O CGAI ESTREA OS TRABALLOS GALEGOS ‘ENTRE LINGUAS’ E ‘THEREMIN AZULEXO’

22 / 03 / 2010

O  Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) estrea hoxe luns día 22 de marzo (20.30 horas) os traballos galegos ENTRE LINGUAS (2010) de Vanessa Vila Verde Lamas, Eduardo Sanches Maragoto e João José Varela Aveledo e THEREMIN AZULEXO (2010) de David Castro Sopeña. Ambos traballos recibiron subvención na última convocatoria de Talento do AGADIC. Vanessa Vila Verde Lamas e David Castro Sopeña estarán presentes para falar das obras e ter un encontro co público asistente. A entrada é gratuíta.

ENTRE LINGUAS     
(España, 2010)
Dirección, guión e fotografía: Vanessa Vila Verde Lamas, Eduardo Sanches Maragoto e João José Varela Aveledo. Produción: Colectivo Glu-Glu. Duración: 30  minutos.
O ‘galego de Cáceres’, o contacto ao longo da fronteira con Portugal, desde Zamora ata Badaxoz, un percorrido polos territorios que, por diferentes vicisitudes históricas, posúen actualmente soberanía española e conservan formas lingüísticas e/ou dialectais moi semellantes ao galego. Que é finalmente o galego? Será que a lingua portuguesa, en contacto co castelán superposto a través dos séculos, pode dar orixe a outros galegos? Documental de máxima vixencia montado por Ramiro Ledo e con música (De la vida de las piedres), extraída de Diariu 2 dos asturianos Nacho Vegas e Ramón Lluís Bande.
 
THEREMIN AZULEXO     
(España, 2010)
Dirección, fotografía e produción: David Castro Sopeña. Duración: 12 minutos.
Curtametraxe experimental gravada nun itinerario errático por distintas poboacións da costa atlántica de Galicia. Concibido como unha prótese ou labirinto, as fachadas de azulexo son filmadas mediante aproximacións e en planos fixos que logo se sincronizarán co son electrónico dun Theremin. A canle narrativa xorde por momentos en clave de western. A faciana de Dude (o shériff de mans trementes de Río Bravo) reflíctese na auga dun barreño, os espazos baleiros alternan sons planos e sintéticos con rugosidades, a caixa que garda a voz do Theremin revélase como artificio.


Categoría: Novas
Etiquetas: