DIVERSIDADE E CALIDADE, O QUE MELLOR DEFINE O 36 CERTAMEN AUDIOVISUAL

3 / 10 / 2008

O Certamen Audiovisual de Vilagarcía vén de pechar o prazo de inscrición de
curtametraxes na sección de competición cun cómputo próximo ó medio milleiro de curtametraxes.
Vilagarcía acollerá desde o 13 ao 16 de novembro a trixésimo sexta edición do máis veterano dos festivais audiovisuais galegos que acaba de pechar o prazo de recepción de traballos presentados a concurso.

Do case medio milleiro de curtametraxes recibidas salientamos unha participación internacional cada vez máis consolidada con traballos procedentes de máis de 20 países, entre eles tan dispares como Francia, Italia, Irán, Brasil, Holanda, Gran Bretaña, Chile, Turquía ou Arxentina, esta última cunha participación moi destacada.

As curtas recibidas xa están sendo visionadas polo comité de preselección que salientou a calidade das mesmas.

PARTICIPACIÓN EN CIFRAS

En canto ás porcentaxes o 80% da curtas proveñen de fóra de Galicia, tanto do ámbito nacional coma internacional. Con respecto á procedencia das curtas galegas a provincia da Coruña e de Pontevedra foron as que máis enviaron, sumando as dúas o 90% dos traballos recibidos desde Galicia.

No conxunto do Estado, Madrid foi a cidade que máis curtas enviou con case un 60% da torta. É preciso puntualizar que moitos dos traballos provenientes desta localidade son de escolas e produtoras, co cal a orixe dos directores é moi variada e esténdese a todo o territorio español. Barcelona, San Sebastián e Málaga tamén cobran protagonismo en canto á súa participación, coincidindo que son berces de importantes festivais de cinema.

A meirande parte dos traballos están inscritos na categoría de Mellor Audiovisual (o 75%), para o Premio Galicia compiten o 10,3% das obras, en animación o 6,3 %, novos realizadores (estudantes de centros galegos especializados) 5,5% e Liceo Casino (directores do Salnés) 2,4%

O perfil dos traballos presentados é moi heteroxéneo; desde curtametraxes gañadoras noutros festivais ata traballos que concorren por vez primeira; directores que proveñen do campo da interpretación xunto a directores noveles, traballos experimentais e traballos que recuperan formatos clásicos. En definitiva, unha grande ariedade de filmes que fan do 36 Certamen Audiovisual un evento aberto á diversidade cultural e á riqueza cinematográfica.

Categoría: Novas
Etiquetas: