O Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto, organizado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo e a Concellaría de Cultura, continúa apostando pola formación no terreo audiovisual. Nesta V edición do festival, organízanse 3 obradoiros, un destinado aos máis cativos (“Iniciación á animación para Nenos”) e dous destinados aos profesionais do sector (“Cinemar: postprodución e mestura de son” e “Estereoscopía”).
“Introdución á animación para nenos” está destinado a nenos e nenas de entre 8 e 10 anos e terá lugar nas instalacións da facultade de Ciencias da Comunicación as tardes do martes 21 ao xoves 23 de outubro. O director gañador do Premio á Mellor Curta de Animación da Academia do Cine Europeo e dúas veces nomeado aos Goya, Juan Pablo Etcheverry será o mestre desta aproximación lúdica á animación en plastilina ca técnica “stop motion”. O resultado será unha peza animada que se proxectará na Gala de Clausura, o 24 de outubro. Etcheverry tamén impartirá unha clase maxistral para alumnos da Facultade de Comunicación da USC.

O obradoiro “Cinemar: Postproducción e mestura de son”, impartirase nas modernas instalacións dos estudios Cinemar os días 22 e 23 de outubro. Un achegamento ás posibilidades do son no cinema contando cas últimas tecnoloxías en sistemas de son.

Enrique Criado, un pioneiro do cinema estereoscópico a nivel mundial será o encargado da masterclass sobre “Estereoscopía” que traerá a Santiago de Compostela as últimas novidades de cinema en 3D.

As prazas para tódolos obradoiros son limitadas. Xa é posible formalizar a inscrición a través da web do festival www.curtocircuito.org onde tamén se pode atopar toda a información sobre o concurso de curtas, o III Mercado Internacional de Curtametraxes e as demais actividades do festival, organizado polo departamento que dirixe o nacionalista Xosé Manuel Iglesias.