Foro Academia Aberta 2008

O Foro Academia Aberta 08 abordou a relación entre o galego e a industria audiovisual baixo o título “A lingua fendida. O audiovisual e o galego”. O encontro tivo lugar no Auditorio Municipal de Ourense os días 14 e 15 de outubro, no marco da décimo terceira edición do Festival de Cine Internacional da mesma cidade.

O FAA 08 estivo coordinado por Carlos Ares, guionista e membro da directiva da Academia, Antonio Mourelos, actor e actor de dobraxe e membro da Academia e Raúl Veiga, director de cine e tamén membro da Academia.

A primeira xornada dedicouse a coñecer os casos de realidades semellantes ao que acontece en Galicia, tanto a nivel estatal (Euskadi e Catalunya) como internacional (Québec e Gales), da man de expertos nos respectivos territorios.

O segundo día estivo máis centrado no caso galego: recoñecidos profesionais debateron sobre a relación do noso idioma co audiovisual desde as perspectivas sociocultural, artística e económica, así como as características que debe ter a linguaxe do audiovisual. Así mesmo, a Academia fixo unha homenaxe á dobraxe en Galicia, que o pasado ano cumpriu vinte e cinco anos como profesión.