- Comeza un ambicioso plan formativo que nos próximos meses estará protagonizado polos contidos 360, a realidade virtual ou a visibilización de obras que xogaron un papel destacado na historia do noso audiovisual
- Este domingo 21 comeza na Coruña a terceira edición da Semana das Músicas do Audiovisual, que aglutinará concertos e formacións ata o próximo 26 de outubro
A Coruña, 18 de outubro do 2018.- Esta mañá inaugurouse no Centro Ágora a nova sede da Oficina de Cooperación Audiovisual (ACO) e da Academia Galega do Audiovisual coa presenza de José Manuel Sande, Concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento; Nani García, Vicepresidente da AGA e Director Artístico da III Semana das Músicas do Audiovisual); Susana Veira e Ana Míguez, membros da Xunta Directiva da AGA. O Concello da Coruña cedeu a nova sede á Academia Galega do Audiovisual, reforzando así o seu apoio ás principais actividades que viña desenvolvendo a AGA na cidade: os Premios Mestre Mateo e a Semana das Músicas no Audiovisual (SEMUA), que celebrará a súa terceira edición entre os próximos 21 e 27 de outubro.
Tal e como destacou Sande, este apoio permitiu tamén a creación dunha Oficina de Cooperación Audiovisual (ACO) para a asesoría de proxectos e a xestión de permisos de rodaxe na cidade, así como a elaboración dun completo Plan de formación dirixido principalmente a profesionais no que se tiveron en conta ás asociacións de profesionais máis representativas do sector audiovisual en Galicia.
Este plan formativo, tal e como apuntou Susana Veira, dará comezo mañá, venres 19 de outubro, coa actividade Lugares comúns (para a educación e o audiovisual), organizada en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Independentes e na que se abordará a etapa de cambios que vivimos no eido educativo valorando o papel que xogan os distintos axentes co obxectivo de poñer en marcha de iniciativas transformadoras.
Ademais, no mes de novembro coñeceremos en Contidos en 360/VR para narrativas de ficción e documental as técnicas e as claves do deseño de contidos para un novo entorno que nada ten que ver coa narrativa audiovisual tradicional, na que é o espectador, e non quen dirixe, o que move a cámara. Esta actividade, dirixida principalmente a profesionais do sector audiovisual e desenvolvedores de contidos, está organizada en colaboración coa Asociación Galega de Guionistas (AGAG) e a asociación de directores e realizadores de Galicia (CREA).
A próxima semana dará comezo, tamén, o ciclo de proxeccións A Ilusión é perfecta que, en colaboración co CGAI-Filmoteca de Galicia, ten como obxectivo recuperar, reivindicar e lembrar a persoas e obras que, por diversos motivos, xogaron un papel destacado na historia do noso audiovisual. A primeira das sesións estará incluídas dentro da programación da SEMUA e contará con José Nieto. A segunda das proxeccións estarán adicadas a Horacio Valcárcel, guionista galego recentemente falecido que asinado guións para José Luis Garci ou Antonio Mercero.
O propio Nieto será tamén o convidado especial desta III Semana das Músicas no Audiovisual, que se celebrará dende o 21 ata o 26 de outubro e que terá a súa sede no Teatro Colón. Nani García quixo destacar de entre todas as actividades programadas o concerto que a Orquesta Sinfónica de Galicia, dirixida por Andrés Valero-Castells, ofrecerá o venres 26 de Outubro interpretando algunhas das principais partituras de José Nieto así como temas de compositores galegos de renome como Xavi Font, Sergio Moure, Manu Conde, Manu Riveiro ou o propio Nani García. As entradas están xa á venda. Nesta iniciativa tamén haberá lugar para as formacións co obradoiro sobre A Lei de Propiedade Intelectual na contorna dixital actual que impartirá Darío Palomo, as clases maxistrais sobre ‘Composición Musical para Videoxogos’ de Vicent Tobar (en colaboracion coa asociación Videoxogo.gal) e ‘Plantillas na composición para audiovisual’ de Vanessa Garde e o obradoiro de ‘Composición para audiovisual con guitarra’ de Lucas Suárez.
A ACO (Oficina de Cooperación Audiovisual)
Ademais de acoller as novas oficinas da Academia Galega do Audiovisual, o Ágora será tamén a sede da ACO, unha rede profesional que ten como principal obxectivo potenciar o sector audiovisual da cidade, promovendo a cooperación con creadores, produtoras e institucións. Trátase de acompañar os proxectos ao longo de todo o proceso creativo e de produción, para o que se conta con diversas áreas de acción que cobren o desenvolvemento, o financiamento, a procura de localizacións e xestión de permisos para filmar en A Coruña ou o deseño de estratexias de difusión. Dende a ACO ofrécese asesoría profesional para proxectos en fase de desenvolvemento e/ou difusión da man de un equipo de asesoras e asesores, todos eles socios da AGA, composto por profesionais de recoñecido prestixio en distintas áreas: ciinema -Beli Martínez, Dani Froiz, Felipe Lage e Luisa Romeo-, formatos televisivos -Araceli Gonda, Pepe Coira, Puri Seixido e Sonia Méndez-, narrativas interactivas, transmedia e videoxogos -María Yáñez, Adolfo Ponte, Luz Castro e Alfonso Martínez-, creación audiovisual contemporánea -Belén Montero, Carme Nogueira, María Ruido e Xisela Franco- erodución avanzada -Andrea Franco, Víctor Paz Morandeira e José Manuel López-. O prazo de asesoría de proxectos en desenvolvemento continuará aberto ata finais de outubro mentres que o prazo para proxectos en fase avanzada de produción estará activo no próximo mes de novembro.