O presidente do Clúster Audiovisual Galego, Antón Reixa, acompañado doutros membros da xunta directiva, participou onte na Cidade da Luz de Alicante nunha xornada organizada polo Centro de Dinamización do Audiovisual Valenciano (CEDAV), na que se deron cita directivos dos dous únicos clústers audiovisuais de España –Galicia e Euskadi– e os responsables do clúster que está en proxecto na Comunidade Valenciana, co obxectivo de intercambiar experiencias sobre organización, métodos e obxectivos.
O CLÚSTER AUDIOVISUAL GALEGO EXPORTA O SEU MODELO DE ORGANIZACIÓN Á COMUNIDADE VALENCIANA

O presidente do Clúster Audiovisual Galego, Antón Reixa, acompañado doutros membros da xunta directiva, participou onte na Cidade da Luz de Alicante nunha xornada organizada polo Centro de Dinamización do Audiovisual Valenciano (CEDAV), na que se deron cita directivos dos dous únicos clústers audiovisuais de España –Galicia e Euskadi– e os responsables do clúster que está en proxecto na Comunidade Valenciana, co obxectivo de intercambiar experiencias sobre organización, métodos e obxectivos.

A reunión obedece ao interese da Comunidade Valenciana polo funcionamento do Clúster Galego, ao cal está tomando como referente á hora de diseñar o modelo de organización do seu Clúster. En resposta a este interese, Antón Reixa expuxo en Alicante a experiencia do Clúster Galego dende a súa creación en febreiro de 2003, destacando o crecemento experimentado no número de empresas asociadas, que pasou de 32 a 46 na actualidade. Consolidada como unha alianza compacta e independente, os seus asociados representan as empresas máis innovadoras do sector audiovisual en toda a súa cadea de valor, dende a produción audiovisual para TV, a produción e distribución cinematográfica, a animación, operadores de telecomunicacións, centros tecnolóxicos, as televisións autonómica e locais, centros de formación audiovisual, así como empresas de servizos. No seu conxunto, este entramado de empresas factura máis de 100 millóns de euros anuais e proporciona emprego a máis de 2.000 personas en Galicia.

Os obxectivos do Clúster pasan por consolidar a industria audiovisual de Galicia, a creación de emprego de calidade no sector e o establecemento de alianzas e sinerxias empresariais que permitan desenvolver proxectos punteiros que fagan da comunidade un referente no panorama internacional da creación audiovisual.

Na súa intervención, Antón Reixa tivo oportunidade de presentar os diferentes plans de actuación previstos para este ano, entre os que destacou a implantación dunha marca para o audiovisual galego e o proxecto Audiovisual Galego Responsable, concebido para sensibilizar ás empresas do sector sobre a Responsabilidade Social Corporativa (RSC). Na súa intervención, o presidente do Audiovisual Galego describiu o proxecto de Responsabilidade Social Corporativa (RSC) que o Clúster leva a cabo en colaboración coa Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e coa Consellería de Innovación e Industria no período 2006-2007. Representa unha análisise profunda da situación actual da RSC, dixo Reixa, para saber que facemos ben e en que debemos mellorar. Os obxectivos deste proxecto son facilitar un maior e mellor coñecemento e sensibilización en materia de responsabilidade social corporativa, para o que o Clúster porá en marcha medidas que favorezan os comportamentos responsables e solidarios das empresas audiovisuais no ámbito laboral, social, medioambiental e de igualdade de oportunidades. A través desta iniciativa, o Clúster quere divulgar entre as súas empresas a difusión dos beneficios de adoptar comportamentos socialmente responsables en todas esas áreas.

Antón Reixa lembrou tamén que o Clúster Audiovisual Galego, na súa vontade de pertencer aos foros tecnolóxicos máis cualificados, tanto nacionais como comunitarios, forma parte da Plataforma Tecnolóxica Española de Sistemas Audiovisuais en Rede, e-NEM, un grupo de excelencia e coordinación técnico-científica do sector audiovisual, composto polos axentes máis relevantes do sector, que ten como obxectivo constituir unha rede sólida de empresas que xeneren proxectos científicos-tecnolóxicos singulares, de carácter estratéxico e alta prioridade, e potencien a participación española na definición das prioridades dos programas marco de investigación.

Visita á Cidade da Luz

No encontro, o vicepresidente do CEDAV, Emilio Pérez, presentou o proxecto do Clúster Cinematográfico Valenciano e posteriormente os participantes fixeron unha análise de futuras liñas de actuación conxunta interclústers, realizaron unha comparativa entre os modelos dos diferentes clústers audiovisuais, analizaron posibles sinerxias e contemplaron a creación dun foro de encontro permanente.

Durante a súa estadía na Comunidade Valenciana, a delegación galega, integrada por Antonio Reixa; Xose Manuel Barreira, coordinador do comité executivo; e Carla Reyes, xerente do Clúster, tivo a oportunidade de visitar os estudos da Cidade da Luz de Alicante, situada na localidade alicantina de Aguamarga. Trátase dun complexo industrial audiovisual de 320.000 m2 presidido polo director de cine, Luis García Berlanga, que consta de estudos de cine e platós ao servizo da rodaxe cinematográfica e a produción de audiovisuais (cine, televisión e publicidade).