NOVAS DO SECTOR: O CONSORCIO AUDIOVISUAL DE GALICIA E O CICA ORGANIZAN AS XORNADAS DE PITCHING, COMO VENDER UN PROXECTO AUDIOVISUAL

2 / 02 / 2007

O Consorcio e o CICA (Curso de Posgrao de Comercialización Internacional de Contidos Audiovisuais) van organizar as xornadas de PITCHING, como vender un proxecto audiovisual para amosarlle aos profesionais do sector as estratexias de comunicación e as técnicas de pitching de cara á presentación dos seus contidos audiovisuais a potenciais inversores ou compradores.
O CONSORCIO AUDIOVISUAL DE GALICIA E O CICA ORGANIZAN AS XORNADAS DE PITCHING, COMO VENDER UN PROXECTO AUDIOVISUAL

Un dos produtores executivos de Pérez, o ratiño dos teus soños, gañadora do Goya 2006 á mellor longametraxe de animación, e o guionista dalgúns dos máis recentes éxitos de Filmax participarán nestas xornadas.

O Consorcio e o CICA (Curso de Posgrao de Comercialización Internacional de Contidos Audiovisuais) van organizar as xornadas de PITCHING, como vender un proxecto audiovisual para amosarlle aos profesionais do sector as estratexias de comunicación e as técnicas de pitching de cara á presentación dos seus contidos audiovisuais a potenciais inversores ou compradores.

Conseguir que un proxecto audiovisual se materialice supón un proceso moi longo que comeza, precisamente, coa presentación e defensa en moitos casos tan só dunha idea, para a procura de financiamento ou a venda de dereitos de explotación.

O mercado do audiovisual a nivel internacional é moi competitivo e, ás veces, o que fai que un proxecto se leve finalmente a cabo é unha boa presentación e defensa do mesmo. De aí o interese por organizar estas xornadas para os profesionais en activo e os que se están a preparar para selo.

Estas xornadas terán lugar na Facultade de Comunicación Audiovisual, Campus de Elviña, os días 23 e 24 de febreiro e os días 13 e 14 de abril. Terán un carácter eminentemente práctico logo dunha breve introdución teórica na metodoloxía do pitching, xa que se incluirá unha fase de adestramento mediante técnicas de role-play e simulación, de xeito que os participantes van ter que defender o proxecto audiovisual que lles sexa asignado polo titor.

Por outra banda, as defensas e presentacións dos proxectos serán gravadas en vídeo e despois da súa edición serán obxecto de análise individual co titor, para o que se convocará aos participantes previamente e de maneira individual.

Para desenvolver estas xornadas contarase coa experiencia de dous profesionais vinculados a unha das máis importantes empresas españolas que comercializan o cine español por todo o mundo: Filmax Entertainment. Trátase, por unha banda, de Paco Rodríguez, produtor executivo de Filmax Animation en longametraxes con tanto éxito como El Cid, La Leyenda; Gisaku ou, máis recentemente, a gañadora do Goya 2006 Pérez, o ratiño dos teus soños; e por outra banda, de Ángel E. Pariente, guionista de Gisaku, Donkey Xote, El Guerrero sin nombre e The Waiting, entre outras.

Categoría: Novas
Etiquetas: