Encontros Mestre Mateo 2014

Nas semanas previas á gala dos Premios Mestre Mateo leváronse a cabo os Encontros Mestre Mateo, onde os finalistas en distintas categorías de producións e profesionais desta XII edición visitaron as escolas de audiovisual de Galicia para un coloquio cos futuros profesionais do sector.
Podemos dicir que dende hai catro anos os Encontros veñen sendo das actividades máis exitosas e demandadas polas escolas ao ofrecer aos estudantes a posibilidade de coñecer de primeira mán a realidade da profesión a través da conversa cos nominados.

Os encontros constan de dúas partes. Una primeira consiste no visionado das obras dos profesionais que asistirán á mesa, e a segunda e máis importante, o coloquio dos citados finalistas nas correspondentes escolas, onde os estudantes, futuros traballadores da industria audiovisual, absorben a experiencia dos xa profesionais e resolven tódalas súas dúbidas sobre o sector.
Este ano os Encontros tiveron lugar dende o 19 ao 31 de marzo e visitáronse as escolas de Santiago (O Raio Verde), Noia (IES Virxe do Mar), Vigo (Escola de Imaxe e Son de Vigo, EGACI e IES Audiovisual de Vigo), Ourense (CIFP A Farixa), Lugo (Escola de Imaxe e Son de Lugo – Fundación TIC) e A Coruña (Escola de Imaxe e Son de A Coruña). Nesta ocasión, os profesionais de realización, dirección de fotografía, curtametraxe, son, música orixinal, produción, película para televisión e serie web participaron activamente nesta actividade.

Así, o 19 de marzo comezouse a viaxe polas Escolas en O Raio Verde en Compostela. A mesa de realización estivo composta por Toño López, finalista á mellor Realización por Galegos no Mundo; Xosé Luís Piñeiro, realizador finalista polo programa Verbas Van; e Alicia Zapatero, realizadora do Zigzag Diario, programa finalista na categoría de mellor Programa de Televisión.

O venres, 21 de marzo visitamos o IES Virxe do Mar en Noia co coloquio de dirección de fotografía. Neste caso estivo composta por Suso Bello, candidato á mellor Dirección de Fotografía por Todos os Santos; Juan Morgade, director de fotografía de O Faro; e Alba Prol, auxiliar de cámara de 9 ondas, filme finalista á mellor Longametraxe.

En Vigo tivemos dúas mesas o luns, 24 de marzo. Pola mañá na Escola de Imaxe e Son de Vigo e a Escola Superior de Artes Cinematográficas de Galicia houbo unha mesa conxunta coa presenza dos directores das Curtametraxes de Imaxe Real finalistas. A mesa estaba composta por Nani Matos, de Flores para Amalia; Fran Estévez, de Idiotas; e Gerardo Codesal, de Real Love.

Pola tarde estivemos no IES Audiovisual de Vigo cunha mesa composta polos finalistas á mellor Música Orixinal (Piti Sanz por Era Visto!, Sergio Moure por Somos xente honrada, Xavi Font por Salgadura e Guille Fernández, do grupo Berrogüeto pola longa Inevitable); e José Alberto Suárez, finalista na categoría de mellor Son por Inevitable.

O martes día 25 achegámonos a Ourense ao CIFP A Farixa a falarlle aos alumnos de producción con Iago Veloso, xefe de produción de Salgadura finalista á mellor Película para TV; Simone Saibene, director e productor da longametraxe finalista 9 ondas; e Verónica Pan, axudante de produción de Luci, finalista na categoría de mellor Serie de TV.

O coloquio sobre series webs chegou á Fundación Tic o venres, 28 de marzo. Composta por parte dos candidatos nesta categoría Pablo Fontenla e Manu Barreiro, director e director de fotografía de Canillejas; Déborah Vukusic da serie web Joke Business; e Raúl García e Bruno Nieto, creadores de El Quid.

Finalmente, rematamos esta edición 2014 dos Encontros coa mesa de película para TV na Escola de Imaxe e Son da Coruña o luns día 31. Estivo composta polos catro compañeiros de nominación Farruco Castroman por Encallados; Pancho Casal por Salgadura; Ángel de la Cruz por Todos os Santos; e Darío Autrán por Tilda&Jean.