Foro Academia Aberta 2014

A Academia Galega do Audiovisual programou para este 2014 unha nova edición, a decimo segunda xa, do seu Foro Academia Aberta. Por cuarto ano consecutivo esta actividade estivo dedicada á formación dos profesionais e estudantes do audiovisual galego, nesta ocasión centrada no Deseño de Vestiario en cine e televisión.

Aínda que nun primeiro momento só se contaba coa participación de Yvonne Blake, decidimos convidar a Helena Sanchís para ter así as experiencias no departamento de vestiario de ambos medios audiovisuais –cine e televisión-, a través destas dúas figurinistas de primeiro nivel, así como para completar a habitual oferta de oito horas.

Durante dúas xornadas gozamos escoitando e aprendendo a través dos seus traballos e da súa experiencia da man de Sanchís e Blake. Os días 13 e 14 de outubro, a Sala Picasso do Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa acolleu as masterclasses programadas e aos 103 asistentes. A presenza de ambas e os seus perfiles enriqueceron enormemente a actividade e a experiencia dos participantes.

Helena Sanchís

O luns, día 13 de outubro deu comezo a primeira das dúas xornadas que comporían o Foro Academia Aberta. O Presidente da Academia, Antonio Mourelos, presentou a figurinista que nos acompañaría durante as catro primeiras horas da actividade, Helena Sanchís.
Helena comezou falando da definición e estudo dos personaxes nos ámbitos psicolóxico, económico, histórico e as súas interaccións cos outros personaxes, para poder a comezar o deseño de vestiario. “O bonito deste traballo non é só deseñar un vestiario bonito senón ter en conta todos os detalles que hai que definir”, apuntou. De cada personaxe que viste, fai unha mostra de cores e de texturas para así documentar a ambientación e deseños que fai.
A figurinista descubriu aos asistentes que emprega a cesión de roupa pero sobre todo roupa de segunda man nas series e nos filmes para así axustarse ao presuposto do departamento. Así mesmo, indicou que as cores elixidas son imprescindibles para crear e recrear o carácter dos personaxes.

Sobre a súa forma de traballo, Sanchís contou que propón un abano de roupa e de aí monta o capítulo tendo en conta os imprevistos de guión que puideran xurdir durante a rodaxe. Sinalou de maneira especial a importancia de ter o inventario de todo o que está na escena en concreto para evitar problemas e manter a continuidade, así como para ver os cambios de vestiario cos decorados e a combinación de cores con outros actores.

Yvonne Blake

Pola súa banda, durante a segunda e derradeira xornada do Foro Academia Aberta que tivo lugar o martes, 14 de outubro, trala presentación novamente da man de Antonio Mourelos, Yvonne Blake comezou contando como foi a súa vida e como lle influencia o filme “Cara de ángel”, momento no cal “decidín que quería adicarme ao deseño de vestiario”.
Durante a sesión, Blake examinou e pormenorizou cos asistentes o vestiario das súas películas máis significativas e mostrou os bocexos e pequenos clips dos filmes para ver os resultados finais: “Ricardo Corazón de León”; “La venus de la ira”, na que recalcou que Sofía Loren era a “nai do equipo porque cociñaba spaghettis para todos”; “Farenheit 451”; “Nicolás e Alejandra”, un filme complicado para ela e polo que gañou o Óscar da Academia, contando aos asistentes a súa experiencia indo a recollelo así como en qué recuncho da súa casa se atopa agora mesmo a estatuíña; “Jesucristo Superstar”; “Los tres mosqueteros”, a propósito do cal nos contou que coñeceu a Chaplin cando foi coa súa filla Geraldine a facer as probas de vestiario; “Robin e Marian”; “Superman I e II” no que empregou unha “tela nova e revolucionaria especialmente tinguida que viña de Austria nos 20 traxes que tíñamos para Christopher Reeve, sudaba moito”, e na que tivo a oportunidade de vestir a un dos seus actores favoritos, Marlon Brando; “Bearn”, cuxo vestido alugábano as noivas para as súas vodas; “Remando al viento”, ao respecto da cal afirma que “traballar con Gonzalo Suárez é unha experiencia marabillosa; “Carmen”; “Tirante el blanco”; “Los fantasmas de Goya”; ou “Encontrarás dragones”.
Explicou a continuación a súa forma de traballar cun regulamento do departamento de vestiario do “A ao Z”. Sinalou en repetidas ocasións que “non somos deseñadores nin estilistas. Axudamos a crear e construír personaxes que deben ser reais e cribles, a moda é un complemento deses personaxes e nunca debe alterar o guión. Os figurinistas axudamos a pintar o cadro”. Ademais, confesou ante os presentes que para ela é imprescindible debuxar os bocexos aínda hoxe en día se ben tivo complexo ata os 45 anos porque non recibiu clases de debuxo.

Ámbalas dúas profesionais salientaron que “ao contrario do que parece, é máis doado traballar época que a actualidade; a xente opina menos e é máis agradecido”, xa que como recoñeceron, no vestiario todo o mundo opina. Tamén subliñaron a importancia da coordinación dentro do departamento e da súa relación con dirección, produción, dirección de arte, maquillaxe e perruquería e efectos especiais e como non, cos actores.