A Academia Galega do Audiovisual celebra un ano máis o seu tradicional encontro de debate do sector, o Foro Academia Aberta, que nesta ocasión abordará a relación entre o galego e a industria audiovisual baixo o título “A lingua fendida. O audiovisual e o galego”. O encontro terá lugar no Auditorio Municipal de Ourense os días 14 e 15 de outubro, no marco da décimo terceira edición do Festival de Cine Internacional da mesma cidade.
Entre os temas de debate atópase a peculiaridade que supón o uso da lingua propia do país no eido audiovisual, tendo en conta que as producións galegas diríxense tamén aos mercados español e internacional. Esta realidade convive co feito de que a Lei do Audiovisual outorgou ao sector unha alta misión como axente normalizador da lingua e da cultura.

A primeira xornada adicarase a coñecer os casos de realidades semellantes ao que acontece en Galicia, tanto a nivel estatal (Euskadi e Catalunya) como internacional (Québec e Gales), da man de expertos nos respectivos territorios.

O segundo día centrarase no caso galego: recoñecidos profesionais debaterán sobre a relación do noso idioma co audiovisual dende as perspectivas sociocultural, artística e económica, así como as características que debe ter a lingua do audiovisual. Así mesmo, a Academia fará unha homenaxe á dobraxe en Galicia, que o pasado ano cumpriu vinte e cinco anos como profesión. Para iso está prevista a celebración dunha mesa redonda na que profesionais da dobraxe contarán a historia íntima do seu traballo e mesmo rememorarán as dobraxes “míticas” da Televisión de Galicia. Como colofón haberá un recordo especial a María Romero e ao recentemente falecido Xoán Guisán, pioneiros desta profesión en Galicia.

O programa

Martes 14 de Outubro – ¿Tan lonxe? ¿Tan preto?

10:00.- Acto de inauguración: Representantes da Academia Galega do Audiovisual, do Festival de Cine Internacional de Ourense e das entidades patrocinadoras do Foro Academia Aberta 2008.

10:30.- Mesa 1. O caso Québec. Denis Chouinard, director de cine.

Modera: Manuel Fernández Iglesias, Director Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia.

12:30.- Mesa 2. O caso Gales. David Barlow, Director do Centro de Estudos dos Medios de Comunicación e Cultura das Pequenas Nacións, Cardiff School of Creative and Cultural Industries, Universidade de Glamorgan.

Modera: Manuel Fernández Iglesias, Director Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia.

16:30.- Mesa 3. O caso Euskadi. Miguel Ángel Casado, investigador da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade do País Vasco.

Modera: Manuel González, Director da Axencia Audiovisual Galega.

18:30.- Mesa 4. O caso Catalunya. Joan Corbella, profesor colaborador da Universidade Pompeu Fabra e director de contidos do “Observatorio de la Producción Audiovisual” do Grupo de Investigación UNICA.

Modera: Manuel González, Director da Axencia Audiovisual Galega.

Mércores 15 de Outubro – O galego no audiovisual

10:00.- “Desde a fenda da lingua”. Esta mesa ocuparase da forma en que os creadores e as producións audiovisuais deben entender e aplicar os usos estándares da lingua no seu ámbito específicio, con atención ao problema da eficacia comunicativa da lingua do audiovisual en todas as súas formas e rexistros.

Participan: Xerardo Couto, actor e director de dobraxe; X.H. Rivadulla Corcón, guionista e presidente da AGAG; Charo Pena, actriz e directora de dobraxe; Paco Lodeiro, presentador de televisión.

12:00.- “Desde a fenda da arte”. Aínda que a lingua é só un dos instrumentos que poñen en xogo os nosos creadores, ten un papel moi relevante no audiovisual. ¿Cómo traballan os nosos creadores a lingua e como traballan coa lingua? ¿Cómo afecta o conflito lingüístico ao seu traballo? É interesante reflexionarmos sobre as formas en que os nosos xeradores de contidos se enfrontaron (ou non) a ese problema.

Participan: Ignacio Vilar, director de cine; Mario Iglesias, director de cine; Puri Seixido, guionista; Xosé Barato, actor.

16:00.- “Desde a fenda sociocultural”. O proceso a través do cal a lingua galega foi recuperando ámbitos de uso e rexistros expresivos coñece agora unha batalla de certo decisiva: a da consolidación do audiovisual como un ámbito cultural propio, no cal a lingua aparece unha vez máis (¿ou non? ) como instrumento formador e signo distintivo da nosa cultura. Desde esta mesa intentarase facer reflexión crítica sobre a relación actual entre lingua, sociedade, cultura e audiovisual.

Participan: Francisco Campos, profesor da Universidade de Santiago de Compostela; Daniel Domínguez, guionista; Luis Álvarez Pousa, profesor da Universidade de Santiago de Compostela.

18:30.- “Desde a fenda da economía”. ¿Existe unha conciencia nos produtores da importancia da lingua (o apoio público ao audiovisual vai unido por Lei á promoción da lingua e da cultura) ou o galego para eles só é un factor que facilita ou complica o financiamento e a explotación da obra? ¿Realmente supón a lingua unha limitación para a comercialización dos produtos nun mercado cada vez máis internacionalizado?

Participan: Antón Reixa, director e produtor; Eduardo Galán, director de programas da TVG; María Liaño, directora de produción; Dolores Ben, presidenta de AGAPI.

20:00.- “XXV Anos de dobraxe”. O pasado ano a dobraxe en Galicia cumpriu vinte e cinco anos; o ano que ven a dobraxe en galego cumplirá tamén vinte e cinco anos. Criticada e defendida, aínda que non a partes iguais, pouca xente lle negará a esta profesión o seu importante papel como axente normalizador da lingua galega.

Participan: Nieves R. Brisaboa, filla do recentemente falecido Xoán Guisán, e María Romero (homenaxeados); Charo Pena, actriz e directora de dobraxe; Miguel Pernas, actor; Antonio Rubal, actor de dobraxe.

Patrocinadores e colaboradores

O Foro está patrocinado pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Secretaría Xeral de Comunicación, a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte, e a Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Consellería de Innovación e Industria. Así mesmo, conta co patrocinio da Fundación Caixa Galicia e a colaboración do Festival de Cine Internacional de Ourense.

A información relativa á inscrición ao Foro pódese obter na web da Academia Galega do Audiovisual, www.academiagalegadoaudiovisual.gal ou ben chamando ao teléfono 981 227 701.

Coordinadores da programación:

– Antonio Mourelos, actor e membro da Academia Galega do Audiovisual.
– Raúl Veiga, director, guionista e membro da Academia Galega do Audiovisual.
– Carlos Ares, guionista, produtor e membro da directiva da Academia Galega do Audiovisual.