A Academia Galega do Audiovisual organiza os días 25 e 26 de outubro en horario de tarde unha masterclass que levará a cabo o director artístico Félix Murcia.

Baixo o título “Foro Academia Aberta. A expresión plástica no cine” ao longo de dúas sesións traballarase da man do director artístico de filmes como “Carmen” de Carlos Saura, “Mujeres al borde de un ataque de nervios” de Pedro Almodóvar”, “Secretos del corazón” de Montxo Armendáriz, “El perro del hortelano” de Pilar Miró e “El caballero Don Quijote” de Manuel Gutiérrez Aragón, entre outras moitas, galardoado en cinco ocasións co Premio Goya na súa categoría. Félix Murcia afondará nos elementos e profesionais que forman parte do departamento de dirección artística, falará do procedemento a seguir para elaborar un proxecto de dirección artística, dos criterios plásticos e o aspecto visual das películas, así como da ambientación e construción de decorados.

A masterclass, que terá lugar nas instalacións da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, van dirixidas a profesionais, estudantes e tódolos interesados en coñecer máis en profundidade esta faceta cinematográfica. A duración de cada unha das sesións é de 4 horas, en horario de 16.00 a 20.00h. As prazas serán limitadas para garantir a calidade da masterclass.

Nos arquivos adxuntos atoparedes ademais do programa da actividade, a folla de inscrición para a actividade así como o extenso CV de Félix Murcia.