NOVAS DO SECTOR: O CLÚSTER AUDIOVISUAL CELEBRA EN A CORUÑA O PRIMEIRO CURSO DE PROGRAMACIÓN DE TV INTERACTIVA DE ESPAÑA

25 / 05 / 2007

Un grupo de vinte profesionais, na meirande parte enxeñeiros de telecomunicacións e informáticos, programadores e técnicos de I+D, participaron esta semana no curso sobre Programación en televisión interactiva: OpenTv, inaugurado o pasado día 21 e clausurado hoxe en A Coruña O CLÚSTER AUDIOVISUAL CELEBRA EN A CORUÑA O PRIMEIRO CURSO DE PROGRAMACIÓN DE TV INTERACTIVA DE ESPAÑA

Un grupo de vinte profesionais, na meirande parte enxeñeiros de telecomunicacións e informáticos, programadores e técnicos de I+D, participaron esta semana no curso sobre Programación en televisión interactiva: OpenTv, inaugurado o pasado día 21 e clausurado hoxe en A Coruña. As sesións comezaron cunha introdución á televisión dixital interactiva, a súa historia e as súas aplicacións, continuando coas técnicas para programar elementos gráficos e controlar a súa interacción co usuario. Asemade, o curso abordou a utilización de extensións de comunicación de OpenTV e a xestión da información da Guía Electrónica de Programación.

Trátase do primeiro curso especializado destas características que se celebra en España e forma parte do ciclo Capital Humano, organizado polo Clúster Audiovisual Galego, en colaboración co IGAPE e a Obra Social de Caixa Galicia, no que se abordan con carácter monográfico os temas de máis actualidade e maior interese para os recursos humanos do sector audiovisual. O ciclo está dirixido ao colectivo de profesionais que traballan no sector audiovisual coa finalidade de contribuir a que a industria audiovisual galega teña os profesionais máis solventes e cualificados, conformando equipos cun perfecto equilibrio entre xestores, técnicos e artistas, capaces de explotar toda a potencialidade do sector.

Televisión dixital interactiva: demanda dun novo perfil profesional

A interactividade vai cambiar radicalmente o xeito de relacionarse que ata agora tiña o espectador cos produtos audiovisuais, de maneira que será el quen agora decida que, como e cando quere que se lle sirvan os contidos. O público poderá interactuar co seu televisor e ata requirir máis información sobre as temáticas ou protagonistas dos programas que está a ver; o espectador, en definitiva, deixa de ser un suxeito pasivo para converterse nun suxeito activo e participar directamente no acto da comunicación audiovisual. Nese contexto, o curso celebrado esta semana tivo como obxectivo dar resposta ás novas demandas formativas que representa o novo escenario da televisión dixital interactiva, que require un novo perfil profesional, como factor determinante para dar pulo e saída a todos os proxectos das empresas audiovisuais galegas no presente e no futuro.

Para satisfacer estes novos requerimentos formativos, o curso foi impartido por dous técnicos de Fresh IT Technologies, unha empresa de capital español, especializada no desenvolvemento de solucións e servizos para televisión dixital interactiva: Santiago Rodríguez, que ten participado na xeneración de servizos de EPG para operadores de cable e satélite e proxectos de comunicacións para plataformas de televisión dixital, como Digital +, Auna, Euskaltel e Sky, tanto en Open TV como en Media Highway; e Juan José Martín, que desenvolve a súa labor como efe de Proxecto, participando na xeneración de solucións avanzadas para operadores de cable como Auna e Euskaltel, coa xeneración de sistemas de alarmas, recordatorios, servizos de Pago por Visión, sistemas de búsquedas e alarmas, etc.

Oficiña de promoción da Tv interactiva

O curso de programación celebrado en A Coruña forma parte das actividades que o Clúster Audiovisual canaliza a través da súa Oficina de Promoción da Tv interactiva, creada o pasado mes de febreiro para ofrecer asesoramento e apoio a todas as empresas audiovisuais interesadas en desenvolver formatos interactivos e subministrarlles, así mesmo, información sobre axudas e subvencións para os proxectos ou suxerirlles canles de desenvolvemento dos seus negocios, nun momento no que os axentes da industria audiovisual teñen grandes expectativas ante o novo modelo de negocio que a interactividade representa.

Categoría: Novas
Etiquetas: