resumíranse en cinco demandas:

  • que o audiovisual fose considerado como sector prioritario
  • que se promulgase unha lei do audiovisual para comprometer os diversos departamentos da administración (en particular os dedicados a cuestións de industria e economía)
  • que a Televisión de Galicia impulsase a produción
  • que se crease un organismo autónomo para o fomento do audiovisual
  • que se loitase por acadar presenza internacional

Dez anos despois, no 2004, non era doado recoñecer a paisaxe. En boa medida, aquelas demandas foran atendidas. Ninguén podía queixarse de que no discurso principal do noso sector non se conxugaran os valores industriais ou económicos. En todo caso podía haber voces que reclamasen reequilibrar o discurso cunha nova atención á dimensión cultural do sector audiovisual, un sector que medrara exponencialmente no seu nivel de facturación e de xeración de emprego pero que, posiblemente, tiña moitas contas que saldar no servizo aos cidadáns e á cultura.
Os dez anos transcorridos desde aquel primeiro congreso estiveron inzados de novidades que transformaron o tamaño, homoxeneidade e intereses do colectivo que formamos o audiovisual galego. Era, pois, tempo de emular aquela convocatoria, de reunirse de novo para advertir onde estamos e cara a onde queremos ir. E, así, os días 16, 17 e 18 de decembro de 2004 no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago celebrouse o II Congreso Galego Audiovisual.

Partiu da idea de se constituír un foro de referencia, involucrando tanto á comunidade empresarial, aos profesionais dos sectores relacionados e ás asociacións correspondentes, así como as entidades públicas e privadas que soportan as actividades que teñen que ver co mundo audiovisual e, por suposto , a estudantes procedentes de facultades relacionadas directamente co mundo audiovisual ou doutras áreas interrelacionadas co sector. O obxectivo era buscar solucións que permitiran crear unha industria cultural forte, con vocación internacional, con denominación de orixe e marca diferenciada no mundo, amais de coñecer como era a realidade audiovisual noutros países.
O programa estruturouse en seis áreas: novos media, perfís profesionais, contidos, cadea de valor, industrias culturais e patrimonio histórico. Relatorios, debates, comunicacións, encontros e proxeccións nutriron o programa do Congreso. Asistiron e participaron profesionais do sector, malia que a convocatoria callou particularmente entre os estudantes, se cadra porque deles é o futuro.
Da multitude de diálogos que se puideron sentir ao longo de tres xornadas cabe sintetizar as seguintes conclusións:

  • O audiovisual ten que ser considerado como industria cultural, concepto equilibrador de dúas caras dunha mesma moeda; unha precisa da outra. Nese marco asistimos a unha acelerada evolución tecnolóxica, de estratexia empresarial e modos de consumo. Nunca, e tampouco agora, foi doado adiviñar o futuro, pero este semella pasar por un cada vez maior protagonismo da xeración de contidos.
  • A diversidade cultural é, amais dunha riqueza que non debemos perder, unha excelente canteira da que extraer eses contidos que nutran o mercado audiovisual. No seu antagonismo coas tendencias homoxeneizadoras das grandes compañías multinacionais convén potenciar o emprego de medidas correctoras baseándose na excepción cultural e, nun territorio das dimensións de Galicia, estimular a vía da coprodución.
  • Máis eficaz conforme máis forte sexa o mercado propio e afondar na vocación da nosa televisión pública como soporte básico da produción independente. A lingua e a identidade, nese contexto, non se limitan a ser un patrimonio que ten que ser preservado, senón que constitúen a nosa principal fortaleza e oportunidade.
  • No ámbito da formación e reciclaxe dos profesionais é preciso afrontar as dificultades de adaptar os programas aos cambios que se acumulan no sector, así como incrementar o emprego e coñecemento dos medios audiovisuais nas aulas. Da nosa formación como creadores e consumidores depende a nosa capacidade de intervir no futuro.
  • Como un clamor fronte á inercia de considerar o audiovisual como a suma de televisión e cine, os novos medios reclaman atención. Distintos produtos, distintos modos de acceso e consumo –desde o en liña ao interactivo– modificaron xa substancialmente o territorio en que nos movemos e vano seguir facendo no inmediato futuro. Non atender a esta realidade, recoñecéndoa e participando activamente dela creando novos contidos, derivaría en renunciar a ter voz propia para limitarse a escoitar o que nos teñan que dicir.

O II Congreso Galego Audiovisual abriuno un convidado de excepción, o cineasta Stephen Frears. Alguén lle preguntou polos mellores argumentos para que Galicia teña presenza propia na paisaxe audiovisual; sinalou tres: «As vosas historias, os vosos corazóns, a vosa imaxinación

Categoría: Outras actividades