Anuario 2010-2011

Aquí vos facemos chegar o quinto número de Papeis da Academia, con alguns cambios con respecto a números anteriores pero en definitiva coa mesma esencia, a de intentar achegarvos un pouco a todos parte do que sucedeu e nos sucedeu ao longo deste curso 2010-2011.

Non sería xusto deixar para o final o agradecemento que toda a xunta directiva actual quere amosar coa directiva saínte. O seu foi un traballo duro, difícil, non sempre valorado na súa xusta medida e, como dicía un compañeiro na última asemblea da Academia, valente. Na nosa intención está continuar polo mesmo camiño que eles trazaron, o camiño da unidade con asociacions e colectivos que conforman o sector, e de diálogo coa administración. Seguramente agora máis ca nunca é necesario que todos comprendamos que o noso é un sector polo que hai que apostar de maneira firme e sen excusas. Chegamos a onde chegamos co esforzo, o traballo e a implicación de profesionais e das distintas administracions. Un paso atrás, incluso un simple deixarse levar pola inercia, significaría botar pola borda máis de vinte anos de pasos curtos, pero decididos e sempre cara adiante.

Tamén agora máis ca nunca se fai necesario reclamar compromiso e confianza á CRTVG para que siga sendo o motor e impulsor do noso audiovisual, noso, de todos, dos preto de tres mil traballadores cos que conta o sector máis dos que cada ano se incorporan procedentes das distintas universidades, escolas ou institutos adicados ao audiovisual. Pero, sexamos honestos, tamén nos toca a nos, os profesionáis, asumir o mesmo compromiso e seguir apostando polo talento e a creatividade, pero aportando o traballo e as ideas necesarias para dar ese paso definitivo que nos achegue cada vez máis a internacionalización do noso sector e nos consolide como o que somos: unha industria que xenera beneficios económicos, culturáis e sociáis.

Por último desexar que, entre todos, sexamos capaces de aglutinar cada vez máis o sector e que se incremente de maneira significativa o número de académicos. Aínda quedan moitos compañeiros e compañeiras que necesitamos ao noso lado para levar adiante algunhas desas ideas que, incluso en tempos difíciles, nos impidan dar un paso atrás.

Documentos:

Anuario 2010-2011 (PDF)

Categoría: 2011 / Publicacións