O TEATRO GALEGO REIVINDICA AS ARTES ESCÉNICAS E A CULTURA COMO SECTOR PRODUTIVO ESTRATÉXICO PARA GALICIA

22 / 03 / 2010

A escritora e articulista María Xosé Queizán é a asinante do Manifesto Galego do Día Internacional do Teatro desta XIV edición dos Premios de Teatro María Casares. Queizán fará lectura pública do Manifesto durante a Gala de entrega dos galardóns, que terá lugar o vindeiro mércores, 24 de marzo,  no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

Nunha coxuntura económica e política coma a actual, o texto da directora da revista ‘Festa da palabra silenciada’ fai fincapé na relevancia do teatro e da cultura en xeral como sector produtivo e estratéxico xerador de riqueza, xa que “a cultura en Galiza xera un PIB de case un 2%, por riba do sector textil, do naval e do químico”, engade Queizán.

Aínda máis, as palabras de María Xosé Queizán no Manifesto reivindican “o gran papel que (o clan do teatro) ten nas súas mans, nunha sociedade que tanta necesidade ten de acción, de progreso e de transgresión”. Con este texto co que as artes escénicas galegas conmemoran o 25 aniversario da constitución da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Queizán chama a atención sobre o teatro como “escola do mundo moral, que ten unha gran responsabilidade ética” e no que se une “pensamento e acción; política e liberdade”.

A poucos días xa para que se celebre a Gala dos Premios de Teatro María Casares, nos que se dará a coñecer o mellor da tempada escénica que ben de rematar, non só haberá oco para as palabras da escritora e columnista galega, senón para toda a escea galega, que se dará cita na Coruña para celebrar a súa gran cita anual.

A gala, organizada pola AAAG e o Concello da Coruña, conta co patrocinio do AGADIC, a Direccion Xeral de Creacion e Difusion Cultural, a Fundacion AISGE, o Padroado de Cultura de Narón, Caixanova, Gadis, SGAE, Fundacion Autor, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, Cadena Ser e TVG, que retrasmitirá o evento.


Categoría: Novas
Etiquetas: