Anuario 2013-2014

Calquera diría que non foi moito o tempo que pasou, sen embargo este será xa o cuarto anuario da presente directiva. O cuarto e, polo tanto, último para a maioría dos que formamos esta xunta. Hai catro anos sabiamos perfectamente que, desde logo, non ía ser este o mellor momento para poñerse á fronte da Academia Galega do Audiovisual. Máis alá de intentar manternos e procurar sobrevivir nun sector no que cremos e para o que, humildemente pensamos, os profesionais da nosa terra están sobradamente preparados, tratábase de conseguir da mellor maneira posible non dar un paso atrás. Se o demos ou non, serán o tempo e as distintas análises que no seu día se fagan, quen o xulgue; pero se calquera día, somos conscientes de que todo o que o audiovisual galego conseguiu en uns poucos anos se perdeu en alguns menos, alguén deberá facer constar onde sexa e ante quen sexa, que os culpables teranse que buscar moi lonxe do lugar que os profesionais do audiovisual galego ocupan, ou ocuparon.
Nunca ninguén nos poderá reprochar non poñer todo da nosa parte: o talento, o esforzo, a entrega, a ilusión ou os sacrifios necesarios, deixando como case único límite o que a dignidade e o respecto profesional nos marcan.

Ao longo destes case catro anos, desde a xunta directiva da Academia, non quixemos ser menos que o resto de compañeiros e compañeiras de profesión á hora de aportar sobre todo ilusión, entrega, esforzo e algún que outro sacrificio. Seguramente aportamos pouco máis ou menos a mesma ilusión e entrega, os mesmos esforzos e sacrificios que as anteriores xuntas directivas; sabemos que quen nos suceda, a todo isto, engadirá o talento necesario para que nunca ninguén teña que sentir nostalxia do que algún día fomos.
Con todo…foi unha maravillosa viaxe cargada de coñecemento e aprendizaxe.

Documentos: